Un equipo de xuristas internacionais determina que as accións do Goberno español contra o movemento independentista catalán son ilegais. Os expertos móstranse preocupados polas violacións de dereito español e internacional por parte de España e “unha clara falta de separación de poderes”. En declaracións ao xornal alemán Junge Welt, un destes expertos, o presidente do Centro Europeo de Dereitos Constitucionais e Humanos (ECCHR) de Berlín, Wolfgang Kaleck, pide a intervención dos estados membros e das institucións da UE.

 

 

Segundo o Relatorio, o Tribunal Constitucional “adopta un papel político e lexislativo cuxa finalidade é manter España unida”

Un grupo de expertos internacionais en dereito, entre os cales figuran o francés Jean Paul Costa, antigo presidente do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, e o belga François Tulkens, antigo xuíz desta mesma corte, publicou un relatorio en que valoran as accións do Goberno español contra o movemento independentista catalán do punto de vista da proporcionalidade das medidas e da súa compatibilidade co dereito internacional.

Wolfgang Kaleck, fundador e presidente do European Center for Constitutional and Human Rights (ECCHR), e membro do grupo de expertos que redactou o relatorio, manifesta a importancia destas cuestións nunha entrevista ao diario alemán Junge Welt: «Sempre se debate ao redor de se a secesión sería legal ou non, mais unha grande parte das medidas do Estado español que estivemos analizando foi aplicada antes da declaración de independencia. A nivel xurídico tería que diferenciarse máis». O experto alemán tamén lembra que “mesmo diversos xuristas españois cuestionaron a legalidade destas actuacións”.

Segundo Kaleck, a petición do partido Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), este grupo de expertos analizou de forma independente e desde unha perspectiva meramente xurídica tanto as medidas do Tribunal Constitucional español contra o traballo dos deputados do Parlament de Catalunya como a persecución penal a que foron sometidos entre 2013 e 2017.

Violacións de dereitos básicos e falta de división de poderes

Os xuristas internacionais chegan á conclusión de que se trata de medidas que supoñen graves violacións da legalidade e da división de poderes. O feito de o Tribunal Constitucional poder determinar que se debate e que se vota no Parlament catalán e o feito de se persiguir a nivel xurídico e penal os deputados cataláns por «desobediencia» supón «un ataque frontal a dereitos fundamentais como a liberdade de opinión e de reunión», segundo os expertos.

«Se eu, como político, xornalista ou activista, me manifesto a favor da independencia de Catalunya e publícoo nun artigo de xornal, nunha manifestación, unha asemblea ou como resolución política, non se me ten que poder penalizar», afirma Kaleck.

O relatorio tamén determina que é desproporcionado que sexan arrestados membros do Govern e que se impoñan multas de até doce mil euros diarios por preparar o referendo do 1 de outubro, ou que se persiga xuridicamente algúns políticos cataláns por organizaren a consulta popular non vinculante do 9 de novembro de 2014. Este último é precisamente o motivo polo cal foi inhabilitado por dous anos o antigo presidente da Generalitat de Catalunya, Artur Mas, ademais de ter de pagar unha multa millonaria. Segundo os xuristas, estas medidas son ilegais, porque organizar un referendo ou unha consulta popular non supón ningún delito no Código penal español.

Un procedemento que é especialmente cuestionábel é o do Tribunal Constitucional, que se baseou en resolucións propias como fundamento legal para a persecución xurídica dos políticos, apesar de estes supostos delitos non constaren no Código penal español. Segundo o relatorio dos expertos, o Tribunal Constitucional «adopta un papel político e lexislativo cuxa finalidade é manter España unida». Neste caso, estase ante unha violación da separación de poderes.

Europa debe actuar

Wolfgang Kaleck tamén se mostra preocupado polos centos de cidadáns e políticos cataláns perseguidos xuridicamente por defenderen pacíficamente a independencia de Catalunya que xa alcanza as 900 persoas.

Aínda así, o presidente do European Center for Constitutional and Human Rights na capital alemá considera que activar as instancias xudiciais internacionais é un procedemento posíbel mais moi lento e complicado. Como se debe falar de centos de casos de vulneración de dereitos por parte do Estado español, son os outros estados e as institucións da Unión Europea quen debería actuar: «O Goberno español non pode, por unha banda, argumentar que actúa en nome da unidade de Europa e, polo outro, non respectar aquilo que precisamente constitúe Europa: uns estándares legais mínimos. Creo que as institucións europeas teñen a obrigación de defender que sexan respectados os dereitos fundamentais que se outorgan aos cidadáns,» afirma Kaleck.

Krystyna Schreiber

Fonte: Diario16