Por "falta de consentimento previo" enténdense dous aspectos: primeiro, que as autoridades médicas deben corroborar coa súa asinatura o consentimento dado polas mulleres que van ser sometidas á operación, algo que non sucedeu en 20 casos. Segundo, máis grave, consiste en dar ás pacientes un prazo de entre 30 e 180 días para mudaren de opinión. Ese período foi ignorado en 18 casos, co agravante de algúns dos médicos teren mentido ao asegurar que ese prazo se cumpriu.

Segundo o Centro para o Xornalismo de Investigación, as autoridades presionaron reclusas para que aceitasen a operación de ligamento das trompas. "Nun proceso de consentimento médico, o doutor é a última salvaguarda porque proporciona á paciente a última oportunidade para retirar a súa aprobación", segundo se apunta no relatorio, antes de concluír que "sen ese certificado do doutor, o consentimento da muller non foi legalmente obtido segundo a normativa do estado de California".

O informe oficial responde a unha peza publicada o ano pasado polo Centro para o Xornalismo de Investigación, que chegou a elevar a 150 o número de mulleres encarceradas que se someteron ilegalmente a este proceso, ademais de denunciar que as propias autoridades penais presionaron ás mulleres para que se ligasen as trompas.

Antigas convitas aseguran, neste sentido, que o persoal médico destas prisións mantivo conversas con aquelas mulleres que, polos seus antecedentes, "tiñan máis posibilidades de regresar ao cárcere nun futuro".

 O Departamento de Saúde Penal mostra o seu acordo co resultado do relatorio mais rexeita asumir responsabilidades.

Nunha resposta escrita aos auditores, o Departamento de Saúde Penal de California mostrouse de acordo "en liñas xerais" co informe, mais destacou que non ten a obrigación legal de confirmar que os doutores corroboraron o consentimento da paciente e que desde entón se tomaron medidas para mellorar a situación, particularmente no catro prisións nomeadas: Folsom, California Central, a Prisión Estatal do Val e a Institución para Mulleres de California.

Esta contestación espertou reaccións airadas entre as autoridades locais. "Revólveme o estómago", declarou ao Desert Sun o senador Ted Lieu. "O estudo demostra un fallo sistémico no proceso de esterilización de mulleres encarceradas, e sorpréndeme que encima contesten dicindo que non teñen obrigación legal de corroborar o consentimento. É un argumento ridículo", engadiu.

Mais información aqui.