Nunha esperada sentenza, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos recoñeceu que a retirada dos soportes vitais "hidratación e alimentación parenteral" a un doente en estado vexetativo non vulnera o artigo 2 do Convenio de Dereitos Humanos, que consagra o dereito á vida. O tribunal cre que un Estado pode aprobar normas de limitación do esforzo terapéutico cando se considere que o tratamento é fútil ou pode causar un sufrimento innecesario ao propio paciente.

Ademais das consecuencias xurídicas desta sentenza, o que o caso Lambert expón é a importancia de ter feito e rexistrado un testamento vital que expoña con claridade as preferencias en caso de non estar en condicións de decidir. Os detalles deste triste caso son a alegación máis contundente en favor de facer ese testamento vital. Vincent Lambert ten agora 38 anos e está ingresado en estado vexetativo nun hospital de Reims desde que en 2008 sufriu un grave accidente de moto que lle deixou tetrapléxico. Perdida toda esperanza de recuperación, hai tres anos o equipo médico decidiu retirar os soportes vitais e deixalo morrer ao abrigo da lei Leonetti de 2005. A esposa e unha parte da familia estiveron de acordo. Consideraban que esa era a vontade do propio Lambert. Mais os pais, de fortes conviccións católicas, recorreron a decisión xunto do Consello de Estado, que avalou a decisión médica. E de novo os pais impediron a súa execución cun recurso perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Alegaron que o seu fillo non era un doente terminal, polo que a desconexión atentaba contra o seu dereito á vida.

A retirada de soportes vitais é unha práctica plenamente aceptada cando un doente está en fase terminal. A doutrina médica evoluiu moito a respecto diso. En poucos anos pasou de considerar un deber médico prolongar todo o posíbel a vida do paciente "a costa mesmo de provocarlle sufrimento" a cualificar esta actitude de encarnizamento terapéutico e consideralo unha mala praxe. Tanto a retirada de soportes vitais como a sedación terminal adoitan contar coa aquiescencia familiar, pois evitan o sufrimento da agonía.

O dilema exponse cando, como acontece con Vincent Lambert, o paciente non está en fase terminal. Neste caso, a determinación da vontade pasa a ser un requisito esencial. Moitas lexislacións, entre elas a española, recoñecen ao paciente o dereito a rexeitar un tratamento. Mais esa vontade ha de poder manifestarse de forma clara e inequívoca. Se o paciente está en estado vexetativo, xorde entón a dificultade de determinar quen debe representalo e até onde pode chegar esa representación. A conclusión é clara: se se quere asegurar que os médicos actúen de determinada maneira, mellor deixalo por escrito. Porque iso garante que a vontade do paciente será respectada e, sobre todo, evita que a familia se divida e vexa abocada a un enfrontamento que non só non mitiga o sufrimento do paciente, senón que o estende a toda a súa contorna.

Orixinal aqui.