Un xulgado de Ferrol condena a un sindicalista da CIG por ultraxes a España ao considerar probado que, con intención de menosprezar o símbolo español, valéndose dun megáfono, o sindicalista gritou: «Aquí tedes o silencio da puta bandeira» e «hai que prenderlle lume». A xuíza recoñece que un sector da doutrina avoga pola desaparición deste delito do Código Penal.

O sindicalista da CIG P.F.D. acaba de ser condenado á pena de multa de 1.260 euros como autor dun delito de ultraxes a España. Na sentenza ditada pola xuíza do Penal 1 de Ferrol recóllese que, «sendo certo que un sector da doutrina móstrase partidario da desaparición deste delito do Código Penal, neste caso, estando o xulgador suxeito á lei penal e acreditada a concorrencia de todos os elementos do tipo mencionado, imponse un pronunciamento condenatorio».

Os feitos obxecto deste procedemento ocorreron ao oito da mañá do día 30 de outubro do 2014 na porta do dique do Arsenal Militar de Ferrol, durante a cerimonia solemne de izado da bandeira de España con interpretación do himno español e a garda militar en posición de arma presentada.O acusado participaba nunha concentración de protesta dos traballadores da empresa de limpeza das instalacións militares polo débeda dos salarios.

Na sentenza considérase probado que, con intención de menosprezar o símbolo nacional, o sindicalista, valéndose dun megáfono, gritou: «Aquí tedes o silencio da puta bandeira» e «hai que prender lume á puta bandeira». A defensa pedira a absolución alegando que o Código Penal pugna nese extremo coa Constitución.

Ler máis.