O Día da Hispanidade de 2016, a Garda Civil condecorou coa Cruz da Órde do Mérito (distintivo branco) o xuíz Alfonso González Guija, segundo acaba de admitir o Goberno Rajoy ao senador Jon Iñarritu (EH Bildu). Naquela altura xa sabía que era un dos tres xuíces do tribunal que ía xulgar catro axentes denunciados por torturas a Sandra Barrenetxea. Os axentes foron absolvidos. O galardón outorgado ao xuiz premia «a colaboración espontánea e xenerosa» coa GC.

 

Resultado de imagem para alfonso gonzalez guija juez                                                                                                                                  Alfonso Gonzalez Guija

Un do tres xuíces que o pasado 6 de abril absolveron catro gardas civís de torturar Sandra Barrenetxea fora condecorado polo instituto armado apenas seis meses antes, en concreto o Día da Hispanidade de 2016.

O dato foi achegado polo Goberno español na secuencia dunha pregunta no Senado de Jon Iñarritu (EH Bildu) e acrecenta as dúbidas sobre este fallo xudicial, que negou toda credibilidade á moza vasca detida. Durante o xuízo, Barrenetxea non só deu múltiplos pormenores dos malos tratos sufridos (desde golpes á «bolsa» ou vexacións sexuais), senón que identificou tres do catro acusados sentados no banco.

Con todo, na sentenza o tribunal da Audiencia de Bizkaia integrado por Reyes Goenaga, Alfonso González Guija e Juan Manuel Irureta afirmou que algúns dos actos descritos eran «inverosímiis» e argumentou entre outras cousas que se Barrenetxea tivese viaxado espida no vehículo policial durante o transporte de Bilbo a Madrid, como ela sostivo, algún camioneiro tería que a ter visto desde arriba e tería avisado Emerxencias.

A noticia agora é que un daqueles tres maxistrados, Alfonso González Guija, fora condecorado pola propia Garda Civil apenas cinco meses antes da celebración deste xuízo, o primeiro que se realizaba en Euskal Herria por torturas a detidos políticos desde o ano 2010. Naquela altura xa se coñecía que ía integrar o tribunal, dado que era a súa sala a que levaba o caso. A pesar diso, ao parecer, nin a Garda Civil viu inadecuado condecoralo nin o xuíz se expuxo a rexeitar o galardón.

Premio a quen axuda

A confirmación fíxoa o Goberno español ante unha pregunta do senador de EH Bildu Jon Iñarritu. E aí engade mesmo cal é a xustificación, moi significativa, deste tipo de Cruces da Orde de Mérito: «Premiar a conduta daquelas persoas que, sen pertenceren a esta institución, colaboran espontánea e xenerosamente ao mellor e máis completo logro das misións que á Garda Civil foron confiadas».

Resultado de imagem para cruz orden merito distintivo blanco guardia civil

Relator e exdecano

González Guija foi anteriormente xuíz decano de Bilbo durante un longo período: de 2002 a 2014. E nesta vista oral exerceu como relator; quer dicir, encarregado de redactar a sentenza entre a terna de maxistrados.

Para chegar á absolución, a sentenza tivo que cuestionar mesmo o Protocolo de Istambul da ONU, dado que o testemuño de Barrenetxea era un dos que fora testado con eses criterios e catalogado como totalmente verosímil.

A acusación particular reclamara nove anos de cárcere para os axentes, en canto a Procuradoría aliñou coa defensa na demanda de absolución.

Se o galardón agora coñecido transcendese no seu momento, é moi posíbel que o xuíz fose recusado pola acusación.

Un coronel condenado por tortura, interpelado por Oskar Matute

A comisión de investigación aberta no Congreso sobre o financiamento ilegal do PP deu pé onte a un tenso careo entre o deputado de EH Bildu Oskar Matute e o xefe da Unidade Central Operativa da Garda Civil Manuel Sánchez Corbí, que comparecía na mesma. Non achegou datos sobre corrupción e tampouco sobre tortura, tema sobre o que o interpelou Matute. E é que Sánchez Corbí foi condenado en 1997 a cárcere e inhabilitación por torturas ao detido vasco Kepa Urra en 1992, mais o Goberno Aznar indultouno e mantivoo no corpo.

Recentemente, este alto mando da UCO publicou un libro intitulado Sangre, sudor y paz, xunto co xornalista Gonzalo Araluce e o escritor Lorenzo Silva, e nas presentacións aludiu a «millares de acertos e algún erro» na loita contra ETA. Aferrándose a iso, Matute preguntoulle «como casa iso co relatorio do Goberno Vasco que sinala que houbo millares de torturados no País Vasco polas FSE. Algún erro, en singular?», cuestionou.

Ante esta demanda de explicacións, Sánchez Corbí escudouse en que a tortura «non é obxecto desta comisión» e contratacou desafiando Matute a que «cando queira, vostede e eu debatamos das nosas actividades pasadas». O deputado de EH Bildu respondeulle: «As miñas son públicas, non teño ningún problema». E lembroulle a súa condena por torturas e o posterior indulto gobernamental.

Ramón Sola

Fonte: Naiz