O Comité de Dereitos Humanos solicita que o Goberno proporcione datos sobre as medidas adoptadas para que a cidadanía poida identificar os membros das Forzas de Seguranza do Estado.

 

Cargas policiales en Barcelona
Imaxe de arquivo das cargas da Policía Nacional en Barcelona. ALBERTO EGEA / REUTERS

 

As actuacións anti-regulamentares das Forzas de Seguranza do Estado ultrapasan, novamente, as fronteiras españolas. Após varias denuncias sobre casos de policías que actúan sen estar debidamente identificados ante os ollos da cidadanía -tal como obriga a lei-, o Comité dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas incluíu unha petición clara e concreta ao Reino de España: o organismo solicita que o Goberno informe das medidas adoptadas para impedir esas irregularidades.

Trátase dun asunto polémico. Hai algunhas semanas, o Executivo recoñeceu que como mínimo no últimos cinco anos non foi sancionado ningún policía no estado español por non levar o seu número de identificación á vista, algo que está regulado na Instrución 13/2007 da Secretaría de Estado de Seguranza.

Nesa orde indícase claramente que “os membros dos Corpos e Forzas de Seguranza do Estado identificaranse como tales co seu Carné ou Cartón de Identidade profesionais e, no seu caso, coa placa insignia en que figurará o seu número identificativo persoal que será único e cuxa individualización será inequívoca e garantida polos respectivos Corpos, sendo o seu uso obrigatorio en todas aquelas actuacións profesionais que leven a efecto”.

O Defensor del Pueblo tramitou en 2018 e 2019 unhas vinte queixas relativas a incumprimentos por parte da Policía Nacional neste asunto. Agora súmase tamén o Consello dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas, que na súa lista de cuestións previas á presentación do sétimo relatorio periódico sobre o Reino de España fai alusión ao asunto.

Na páxina 4 dese documento -datado o 3 de decembro de 2019-, o Consello insta o Reino de España a “proporcionar información sobre as medidas adoptadas para facilitar a adecuada identificación dos axentes das forzas da orde e de seguranza cando estiveren en funcións”.

En setembro pasado, a organización Rights International Spain (RIS) presentara un relatorio ante o Consello dos Dereitos Humanos da ONU en que advertía precisamente sobre este tema. Nese documento, RIS incidía precisamente na “obrigación de os axentes policiais poderen ser identificados de forma clara e visíbel cando realizaren o seu traballo”, o que  “é unha garantía fundamental para prevenir a tortura, os malos tratos e unha cultura de impunidade”.

Nesa liña, RIS lembraba que “o Defensor del Pueblo insistiu de forma constante na necesidade de aumentar o tamaño do número e da placa de identificación que portan os Corpos e Forzas de Seguranza do Estado cando levan a cabo as súas funcións, así como na obrigación de o número de placa ser colocado en diferentes partes do uniforme para que poida verse mellor”.

Recusa de Interior
Así mesmo, o organismo de dereitos humanos apuntaba tamén que o Defensor del Pueblo recomendara á Secretaría de Estado de Seguranza do Ministerio do Interior “levar a cabo as probas necesarias para determinar de maneira obxectiva o tamaño mínimo e as características dos identificadores dos axentes de forma que fosen facilmente lexíbeis para os cidadáns”.

Con efecto, aquela recomendación expuña “estender o uso de identificadores de alta visibilidade a todas as accións das unidades de intervención da policía, mesmo cando non fixesen uso de chalecos anti-trauma”. Contodo, RIS subliñaba que esa solicitude “consta como recusada pola Secretaría de Estado e continúan a producírse casos en que os axentes non fan uso dun número de identificación visíbel”.

DANILO ALBIN 

Público