Após case 3 anos de espera, por fin hai data para o primeiro dos xuízos a que se enfrontará Boro LH, xornalista de La Haine e Kaos en la red. Será o 30 de novembro ás 10:00 da mañá no xulgado número 3 da AN. O xornalista está acusado de “enaltecemento do terorismo” e procesado na segunda fase da chamada “Operación araña”, dirixida contra utentes de redes sociais polas súas opinións publicadas nas mesmas.

 

Boro, foi detido no seu domicilio por axentes da Garda Civil o 6 de novembro de 2014 e conducido ao cuartel de Avenida Galicia, en Iruña. Non foi esta a primeira detención que sufriu o xornalista, 7 meses antes fora detido por cubrir unha mobilización contra a monarquía en Madrid, un feito polo que lle piden 6 anos de prisión e 6.200 € de multa. Dous meses despois foi detido tamén por cubrir unha acción pola okupación en Iruña (unha acción en que participaron ao redor de 100 persoas, e os únicos detidos foron dous xornalistas e un menor), caso que foi finalmente arquivado polos xulgados desta cidade.

En total 3 detencións en 7 meses. La Haine denuncia que o do próximo 30 de novembro é un xuízo fabricado á medida para do seu compañeiro, co que se trataría de conseguir ao chegar ao xuízo pola mobilización de Madrid conte xa con antecedentes penais. Un xuízo ad-hoc motivado polo seu traballo xornalístico en La Haine e diversas colaboracións con outros medios de comunicación independentes.

A acusación, como en todos os casos contra a liberdade de opinión, é unha interpretación interesada das distintas publicacións do xornalista na súa conta persoal de facebook. Ademais, hai que lembrar que previamente Boro fora criminalizado polo diario ABC nunha noticia en que se vertían falsidades (por exemplo, que o xornalista se escondía no ‘anonimato’ da internet -cando é amplamente coñecido que Boro LH é xornalista de La Haine, e a súa conta non era ‘anónima’).  Unha noticia, afirma La Haine, que viria moi probabelmente ditada polo gabinete de prensa da Garda Civil.

O caso de Boro súmase á longa lista de persoas detidas por expresaren opinións a través das redes sociais, a última delas hai apenas un mes: un mozo de Iruña, curiosamente tamén colaborador de La Haine e Ahotsa.info.

A redacción de La Haine entende que se trata dun ataque a Boro polo seu traballo xornalístico (as súas opinións en facebook non son máis que unha mera escusa para imputalo) mais tamén un ataque contra o propio medio, en represalia por levar 17 anos informando do lado dos movementos sociais.

Fonte: La Haine