Autolesións, confrontos cos funcionarios e inxestión de obxectos. Presos en isolamento no cárcere de Villena protestan polas inhumanas cuarentenas e por os vis-à-vis continuaren estando suspenso desde hai meses.

 

 

O Grupo Anticarcerario do Camp de Tarragona La Corda publica varias cartas de un preso do cárcere de Zuera (Zaragoza) en que este denuncia as insoportabeis condicións que se viven nesta penitenciaria e na de Villena (Alacant), nomeadamente nas galerías de confinamento soitario. Condicións agravadas polas repetidas cuarentenas a que son sometidas as persoas presas e a falta de contactos familiares.

Texto do Grupo Anticarcerario La Corda

Recibimos varias cartas do compañeiro David Rojas Fernández, que estivo varias semanas na prisión de Alacant II (Villena) para asistir a un xulgamento. O compa, que desde hai apenas unha semana volta a estar en Zuera (Zaragoza) fálanos do que lle supón estar en Presxs en Loita, do xulgamento en Alacant e da visita da familia. Mais sobretodo explica como está o ambiente nas galerías de isolamento do cárcere de Villena. O desespero, os abusos e a incomunicación sumada ás eternas cuarentenas polo protocolo de COVID, xunto co feito de os vis a vis continuaren suspensos, levaron os presos de isolamento ao confronto cos gardas, ás autolesións e á inxestión de obxectos. Animámosvos a protestar tamén por esta suspensión permanente dos vis-à-vis na prisión de Villena e polas esaxeradas cuarentenas que manteñen a xente durante semanas metida nunha cela. Tamén pomos a dirección de Zuera onde xa está David, por se alguén quere mandarlle apoio e dedicarlle unhas letras.

Cartas de David Rojas Fernández

04.06.2021

Xa estou en Villena. Dos 9 da galería 7 son paisanos e amigos meus que nos coñecemos de hai anos. A merda é que aquí están chalados con iso das cuarentenas polo puto COVID. Cada vez que saes á rúa ou vés de cunda déixanche 14 días en cuarentena.

Aproveitando que estou na miña terra vai vir verme a miña familia. Ben, a miña familia, dúas de elxs, porque non deixan entrar mais persoas por locutorio. Levo desde agosto do 2020 sen ver ninguén da miña familia… Polo menos esta cunda tería a súa parte boa, que poidan vir comunicar un día comigo, aínda que sexa por locutorio.

Mira, para a min coñecer a loita activa de ‘Presxs en Loita’ mudoume por completo. Agora podo dar forma a cousas que antes xa facía a, comprendo outra maneira de ver todo isto. Mudoume o xeito de ver as cousas, e alén diso axudástesme moito, moito mais do que imaxinas. Todo isto motivoume a tirar moito mais de boli, a contar todo o que ocorre aquí dentro, a vosotrxs mais tamén dirixíndome ao Defensor del Pueblo e ao Xuíz de Vixilancia Penitenciaria ou onde toque. Sei que as cousas non mudan de golpe, todo é lento e moitas cousas son pequenos avances que demoran anos en materializarse, mais creo que é o camiño a seguir.

Xa tiven o xuízo e foime ben. Consideráronme inimputábel por insanidade mental no momento que se produciu o delito. Así que ben, mellor do que pensaba, sinceramente.

07.06.2021

Hoxe veume outro parte con 30 días de privación de paseos e 12 días de isilamento por un puto ordenanza dos que nos reparten a comida. Pregunteille se me trouxeran as compras do demandadero que fixera, e non lle ocorre outra cousa que dicirme todo borde «e eu que collóns sei». Unha cousa que non soporto é que me falen como un merdento e con desprezo, xa bastante teño de estar encerrado e agora tamén en cuarentena. Así que eu lle contestei na mesma onda, e díxenlle que se pensa que é mais que os outros por estar a repartir a comida. Non dou a mínima polas putas sancións a verdade. Estando aquí encerrado, xa tanto me ten. Levo mais de 4 anos en primeiro grao e desterrado da miña terra.

Agora mesmo xa son 11 días seguidos metido as 24 horas do día nunha cela. Cando cheguei de Zuera metéronme en cuarentena, e cando xa a estaba terminando saín para o xulgamento, polo que ao voltar metéronme outros 14 días mais de cuarentena. Así que calcula ti mesmx…

Acabo de ficar morto. Lembras aquel nadal que me dixeches que morreron dous de sobredose en Campos do Rio, en isolamento? E que igual os coñecía polo tempo que eu pasei alí. Pois hoxe decateime que si, que a un deles si o coñecía.

19.06.2021

Onte foi unha confusión do carallo na galería. Xs carcereirxs estaban prepotentes e aquí o ambiente está tenso, non só por estarmos encerrados, senón pola merda da incomunicación en que nos teñen, coas putas cuarentenas e con que aínda non hai noticias dos vis-à-vis. Pois ben, onte pola tarde, ante tantas provocacións, un negouse a entrar na cela e veu o persoal, e o compa para que non lle metesen man engoliu pilas e mais cousas que apañou, e despois outro a emprendeu a paus cun carcereiro. E xa despois diso, estaba todo que saltaba polo aire. Ficamos todos os da galería en comernos láminas e as chapas dos isqueiros. Tiveron que chamar 16 garda civís para ir levándonos de dous en dous ao hospital. Preguntáronnos cal era o motivo de termos engoido estes obxectos. Como se non o soubesen. Estamos fartos de estar encerrados, sós e incomunicados. Aquí hai algúns que levamos case un mes en cuarentena, sen sairmos da cela mais que para chamar por teléfono. Aquí en Villena levan mais dun ano sen vis-à-vis, sen tocar nos seus familiares e parellas. Isto é inhumano, mátanos mentalmente. Tiveron que vir até garda civís de Fontcalent para poderen montar o operativo. E aínda dicían que se iso o fixéramos para tentar montar unha fuga. Mais que fuga? O que pasa é que isto é un esgota e aquí todos temos un limite.

E iso, comprobaron coas raquetas que si inxeríramos obxectos metálicos e leváronnos ao hospital. Non te preocupes, estou ben. Había moito que non engolía coitelas, mais é que de verdade isto non se pode aguantar e aquí encerrados, alén de recorrer ao boli, estas son as poucas formas que temos de protestar.

Alén diso,  un rapaz romanés cortouse no pescozo e acaba de vir de enfermaría. Isto é brutal. De verdade X. O que aquí se vive e sente só se pode saber se se está aquí?

Como tiveron que levarnos ao hospital pois á volta outra vez 14 días de cuarentena. Imaxina… cando cheguei de Zuera 14 días de cuarentena. Saín ao xulgamento e á volta outra cuarentena. Engolimos coitelas e ao regresar do hospital outra cuarentena. Así que desde que estou en Villena, estiven permanentemente en cuarentena, sen ver ningún compa en persoa, enterrado nunha cela, sen saír ao patio. Creo que cando volte a tocarme o sol vou derreter, como os vampiros. Isto é para perder a cabeza.

Levamos 3 días para pirar. A xente cortándose, matándose cos gardas, comendo coitelas e chapas de isqueiro.

Necesitamos que na rúa vexades o que pasa aquí dentro, senón ficamos a medias, ou non serve para nada. Por favor, estamos no limite. Teñen que devolvernos xa os putos vis-à-vis e terminar con estas cuarentenas inhumanas. Aquí o director, Feliciano, estase nas tintas e nós importámoslle un carallo. Non pode ser que nos teñan nestas condicións durante tanto tempo. Eu estou aquí de pasaxe porque só estou de cunda, mais quero que publiquedes todo isto, que fagades difusión, polos compas que fican aquí engolindo esta merda e sen tocaren nas familias. Ninguén se preocupa o mais mínimo do que pasa neste buraco.

E obviamente, por todo iso de inxerir obxectos metéronme outro parte, sumado ao que xa dixen na anterior carta. Ben, dous partes mellor dito. Achégocho nesta carta, podes publicalo sen problema, xa sabes.

Outra vez, grazas por todo. Sodes un brazo ao que agarrarse.

Un abrazo grande e cuidate mais que moito. Despídome de papel e boli, mais xamais de pensamento e corazón.

La Corda