O denominado primeiro grao, tamén coñecido como isolamento prisional -o cárcere dentro do cárcere-, é o que representa maior dureza e severidade.

 

Un preso de Zuera se ahorca con una sábana dentro de su celda

 

Unha das moitas cousas que está a mostrar a pandemia da Covid-19 son os efectos psíquicos e emocionais que produce o confinamento prolongado. Nos últimos meses recorreuse con certa frecuencia a comparar as consecuencias das medidas adoptadas fronte á pandemia co impacto que xera o encarceramento. Neste sentido, o confinamento serviunos para aproximarnos á experiencia cotiá de máis de 50.000 persoas que nestes momentos están privadas de liberdade en todo o Estado. Do mesmo xeito que comprobamos que o confinamento pode articularse en diferentes fases, dentro de prisión tamén se modula a intensidade da privación de liberdade mediante un sistema graduado de graos. Dentro deste esquema, o denominado primeiro grao, tamén coñecido como isolamento prisional -o cárcere dentro do cárcere-, é o que representa maior dureza e severidade.

O Tribunal Constitucional (TC) cualificouno como «unha grave restrición da xa restrinxida liberdade inherente ao cumprimento da pena» (STC 74/1985), aínda que, apesar da gravidade desta medida e das ocasións en que se pronunciou a respecto diso, considera que non afecta ao dereito fundamental á liberdade. O argumento de fondo que emprega neste punto o Alto Tribunal é sinxelo: xa que existe un fallo condenatorio en que se priva de tal dereito, as persoas que entran a prisión xa non dispoñen dese dereito. En palabras do TC, «ao estar xa privado da súa liberdade na prisión, non pode considerarse a sanción como unha privación de liberdade, senón meramente como unha mudanza nas condicións da súa prisión; […] non é senón unha mera restrición da liberdade de movementos dentro do establecemento engadida a unha privación de liberdade imposta exclusivamente por sentenza xudicial». Contodo, apesar desta criticábel configuración do dereito á liberdade dentro de prisión (neste sentido, véxase o voto particular de Carles Viver Pi-Sunyer na STC 119/1996), dunha forma moi material o isolamento prisional supón unha privación da liberdade dentro da privación da liberdade.

A aplicación concreta do réxime de isolamento adoita implicar, como sinalaron numerosas organizacións, a limitación dos contactos con outras persoas presas, revistas e inspeccións diarias, mudanzas continuas de cela, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, a restrición do contacto cos funcionarios ou a negación das licenzas de saída. Alén diso, aínda que a regra xeral sinala que unha persoa non pode pasar máis de 14 días en réxime de isolamento -de acordo co artigo 42.2, a) da Lei Orgánica 1/1979-, a realidade é que a aplicación desta situación pode prolongarse nalgúns casos até os 42 días. Trátase dun feito de que deu conta o Comité para a Prevención da Tortura (CPT) no seu relatorio de 2017 após a súa visita a varios establecementos prisionais do Estado. Como se sostén nese documento, «o CPT comprobou que en varios establecementos prisionais se impuñan períodos consecutivos (de até 14 días) de isolamento con fins disciplinares que son interrompidos apenas durante un día. O CPT reitera a súa recomendación de que non sexa sometido ningún interno a réxime de isolamento de forma continua, a modo de castigo, máis de 14 días». En relación co incumprimento deste límite temporal, o CPT tamén dirixiu unha importante crítica aos Xulgados de Vixilancia Penitenciaria ao sinalar que «os xuíces de vixilancia penitenciaria actuaban principalmente como ‘meras autoridades para referendar’ decisións tomadas pola administración dos establecementos prisionais, máis que como entidades independentes e imparciais de supervisión».

Por último, a respecto das consecuencias na saúde do isolamento, diferentes estudos constataron que aumenta o risco de sufrir hipertensión, depresión e ansiedade, perda de identidade e hipersensibilidade sensorial, maior posibilidade de padecer trastorno de tensión pós-traumática, maior risco de automutilación e suicidio así como un aumento de mortalidade en comparación con aquelas persoas que non sofren ese réxime prisional. A morte de Raquel E.F. no Centro Penal Brians I durante a aplicación desta medida mostrou até que punto o isolamento constitúe unha práctica cruel e inhumana. Por iso, os efectos da pandemia deberían servir para reconsiderar e acabar cun réxime prisional que, pola súa aplicación e as consecuencias físicas e emocionais que implica, supón unha grave vulneración de dereitos fundamentais.

Francisco Miguel Fernández Caparrós

eldiaro.es/andalucia