A Fiscalía continúa na liña doutras pezas da macro-causa Carioca e impede que se senten no banco dos acusados oito do dez axentes da Policía Nacional e funcionarios de Estranxeiría investigados por 59 delitos relacionados coa rede de prostitución.

 

Operación Carioca_2

 

Horarios de até catorce horas diarias, vulnerabilidade económica, condicións de insalubridade, humillacións, insultos, malleiras, sistema de débedas e multas, prostitución de menores… Así describe a propia Fiscalía o clima en que exercían a prostitución mulleres estranxeiras en situación ilegal, maioritariamente brasileiras, en prostíbulos lugueses como o Liverpool, o Eros, o Queens e O Outeiro.

Numerosas testemuñas identifican sete axentes da Policía Nacional como clientes habituais destes clubes e ben relacionados cos seus donos. Entre eles García Adán, que rexentaba o Queens e O Outeiro e que terá de facer frente, en peza separada, á acusación de 54 delitos de prostitución coactiva respecto de cada unha das mulleres que exercían nestes locais contra a súa vontade e de outros 6 tipos de delito.

 

La justicia deja sin castigo la prostitución de dos ...              Clube Liverpool

 

Testemuños tan relevantes como os dos empregados dos establecementos sinalan que cinco destes axentes eran convidados polos donos a consumicións e nalgúns casos a servizos sexuais por seren policías. Algún mesmo foi visto recibindo importantes sumas de diñeiro de Adán. “Non sabes quen son eu? Como te atreves a cobrarme?”, relata unha empregada do Eros que lle dixo o policía José Manuel Díaz Suárez despois de ela lle servir unha copa cando comezaba a traballar. Os axentes acudían non raro en vehículo oficial e estaban até a hora de fechar. Dous deles transportaban despois mulleres aos seus domicilios e voltaban ao clube Queens para reunirse co proxeneta.

“Despois xa me dei conta de que a presenza policial era para protexer o clube”
A súa presenza cumpría un dobre efecto: por unha parte, garantir que alí non se practicarían batidas policiais contra as mulleres e que, chegado o caso, serían alertadas. Pola outra, intimidalas ante calquera pretensión de denunciar os abusos que alí sufrían. Blindaban así a impunidade dos proxenetas. “Ao principio asustábame, porque non me cadraba ver policías de uniforme no clube e pensaba que viñan buscarnos para botarnos do país”, manifestou unha prostituta cando lle preguntaron por isto. “Despois xa me dei conta de que a presenza policial en realidade era para protexer o clube”.

 

La Fiscalía pide 26 años para el dueño del club Eros

 

“Olla, aí tedes as miñas vacas, só saben comer, beber e pacer, non fan outra cousa, así están de gordas”. Nestes termos referíase Adán ás mulleres que exercían no seu local en presenza de dous dos imputados. Un deles, José Manuel, estaba no clube cando unha das prostitutas lle mostrou as lesións dunha malleira que lle dera a súa parella, amigo del, que a deixou coxeando, e acto continuo foi chamada por Adán para lle dar outra. Relata que nesa ocasión Adán a levou agarrada polo cabelo aos baños e a agrediu brutalmente a puñadas na cara para despois a machucar a fartar no chan, a seguir colleu as súas cousas e atirounas á rúa dicíndolle que se o denunciaba a mataría. A esta mesma muller metéralle na tempa a pistola que levaba con el encanto ría ao ver como a ela lle tremían as pernas. Para o Ministerio Público non está claro que José Manuel tivese coñecemento desta agresión e en todo caso sería unha ‘mera falta de lesións’, así que non considera a omisión do deber de perseguir os malos tratos, nin sequera no caso das lesións que lle foran mostradas, xa que coa súa omisión non impediu que ela denunciase e el non a presenciou senón que ‘tan só lle foi relatada’.

A José Manuel unha das mulleres comentáralle que viñera con débeda e tiña que pagar polo billete 3.300 euros, e que non marchaba porque tiña medo de que Adán mandase facer dano á súa familia no Brasil. “Ben, teño que marchar traballar porque teño que terminar de pagar o billete”, díxolle outra delas na barra do clube cando se dispuña a buscar clientes.

Para o fiscal a pobreza ‘é un dato social’ que carece ‘de directa relevancia normativa’
Apesar de o Código Penal considerar prostitución coactiva o exercicio en condicións gravosas impostas, así como o aproveitamento da vulnerabilidade económica de terceiros, a Fiscalía escúdase en que non castiga o lucro coa prostitución de terceiros para concluír que nada do relatado, nin sequera o feito de os axentes teren coñecemento de que eran mulleres estranxeiras en situación irregular con débeda acumulada, constitúe un indicio do que algún deles puidese deducir que exercían contra a súa vontade e polo cal debesen actuar contra os proxenetas. Para o fiscal José Luís Álvarez García a súa pobreza e marxinalidade ‘constitúe un dato social’ que carece ‘de directa relevancia normativa’, e portanto non hai indicios como para pensar e valorar nunha vista oral se estes policías se abstiveron de actuar contra os proxenetas sabendo que nestes establecementos se exercía de forma coactiva e, moito menos aínda, considera que puidesen estar a colaborar con este delito.

 

OPERACIÓN CARIOCA II; «LUGO ERA UNA FIESTA», por José ...

 

Para a Fiscalía, asumindo un rol máis propio da avogacía que da acusación, as copas e sexo gratuítos aos que fan referencia decenas de testemuñas ‘obedecían máis a unha motivación de amizade […] á marxe do interese que puidesen ter os donos ou encarregados […] para cultivar esta amizade a fin de beneficiarse’, e non hai indicios de que acudisen coa finalidade de coaccionar as mulleres a exerceren a prostitución, polo que non se pode imputar suborno a quen ‘descoñece que está a ser usado de forma non consentida’.

POLICÍAS ASIDUOS DOS CLUBES: 36 DELITOS, 0 ACUSACIÓNS
Estes delitos ‘colaboración con prostitución coactiva, omisión do deber de perseguir o delito de prostitución coactiva e suborno’ recaían sobre seis do oito axentes da Policía Nacional investigados nesta peza, mais non eran os únicos, e a instrución chega a atribuír até unha decena deles no caso de Manuel Castro González, Manolo, e unha ducia no caso de José Manuel Díaz Suárez. Nun auto de 123 páxinas, a Fiscalía dedica 116 a xustificar a súa negativa a formular acusación pola práctica totalidade das infraccións penais investigadas, en ocasións por medio de erros flagrantes ou auténticas reviravoltas argumentais.

Así, que Manolo tratase de forzar dúas mulleres con frases como ‘vou follarte todo o día’ ou sob ameaza de expulsión ‘se non quedas comigo vas loguiño para o Brasil’, ‘ti vas saír comigo, se non verás a cartiña de expulsión que che vai caer’ non só non implica coñecemento de prostitución coactiva nin supón unha coacción para exercer, senón que non pode supor indiciariamente sequer un delito de actividades prohibidas a funcionarios, en base a que -interpreta a Fiscalía- elas non tiñan asuntos pendentes sobre os que este funcionario debese intervir, aínda estando en situación irregular. E non só iso, tampouco constitúe ameazas no segundo caso porque cando lle foi tomada declaración a Manolo non lle foi imputado este delito, apesar de ser preguntado por estes feitos concretos.

 

 

Este policía foi convidado por Adán tamén a varias festas e orxías en que corría a cocaína. Unha prostituta relata varias destas ocasións en que estivo presente este policía. A unha destas festas asistiron outros catro axentes e “nun momento un dos policías sacou cocaína que levaba con el, púxoa en cima da mesa nun prato para facer unhas raias, e Adán achegouse e atiroulla ao chan dicindo ‘iso non vale nada, a boa é a que traio eu’, e a seguir Adán sacou vinte ou trinta gramos, ían facendo raias nunha bandexa e a bandexa rotaba entre todos”.

Outra muller describe outra orxía á que un policía novo levou unha bolsa “con bastante cantidade de cocaína” e que facía raias para as ir repartindo, algo que Manolo viu “como todo o mundo” e el mesmo “consumiu cocaína”. Habíaa “á esgalla”. “Todo o mundo tiña, todo o mundo traía: os mozos, os policías que participaron na festa tamén, todo o mundo”. Mais a Fiscalía non aprecia a posibilidade dun delito de omisión de perseguir o delito de pose ilícita de drogas co argumento de que unha actuación policial pola súa banda, dada a súa condición de adito, “suporía unha autodenuncia ou autoacusación, que non resulta exixíbel” pola Constitución. Esta interpretación resulta difícil de dixerir dado que a compra de droga para autoconsumo carece de tipicidade penal -o delito é vendela- e daí poderían tirarse consecuencias tan disparatadas como que se un axente comprase drogas a unha rede de tráfico e se abstivese de actuar en contra desa rede,  a súa omisión do deber deixaría de ser delito. Por outra banda, a drogadicción só pode eximir de responsabilidade en casos moi excepcionais en que anula as facultades mentais, algo que tería de ser comprobado en xulgamento.

Mesmo fica sen acusación a escena kafkiana en que unha prostituta é detida en situación irregular, fai unha chamada perdida e quen lla devolve é Pulleiro, o encarregado do Queens. Ela recíbe a chamada apesar de estar detida e responde que “aquí están todos os policías que van por aí” e comenta que “o do pelo branco a deixou fumar fóra”. Pulleiro pregúntalle se está con ela e ela di que “está arriba”, movéndose con total soltura pola comisaría e pasando a seguir a chamada a este policía, que proporciona información a Pulleiro sobre o motivo de detención dela. Para o fiscal, o policía “cínxese a revelar o motivo legal dunha detención”, e equipara a conversa ao tipo de contidos “que diariamente aparece publicado en calquer medio de información”, polo que non habería revelación de segredos, como se fose unha información facilitada con fins informativos de interese público ou como se calquer xornalista puidese chegar a comisaría e solicitar datos persoais de calquer individuo.

A Fiscalía tamén reproduce a declaración dunha prostituta que afirma que Manolo a advertira de que  “a semana que vén pasará algo no Queens” antes dunha batida policial en febreiro de 2009, algo do que saberían despois varias mulleres através dela. Aquel día comezou a escribirlle mensaxes preguntándolle “onde estás?”, “vas ir traballar hoxe?” e a chamala por teléfono, sen que ela puidese atendelo, de maneira que sería detida, xa que faltara os dous días anteriores debido a esta advertencia e temía represalias de Adán se faltaba outra vez. Aínda así, cando a Fiscalía analisa o delito de revelación de segredos, omite testemuños como este e interpreta erradamente que no que se apoia a instrución para estimar a comisión deste delito é nunha conversa telefónica interceptada meses despois que se relataba a seguir mais que nada ten que ver con isto. Non foi a única filtración desta batida policial. Tamén se desprende das conversas interceptadas que outro dos investigados, Marcos Moirón Enríquez, tería avisado outra muller a partir da cal chegaría a varias máis, mais para a Fiscalía só se contaba con ‘meros testemuños de referencia’.

As IRREGULARIDADES DE ESTRANXEIRÍA
Naquela batida policial foi localizada unha menor de idade que non tiña documentos. A menor foi levada ás dependencias policiais, onde os funcionarios comprobaron que nacera en 1991. No entanto, ela obxectou que iso era incorrecto e eles acompañárona ao seu domicilio para comprobaren a data de nacemento. Ela mostroulles o pasaporte, onde figuraba escrito a bolígrafo azul un 0 sobre o último 1 de 1991 no documento impreso a tinta negra, e eles ollaron estrañados mais fixeron constar no atestado como data de nacemento o ano 1990. Da investigación do caso Carioca despréndese que a súa minoría de idade foi algo comentado aquel día na comisaría. O instrutor da batida, Andrés Evaristo Rodríguez Sánchez, na altura inspector xefe da Brigada de Estranxeiría da Policía Nacional, apesar de consultar novamente o dato fixo constar no oficio que librou ao xulgado 1990 como data de nacemento, achegando o atestado en que figuraba esta data mais tamén o dato do servidor de imaxes do CNP -1991-.

Evaristo foi ‘dar unha volta’, portouse ‘de moito nabo’
No día seguinte á batida é interceptada unha chamada entre Adán e Armando, responsábel da Equipa da Muller e o Menor da Garda Civil investigado noutras pezas separadas. Evaristo e Adán non mantiñan boa relación, mais Armando facía de ponte e pregunta a Adán se -xa que Evaristo sabe que eles, Armando e Adán, son amigos- se portaron ben ou mal. Adán responde que Evaristo foi  ‘dar unha volta’, que se portou ‘de moito nabo, miraba, mais nada’, que ‘non me pediu ningún papel nin nada’ e que Evaristo díxolle a Adán ‘que non lle debe nada mais que lle debe unha’. Para a Fiscalía, que non se tivese detectado prostitución coactiva nin se actuase contra Adán non supón un delito de omisión do deber de perseguir este delito, senón que se tratou dunha inspección que ‘non foi especialmente rigorosa’, mais ‘que non se interrogase con especial énfase’ e esa ‘ausencia dun especial celo polos axentes na comprobación da posibilidade dunha actividade delituosa’ só pode ser reprochábel no ámbito profesional.

Nesa mesma batida son detidas sete mulleres por estaren en situación irregular, abrese expediente de expulsión a catro delas -as outras xa o tiñan aberto-. Unha delas avisa a súa compañeira de apartamento que exercía no Eros, esta fala co encarregado do local, José Antonio Pérez Fernández, sobriño de Germán Pumares Díaz. Germán era funcionario administrativo adscrito á Brigada de Estranxeiría en turno de mañá e avogado pola tarde, chegando a captar clientes no seu posto de funcionario sobre asuntos en que el mesmo interviña nos trámites, e á súa vez levaba os papeis do clube Eros. Nas conversas interceptadas, José Antonio pede datos á compañeira de apartamento para solucionar o problema, segundo di, co seu tío. A prostituta tivo coñecemento por medio do seu letrado César Lodos, ben relacionado con Germán e con Linares, daquela Xefe da Oficina de Estranxeiros na Subdelegación do Goberno, de que a súa orde de expulsión sería modificada por unha multa antes de Evaristo o modificar formalmente e apesar de non presentar a documentación que requerida no prazo de alegacións, considerándoa falsamente curmá da súa compañeira de apartamento.

Este é só un dos exemplos das múltiplas irregularidades administrativas -frecuentemente por mediación de Armando con Evaristo, Germán e Linares- que a instrución detectou nos expedientes das mulleres que exercían nos prostíbulos para as expulsar ou anular ordes de expulsión a conveniencia dos proxenetas afíns á rede ou para prexudicar aqueles que lles fixesen competencia. É o caso de dúas mulleres identificadas no clube Carús, contrario a esta rede, a quen se prometeu que non serían expulsadas se asinaban unha declaración, idénticas as dúas, contra o dono do local. Estes expedientes foron esquecido deliberadamente até prescribiren, nun arquivo separado, sen informar a Subdelegación do Goberno. Un Relatorio de Asuntos Internos recolle que entre as cousas do inspector Evaristo Rodríguez e o subinspector Eduardo Castro da Brigada de Estranxeiría -este último estaría implicado a fondo na rede de proxenetismo, mais morreu no decurso da instrución- foi achada unha axenda de 2008 con diversas anotacións sobre a inspección do Carús onde figuraba: “28 de xullo: Reunión con Alberto Linares, deixar caducar os expedientes”. A postura da Fiscalía foi en todo momento pasiva, en lugar de acompañar a instrución do xulgado nº 1 de Lugo que, segundo o propio CXPX, dispuña de moi poucos medios. Agora a Fiscalía chega tarde e argumenta, encerrada xa a instrución, que no relatorio non se esclarece de cal dos dous, Evaristo ou Eduardo, era a axenda e non se pode actuar contra o primeiro.

DOUS ACUSADOS
O fiscal desmonta a maior parte de acusacións aos funcionarios de Estranxeiría apesar das sorprendentes irregularidades. Considera que Alberto Linares, quen redactaba as resolucións dos expedientes, non puido cometer prevaricación administrativa porque as súas resolucións estaban aínda pendentes da asinatura final do Subdelegado do Goberno e por tanto non eran vinculantes ao resultado final. Considera apenas a comisión de dous delitos de falsidade documental nos expedientes no caso de Evaristo, por recoller información falsa e sen a pertinente documentación para acreditala, de maneira que se enfrentará a catro anos e medio de prisión por cada un deles, así como dous delitos de negociación prohibida a funcionarios no caso de Germán, polo que se enfrentará a un máximo de 18 meses de multa e 5 anos de inhabilitación. A tese do Ministerio Público deixa reducida a acusación a cuestións case anecdóticas en comparación co carácter de rede que se deduce da investigación do caso Carioca.

IMPUNIDADE, UNHA CONSTANTE
A peza relativa á Policía Nacional e Estranxeiría é apenas a última das que se diluíron por acción da Fiscalía no caso Carioca. O Ministerio Fiscal tamén forzou o arquivamento de pezas importantes como a da equipa de fútbol de policía ou a relativa ao clube Liverpool. En El Salto cubrimos tamén a exoneración de policías enormemente implicados na trama na peza relativa aos clubes Queens e O Outeiro, tales como o que puxo as luces de neón ao Queens ou aquel en que foron encontrados no seu lugar de traballo no Aeroporto de Barajas os nomes de varias mulleres que debía deixar pasar. Nesta peza compareceron até cinco acusacións particulares contra este último policía, entre outras novas acusacións, e o xuíz Joaquín Brage Camazano, que substitúe Pilar de Lara despois de esta ter sido expulsada polo CGPJ, optou recentemente por ignoralas deliberadamente e limitarse a abrir xuízo oral contra Adán, Pulleiro e G.P.S. polos delitos que solicitou a Fiscalía.

Por outra banda, a Audiencia Provincial de Lugo tamén anulou en maio o xuízo ao cabo da Garda Civil Armando Lorenzo, responsábel da Equipa da Muller e o Menor, na peza separada relativa á súa omisión do deber de perseguir os malos tratos de Adán á súa muller -polos que foi condenado-. Sería a primeira peza en chegar a xulgamento. Mais non se celebrará, xa que a separación do caso Carioca en diferentes pezas ocasionou que o delito prescribise ao modificarse o prazo por desconectarse doutras infraccións de maior gravidade relacionadas cos mesmos feitos. Aínda así, sobre Armando pesan máis de 70 delitos nunha das pezas principais da macro-causa, pendente aínda de cualificación fiscal.

Fran Pérez

El Salto Diario