O axente M.A.P.S. foi condenado por un delito de lesións. Terá de indemnizar con 4.500 € a vítima e foi inhabilitado para o exercicio profesional durante outros dous anos. Sobre a actuación do mosso, a sentenza conclúe que “se produciu unha extralimitación das súas funcións, un exceso, e a súa intención era menoscabar a integridade física da vítima”.

O mosso d’esquadra M.A.P.S. foi condenado a dous anos de prisión por cortar a orella dun xoven cun golpe de porra durante unha das xornadas de protesto polo despexo de Can Vies en Barcelona. A sección sétima da Audiencia de Barcelona condenou o axente por un delito de “lesións agravadas polo uso de instrumento perigoso”, penado no artigo 148.1 do código penal. Tamén foi inhabilitado para o exercicio profesional e o sufraxio pasivo durante outros dous anos. P.S. terá que indemnizar a vítima con 4.500 euros, mais foi absolvido do delito contra a integridade moral, como solicitaban a acusación particular e popular.

Os feitos aconteceron o 27 de maio de 2015, na praza de Sants, cando diversas dotacións da Brigada Mòbil e da ARRO carregaron contra as persoas que se manifestaban en defensa do centro social autoxestionado e outras que circulaban pola praza. Naquelas circunstancias, o axente P.S. bateu coa porra na cabeza dun ciclista. O momento foi captado polo fotógrafo Pedro Mata do colectivo Fotomovimiento, e as fotografias serviron como probas para condenar o axente da Brimo por estes feitos.

Unha das teses alegadas pola defensa do mosso para xustificar o uso ilegal da porra -nunca pode ser utilizada por encima da cintura- foi que o golpe do axente non estaba dirixido á cabeza do ciclista, senón que se desviou ao impactar contra o corpo da súa compañeira. Mais, segundo a sentenza, “compre descartar a pretendida imprudencia, ou o acrobático e fatal movemento na dirección do golpe, por un xogo da defensa co corpo da compañeira” e conclúe que “se produciu unha extralimitación das súas funcións, un exceso, e a súa intención era menoscabar a integridade física da vítima”.

A respecto do delito contra a integridade moral, a sentenza recolle que ainda que “é verdade que a conduta desenvolvida polo axente, cuxo deber é protexer os cidadáns, é desproporcionada non atenta contra a integridade moral” da vítima, xa que segundo o tribunal non se verifican os criterios xurídicos para producirse este ilícito penal.

Durante o xulgamento, a acusación particular estivo encabezada por Montse Fernández, en canto a acusación popular recaeu en Anaïs Franquesa, avogada do Centre per la defensa dels drets humans Irídia. “Alegrámonos da condena por uns feitos moi graves, sobretodo pola inhabilitación para o exercicio profesional”, comenta Andrés García Berrio, de Irídia. No entanto “entendemos que a pena polo delito de lesións debería ser superior, xa que se trata dun axente da autoridade que se serviu dun elemento perigoso”, como é a porra. O avogado valora como “negativa” a absolución do mosso do delito contra a integridade moral, xa que “non transmite unha mensaxe clara para de que este xeito de actuación non volte producirse”.

A condena chega máis de tres anos despois dos feitos. O poder xudicial e a Dirección Xeral da Policía que dirixe Albert Batlle demoraron sete meses en identificar o axente dos Mossos d’Esquadra. Finalmente, o Número Operativo da Policía (NOP) D601A5595 foi relacionado co antidisturbios con número de placa 9.802 agora condenado, M.A.P.S.

Ler máis.