A Confederación de Anpas Galegas denunciou esta fin de semana que hai itinerarios de Bacharelato que na práctica non deixan outra opción ao alumnado que cursar Relixión Católica. A orixe do problema son as materias específicas, das que hai que coller dúas. Cando se escollen materias por valor de 5 horas, para completar as 6 obrigatorias, só é posíbel optar por Relixión Católica, a única materia con 1 hora.

Para o presidente da Confederación de ANPAS, Fernando Lacazi,  “a parte de ser unha anomalía. nós consideramos que é unha vulneración da Constitución, ao dereito a non cursar nunca esa materia”

De quen é a responsabilidade de que se estea a producir isto? “Hai algúns centros que están metendo a relixión como unha opción necesaria” asegura Lacazi en declaracións a Radio Galicia, apuntando tamén á responsabilidade dos institutos, que teñen certa autonomía para seleccionaren que materias imparten, aínda que Relixión Católica é obrigatoria no menú.

No seu día, a Consellería de Educación insistiu en que ningún alumno nin alumna está obrigada a cursar Relixión en caso algún, aínda que admite que, en función das materias que ofreza cada centro, pode haber un problema.

A Administración Autonómica alega ademais que é a normativa Estatal -a polémica LOMCE- a que establece que Relixión sexa unha das materias na categoría de “específicas” e que teña un peso mínimo dunha hora.  A Xunta di que, malia poder telo feito como di fixeron outras autonomías, non ampliou o horario de Relixión a varias horas á semana.

En todo caso, se algunha persoa considera que se limita a súa liberdade de cursar relixión ou non, Educación  recomenda que o poña en coñecemento formal da inspección educativa.