Nos anos 2017 e 2018, a Unidade de Asuntos Internos da Policía española e a Unidade Central Operativa da Garda Civil puxeron baixo a súa lupa a Brigada de Estupefacientes da comisaría de Mérida. Un dos motivos que desencadearon a investigación foi un acontecemento de febreiro de 2018. A policía, nun dos seus controis, parou en Mérida un Vehículo que transportaba droga e uns 60.000 €  en numerario. A incongruencia de cifras consignadas (os 60.000 euros pasaron a ser, oficialmente, 54.000) por quen redactou o informe e a investigación da Unidade de Asuntos Internos da Policía  terminou na detención de cinco dos membros da brigada de Mérida.

 

.
.
A partir dese momento, Asuntos Internos e a UCO comezan a investigar. As pesquisas das unidades de investigación sitúan algunhas das corruptelas un ano antes, en 2017. Supostamente, segundo as pesquisas que vai facendo Asuntos Internos, o axente J.G.D.B., membro da unidade anti-droga da cidade de Mérida e ligazón entre a Policía e os informantes do narcotráfico, levaba aos que vendían droga a realizar entregas para se atribuíren o mérito das detencións a terceiros e, de camiño, substrair parte das substancias interceptadas. Os atestados reflectían operacións policiais que, segundo as pesquissas, estaban cheas de falsidades. Ficcións que o citado axente inventaba para aparecer como protagonista das detencións.

O que comezou sendo un posíbel erro humano acabou significando a imputación de varios delitos, tales como suborno, tráfico de influencias, revelación de segredos, omisión do deber de perseguir delitos, infidelidade na custodia de documentos, encubrimento e organización criminosa, provocando que outros exemplos concretos desta lista interminábel de delitos fosen coñecidos con maior exactitude.

Torturas

Nos dous últimos anos anteriores á detención do grupo policial de estupefacientes de Mérida, Asuntos Internos cre que houbo axentes que practicaron a tortura de maneirea sistemática. Consideran que isto foi así por dúas conversas interceptadas aos membros da brigada anti-droga.

Na primeira, novamente co axente J.G.D.B. como protagonista, óuvese como este di a un narcotraficante  que torturara un detido nos calabouzos. Un detido que, segundo o policía nesa mesma conversa, dixera a outros funcionarios que el (J.G.D.B.) vendía droga e posuía plantacións de marihuana. Un comentario que a mesma Policía recoñeceu na desarticulación desta “complexa rede criminosa asentada na provincia de Badajoz”. Concretamente, conforme se recolle nun comunicado, este axente e outros moitos eran propietarios de “catro plantacións ‘indoor’ de marihuna cun total de máis de 3.000 plantas”. Segundo un relatorio do Ministerio do Interior, desde 2011 148 axentes da Garda Civil foron detidos pola súa ligazón con delitos de narcotráfico. O detido non mentía, e por iso, foi torturado.

O segundo episodio de torturas foi coñecido grazas a outro axente da mesma brigada. Nunha conversa en maio de 2021, recoñeceu que dous compañeiros torturaran, tamén neste caso, un home detido. Posteriormente, diante do xuiz negou o que el mesmo dixera na conversa telefónica.

Diñeiro extraído de confiscos

No ano 2018, novamente o axente J.G.D.B. aparece sinalado. Desta volta, na compañia e coa connivencia do seu xefe de grupo, o inspector F.J.N.B., os axentes terían apañado, segundo as pesquisas de Asuntos Internos, parte do diñeiro intervido noutro operación anti-droga. Tal e como explican os investigadores, 56.000 euros foron intervidos dun vehículo que transportaba unha banda de narcos. Neste caso, a alarme foi dada pola avogada dun dos detidos, porque o seu cliente manifestou que no vehículo levaban 30.000 euros máis dos confiscados segundo o rexistro oficial. MIllares de euros que, maxicamente, desapareceran do atestado policial.

Falsidade documental e indución ao tráfico de drogas

Como explicamos antes, redactar informes ‘ad hoc’ era unha das prácticas habituais da unidade anti-droga de Mérida. Nos finais de 2020, Asuntos Internos probou que a brigada acordou cun narcotraficante a entrega de haxixe para poder levar a cabo detencións. Detencións en que, segundo os investigadores, esquecían ‘deliberadamente’ os verdadeiros propietarios da droga intervida. Despois disto, os policías escribían un rexistro falso que, grazas ás pesquisas, sabemos agora non tiña relación algunha coa realidade.

Aquí, máis unha vez o axente J.G.D.B. gaña especial notoriedade. Alén da falsidade documental e do execrábel comportamento, os investigadores cren que este axente conspiraba con outros narcos para estes introduciren haxixe en determinadas épocas do ano. Indución ao tráfico de drogas que, en febreiro de 2021, cristalizou na organización dun transporte de cocaína polos axentes que, paradoxalmente, traballaban precisamente para evitar ese tipo de delitos. Para iso, foron facilitados ás persoas que transportaban a droga de Madrid a Mérida dispositivos de xeo-localización. Manobras todas elas feitas ás costas das autoridades xudiciais.

Este tipo de corruptelas deu lugar, após unha exhaustiva investigación, á detención de 22 persoas, que realizaran máis de 20 entradas e inspeccións en domicilios, así como o confisco de diñeiro, droga, vehículos e diversas ferramentas. As pesquisas ainda non concluíron.

El Salto Diario