O estado de desorientación, parálise, temor, impotencia e dor xeneralizados destes días encaixa á perfección na chamada doutrina do shock. En momentos de emerxencia, ter coidado da vida é prioritario, e custa deixar sitio para a reflexión crítica. Apesar das dificultades, no entanto, temos de ter presente que a articulación colectiva e a estruturación de alternativas políticas que sexan capaces de tecer durante estes días de introspeccón distópica predeterminará os tempos que están por vir. A análise dos dereitos humanos pode contribuir con algunhas reflexións uteis para o debate xeral.

Unha primeira cuestión a considerar é a fiscalización dos poderes públicos. A conmoción derivada da aprobación do decreto de alarma fixo que só algúns constitucionalistas teñan polemizado sobre se, atendendo ás restricións de dereitos que contén, non se trata en realidade dun estado de excepción encuberto. A concentración de poderes que supón, xuntamente co feito de non ser susceptíbel de recurso diante dos tribunais, só permite o control político. A súa aplicación práctica fica radiografada nas máis de 250.000 propostas de sanción via lei mordaza e nas máis de 2.136 detencións. O goberno central limítase a ofrecer explicacións loxísticas sobre a crise, mais non rende contas sobre o impacto das restricións nos dereitos fundamentais, nin sobre as cautelas adoptadas para evitar que se faga un uso abusivo destas restricións. Bruno Latour describe esta crise como un ensaio xeral das que están para vir, como a climática. Tendo en conta o risco de normalizaicón da gobernanza de emerxencia, como sociedade teremos que ir pensando en novos métodos de control democrático para situacións de crise e pós-crise.

Por que outras doenzas ou factores evitábeis que provocan máis mortes que o coronaviruos non sacoden o mundo?

 

A segunda reflexión compre dedicala á dimensión social da situación que atravesamos. O virus non fai distincións, mais a desigualdade social que xa existe fará que teña efectos discriminatorios. Paul B. Preciado vaticinou que cada sociedade será definida no futuro pola maneira de enfrentar esta crise. A escasez vai forzarnos a adoptar decisións éticas que nos van definir, como por exemplo o valor outorgamos a unhas vidas frente a outras. As crueis consecuencias das necropolíticas e o desmantelamento do estado de benestar impoñen dúas preguntas retóricas: 1) que/quen provocou que os sistemas sanitarios non podan estar preparados para enfrentar unha pandemia previsíbel, cuxa xestión alicerza en heroicidades persoais? e  2) por que outras doenzas ou factores evitábeis que provocan máis mortes que o coronaviruos non sacoden o mundo? A actual crise sanitaria desaguará nunha crise social de alcance ainda maior. O estado de excepción cotidiano en que viven moitos colectivos privados de dereitos e de benestar esténdese a outros sectores, e iso provoca roturas no tecido social comparabeis aos efectos dun shock térmico. A etapa do recoñecemento formal dos dereitos ficou obsoleta, e imponse pasar a unha nova etapa en que a efectividade dos dereitos poda ser reclamada diante dos tribunais. Sen condicións de subsistencia mínimas, ningún sistema democrático sobrevivirá, nin será posíbel reclamar o exercicio de ningún dereito fundamental. Nun contexto de interdependencia, a propia dimensión dos dereitos -forxados en chave individual- terá de ser reconfigurada en chave colectiva.

A terceira reflexión ten de referirse a se o estado nación continuará sendo o garante da efectividade dos dereitos. A xestión da crise sanitaria está reflectindo a perda de soberanía e as limitacións das estruturas clásicas de poder. Os estados, en lugar de cooperaren, aférranse á proxección dunha imaxe de control e tentan exercer o seu poder onde poden, adoptando medidas simbólicas, embora inúteis, como o encerramento de fronteiras. Tamén resucitaron actores que críamos extinguidos, como o exército, cuxa presenza ameazadora non se sabe se está xustificada polo que pasa ou polo que poda pasar. Diante da perda de autoridade moral dos estados, a militarizaicón da crise sanitaria facilita o disciplinamento social, xa que interpela a populación desde o sentido do deber. O apelo á loita contra un inimigo invisiíbel esquece que quen propaga o virus somos nós. Nora Miralles analisou como a lóxica bélica nos encamiña a asunción do sacrificio persoal e dos ‘danos colaterais’. En lugar de fomentar mecanismos de intervención comunitarios, incentívase o medo ao outro e, peor ainda, a delación, capilarizando o control até o último canto da sociedade. Esta dinámica facilita a impunidade dos abusos de autoridade, mais sobretodo é contraproducente porque neutraliza a empatía e fere a noción de comunidade, dous vínculos dos que poden depender moitas persoas a quen o Estado non dá cobertura. Será preciso estar alerta, porque a estigmatización de determinados colectivos pode desembocar en surtos fascistas.

As mudanzas e as alternativas que noutros momentos sería esmagadas polas lóxicas de poder agora poden ser consideradas lexítimas

 

Continuando coa lóxica do control, unha cuarta reflexión lévanos ao monitoramento social. Os estados asiáticos están vendendo como un éxito a redución da propagación do virus através do control tecnolóxico masivo da poboación. Como escribe Yuval Noah Harari, xa non se trata de rastexar ubicacións ou clicks senón de aplicar o big data á saúde pública para controlar o individuo ‘dentro de casa’, accedendo a manifestacións do seu corpo como por exemplo a temperatura. Byung-Chul Han explicou que os asiáticos partiron do principio de que a privacidade ten de adaptarse ao contexto e que, entre este valor e a saúde, a poboación sempre priorizará a saúde. En Europa o consenso social sobre a privacidade parece ter atenuado esa tentación. O goberno español, de momento, autorizou o estudo da mobilidade cidadá con base nos datos dos operadores de telefornia (orde SND/297 de 27 de marzo). Por outro lado, e como o desexo de seguranza precipita a cesión acrítica de datos, compre prestar atención ás aplicacións de monitoramento da saúde, cuxo uso está sendo incentivado estes días. Entidades como a Electronic Frontier Foundation están emitindo diversas recomendacións a gobernos e cidadáns, tendentes entre outras cousas a revisar a temporalidade a cesión dos datos, o uso que se fará deles e o beneficio para a saúde que reportará. A presente crise marcará un punto de inflexión no debate sobre privacidade e habeas data. Pasada a emerxencia veremos como facemos para rebaixar o nível de control tecnolóxico que se terá incorporado sen debate ético nin político. A efectividade dos dereitos xa non será posíbel sen o empoderamento dixital da sociedade, que terá de ser capaz de subverter as ferramentas de control do estado para fiscalizala.

A última reflexión ten a ver co acceso á información. Hoxe en día, a soberanía defínese máis pola acumulación de información, a concentración de coñecemento e o o xerenciamento da estatística que non polas fronteiras. Nestes momentos de crise, o manexo de datos sensíbeis ten de ser feito con grande responsabilidade, mais iso non impede que nos cuestionemos os criterios que guían o doseamento da información que se nos facilita. A restrición obedece ao feito de que obter máis datos é complexo, e que se pretende formentar a calma? Ou ben é unha tentativa de controlar a información para construir relatos oficiais, influir na comprensión e na percepción da situación e evitar a fiscalización da xestión da crise? Compre meditar sobre se a mellor maneira de obter a cooperación da poboación pasa pola restrición paternalista da información, ou ben por tentar aumentar a confianza nas autoridades asegurando un fluxo constante de información contrastada e suficiente que poña freo a alarmismos inxustificados e incentive a corresponsabilización da cidadanía. Estes días dámonos conta máis que nunca de que o dereito á información é condición sine qua non para tomarmos decisións persoais e colectivas. Na época da pós-verdade e as fake news este dereito parece chamado a converterse nunha prioridade democrática.

En suma, cando arribar o fin da emerxencia chegará un momento decisivo en que a dor acumulada e as propostas xestadas durante esta parálise poderían catalisar nunha mudanza de paradigma. Algunha voces falan mesmo dun novo contrato social. Nesa altura, no entanto, os ámbitos de poder xa estarán prontos para relanzar unha versión adaptada do capitalismo e comezarán a tomar decisións a un ritmo vertixinoso, o que nos fará difícil reaccionar. Entre os puntos chave dos proxectos políticos que podamos desenvolver tería de ser legal e éticamente obrigatorio marcar límites mínimos en dereitos sociais e sustentabilidade ambiental. Un proxecto destas características tería de facer frente a dúas dificultades fundamentais: a súa implementación a escala global e a necesidade de que o norte global redefina a cidadanía como un conxunto indivisíbel de dereitos e responsabilidades, e renuncie a un estilo de vida estruturado ao redor do benestar material. Como di Naomi Klein, esta crise tamén contén a súa xanela de oportunidade para as esquerdas, xa que deixa á mostra a incapacidade do capitalismo para asegurar a sobrevivencia da maioría. As mudanzas e as alternativas que noutros momentos sería esmagadas polas lóxicas de poder, o que requerirían longos procesos de debate, poden ser agora consideradas máis lexítimas, convencer novos sectores sociais e ser adoptadas da noite para o día. Á normalidade é que non deberíamos voltar, porque a normalidade era a crise.

LAIA SERRA LAIA SERRA – Ara