A carencia de recursos económicos para saldar varias débedas en locais de hostalaría e a imposibilidade de vivir de maneira autónoma na rúa impídenlles acceder ao terceiro grao e á semi-liberdade no cárcere de Zuera.

 

Imagen de archivo de una cárcel./ EFE                     Imaxe de arquivo. EFE

 

Dúas persoas levan algo máis de seis meses en prisión, e continuarán no cárcere ainda nove meses unha delas e vinte-e-un meses a outra se non acharen antes a maneira de pagar, ou quen o faga por elas, os 460 e 1000 euros que, respectivamente, deben entregar como responsabilidade civil nos xulgados que as condenaron. Esas cantidades son un dos principais empecillos que as separan do terceiro grao que lles permitiría acceder ao réxime de semi-liberdade, aínda que non é a único.

V. A. R. e o seu compañeiro J.N.G. ingresaron de maneira voluntaria no cárcere de Zuera (Zaragoza) o 4 de xuño para cumprir  penas de quince e de vinte-e-sete meses de prisión por delitos de estafa, cometidos ao marcharen sen pagar en establecementos de hostalaría.

Ambas son cegas, unha circunstancia que engade dificultades ao que sería unha estadía normal no cárcere e á que se suman outras como o trastorno bipolar e os problemas de deslocamento que padece V.A.R. ou, no caso J.N.G., unha hipoestesia ou redución da sensibilidade nun dos brazos como consecuencia dun ictus.

Eses cadros, aos que se engaden pormenores como a imposibilidade de utilizar bastóns nos seus deslocamentos por estaren nun centro prisional e teren estes a consideración de armas brancas, obrigaron a dirección do cárcere de Zuera a manter V.A.R. e J.N.G. na enfermaría do penal, onde son axudados por persoas de apoio nas súas actividades diarias.

“É onde mellor poden estar”, sinalaron fontes prisionais, que confirmaron que ambas están desde o pasado verán clasificadas en segundo grao, o habitual cando non se trata de presos perigosos nin se dan as condicións para acceder ao terceiro, que é o que abre as portas á semi-liberdade.

As tres vías para acceder ao terceiro grao
Campa, o Colectivo de Apoio a Mulleres Presas de Aragón, interesouse pola situación de V., e paralelamente pola de J., ao pouco do seu ingreso en Zuera. Ambos cumpren unha das condicións básicas para o acceso ao terceiro grao que marca o Regulamento Penitenciario, como é o feito de cumpriren penas de menos de cinco anos de prisión, mais non as outras dúas: pagar a responsabilidade civil para indemnizar as vítimas, un requisito introducido polo Goberno de Aznar na reforma penal de 2003 para dificultar a reinserción dos condenados por delitos graves, e estaren “capacitados para levar a cabo un réxime de vida en semi-liberdade”.

A asociación sondou os Xulgados de Vixilancia Penitenciaria de Zaragoza para tratar de saber se sería viábel a súa reclasificación, á que poderían acceder caso cumpriren as outras dúas condicións.

Hai tres vías para chegar ao terceiro grao. Unha é a concesión automática pola Xunta de Tratamento da prisión nas revisións da clasificación que debe efectuar como máximo cada seis meses, co que non tocaría até principios de febreiro. Outra consiste en que a xunta acepte unha petición formal da persoa presa nese sentido, algo que non se produciu. E a terceira require que o Xulgado de Vixilancia Penitenciaria revogue a denegación da xunta após un recurso que, obviamente, ninguén puido presentar.

Unha lei autonómica por estrear
A kafkiana pasaxe pola prisión de V. e de J. coincide no tempo coa entrada en vigor da flamante lei autonómica de Dereitos e Garantías das Persoas con Discapacidade, cuxo artigo 34, que leva case seis meses sen ser estreado, prevé que a comunidade “colaborará tamén con Institucións Penitenciarias na atención de persoas reclusas con discapacidade” e que promoverá “programas sociais que posibiliten a existencia de “procedementos, servizos e contornas inclusivos e accesibeis” que permitan aos tribunais aplicalos “como medidas substitutivas do encarceramento”.

Eduardo Bayona

Público