A eurodeputada Lidia Senra visitou esta fin de semana o preso independentista galego Roberto Fialhega ‘Teto’, encarcerado na prisión de Dueñas (Palencia). Condenado a case 14 anos de prisión leva cumpridos case sete e sempre en cadeas afastadas de Galiza. “Onte fixemos 1000 quilómetros en coche. Desde Santiago até Dueñas, ida e volta no día (…) Esta longa viaxe, cos riscos e grandes gastos que implica, teñen que facela todas as semanas, neve ou faga sol, todos os familiares e amizades para poder ir velo. A visita por locutorio permitida para familiares e amizades dura 40 minutos”, escribe Senra na súa conta de Facebook.

A eurodeputada reclama “unha vez máis” que o Estado español faga caso da “resolución aprobada por amplísima maioría polo Parlamento Europeo o ano pasado sobre condicións e sistemas penitenciarios, na que se condena a política penitenciaria da dispersión por constituír un castigo engadido para as familias dos reclusos e reclusas”. Senra insta a que se poñan en marcha medidas que permitan o achegamento a cárceres de Galiza dos presos e presas que están lonxe dos seus fogares e que así o solicitan. “É un dereito, é unha cuestión de humanidade”.

Fonte: Sermos Galiza