O Executivo autonómico facilitará a xustiza restaurativa para as persoas presas poderen acceder a réximes de semi-liberdade. Trátase dun paso á frente enderezado a fomentar a aplicación de medidas ordinarias aos reclusos deste colectivo.

 

Bandera presos
Un home mostra unha bandeira en favor da aproximación dos presos de ETA nunha imaxe de arquivo. Eduardo Sanz / EUROPA PRESS

 

Euskadi será testemuña e protagonista das mudanzas substanciais na política prisional que se aplica contra os presos de ETA. Coa competencia de xestión de Prisións xa transferida, o Goberno que dirixe Iñigo Urkullu recorrerá á xustiza restaurativa e fomentará que as persoas presas podan acceder a medidas de semi-liberdade, unha medida que, en última análise, dependerá do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional.

As mudanzas que o presidente Pedro Sánchez anunciou no verán de 2018 foron axilizadas nos últimos meses. O Goberno sinalou naquela altura que se aplicaría outra política prisional, axustada ao novo escenario sen ETA.

Nunha primeira etapa case non houbo aproximacións ou outras iniciativas legais dirixidas a desactivar esas medidas de excepción que, encadradas na loita anti-terrorista, eran aplicadas contra ese colectivo de presos desde os anos oitenta.
.
Despois da conformación do Goberno de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos, os tempos adquiriron outro ritmo. A dia de hoxe, 79 presos foron transferidos a cárceres vascos. Outros 12 están en Nafarroa, en tanto 84 están en centros prisionais situados na metade norte do estado español.

Salvo 10 presos que están clasificados en terceiro grao, o resto está en segundo grao. Isto supón tamén unha mudanza: até hai apenas uns meses a maioiría seguía estando clasificada en primeiro grao, o réxime máis restritivo.

Segundo un artigo do xornal El País, o Goberno Vasco considera que “a política prisional de dispersión non ten sentido cando ETA leva dez anos sen actividade”, polo que “os presos de ETA serán incorporados como un preso máis”. “O criterio para a súa transferencia a cárceres vascos é do cumprimento da pena perto do seu lugar de residencia porque faciita a súa reinserción”, sinalan as fontes citadas por este xornal.

Mobilizacións en Euskadi

Neste contexto, este sábado terán lugar unhas 200 mobilizacións en Euskadi promovidas pola rede cidadá SARE, todas elas organizadas co obxectivo de reclamar que se continúe avanzando para o fin da política prisional de excepción.

Estes actos substitúen a mobilización anual que se celebra cada mes de xaneiro en Bilbo en defensa dos dereitos dos presos de ETA. A situación pandémica fixo que os convocantes adaptasen o formato para evitaren as clásicas aglomeracións que se producen ante este tipo de actos. No seu lugar, haberá mobilizacións de carácter local nos concellos vascos.

En cada un destes escenarios se pedirá “a aproximación de todos e todas as presas vascas, sen excepción e demora”, “o desbloqueo da progresión de segundo a terceiro grao”, e as presas e presos poderen “desfrutar de licenzas prisionais e da liberdade condicional”, así como a “reivindicación de continuar avanzando en prol da convivencia e a paz, con responsabilidade, respecto e empatía”.

O acto máis significativo terá lugar no Palacio Euskalduna de Bilbo, onde o PNV, EH Bildu, Elkarrekin Podemos e Podemos Navarra participarán nun acto organizado por Sare. Tamén estarán os sindicatos ELA, LAB, UGT, CCOO, CGT, CNT ou STEILAS, entre outros. Tamén haberá unha representación da Oficina do Ararteko (Valedor do Pobo vasco). Varias vítimas da violencia “manifestaron o seu interese en asistir, como ouvintes, á mesa redonda”, anunciaron os organizadores.

Público