[Imaxe: “Spider Web Full Moon”, de Linnaea Mallette]

 

 

Jorge Majfud

Moscas na tea de araña (fragmento)

En marzo de 2022, un mes despois do inicio da guerra na Ucraína, o xigante Google, dono de Youtube, advertiu aos produtores de contido (aínda que con dereitos cosméticos, son os principais empregados da superplataforma; quen consegue polo menos 1.000 suscritores e 4.000 horas de visualizacións recibe o primeiro dólar) que teñan coidado cos seus produtos audiovisuais e se absteñan de expresar algunha idea ou opinión que “explota, descarta ou aproba” a guerra en Ucraína.

Naturalmente, ningunha destas advertencias foi nunca exercida para as guerras lideradas pola OTAN, nin sequera as máis recentes no medio Oriente e o Norte deÁfrica. Ao contrario, a brutal invasión do Iraque en base a “información falsa” e narrativas para crianzas, a que deixou un millón de mortos, millóns de deslocados e medio continente sumido no caos máis violento xamais imaxinado, foi apoiada por estes mesmos medios en base, por exemplo, ao “Patriot Act” aprobado en Washington en outubro de 2001, polo cal nin sequera estaba permitido publicar as fotos dos mortos propios no seu retorno ao país nin os mortos alleos afundindo no esquecemento; por outro lado, esixíase que cada reportaxe “desde o lugar dos feitos” fose acompañado coa repetida referencia ao ataque das Torres Xémeas.

Por non mencionar guerras máis recentes, masacres, bombardeos sistemáticos de drones, matanzas ocultadas á opinión pública, rebelións inoculadas ou secuestradas, magnicidios de ditadores ou líderes rebeldes, como o de Muamar el Gadafi, e máis violacións en curso dos dereitos humanos por parte de gobernos poderosos, como os abusos e exterminios en masa dos pobos nos Iemen, Siria e Palestina. Unha forma sutil e por demais efectiva de censura dos pequenos e grandes produtores de contido cultural, de entretenimento ou de noticias no Youtube, consistiu na mellor estratexia de censura que calquera sistema democrático ou ditatorial coñeceu nos últimos séculos, desde o Panóptico de Jeremy Bentham no século XVIII até o medo dos usuarios de que a CIA ou a NSA e outras axencias secretas vixien as súas actividades na Internet, pasando por innumerabeis ditaduras, como as ditaduras militar-capitalistas na América Latina durante o século XX.

Neste caso, a autocensura comezou coa ameaza, por parte de Google e Youtube, dunha desmonetización. Por outras palabras, ti es libre de pensar o que queiras, mais se dis algo co cal nós non estamos de acordo, deixaremos de pagarche polo teu traballo e non hai gremio que poida defenderte. De feito, foi o que aconteceu a moitos dos xornalistas independentes na plataforma, algúns deles amigos meus. Noutras palabras, as mega plataformas, nacidas e con residencia legal nos Estados Unidos, non respectan sequera a constitución do seu país, que, na súa Primeira emenda, garante a liberdade de expresión, sen importar se esta é a expresión do KKK ou dos nazis, neonazis e renazis. Feito que resulta nunha grave contradición ao dereito extraterritorial das mesmas leis estadunidenses que se aplican, inclusive, en países como a China, nas instalacións de compañías como Apple ou Microsoft, como se tivesen inmunidade diplomática.

Google rematou a súa ameaza co seguinte sermón moral, propio dos dous pesos e dúas medidas das grandes potencias e das grandes corporacións: as políticas da empresa viólanse cando, por exemplo, é publicado  “contido perigoso ou despectivo… que incite á violencia ou negue eventos tráxicos” na Ucraína. Se existe un lawfare, está claro que os poderosos de sempre inventaron un moralfare (sobretodo en empresas privadas que escriben as súas propias leis) para secuestraren principios caros aos de abaixo.

As vítimas son vítimas en calquera caso (do Sahara a Madrid, da Libia a Paris, da África do Sur e o Congo a Londres e Bruxelas, de Guatemala e Chile a Washington, da Siria e Palestina á Ucraína), mais a moralfare é usado só para se compadeceren e apoiaren con toda a forza dos medios, a propaganda e a narrativa internacional, unhas vítimas e invisibilizaren outras.

A mafia das corporacións do Primeiro Mundo son un polbo con tentáculos globais e todas teñen un factor común: diñeiro, medios e poder. A selección da Rusia foi excluída do mundial de fútbol de Catar de 2022, sen que ninguén se arrepíe polos 7.000 inmigrantes mortos para preparar a festa mundial do fútbol nesa petroditadura do Golfo Pérsico, onde, como na Arabia Saudita, non hai espazo para a indignación das mulleres oprimidas nin indignación das mulleres da OTAN por razóns mediáticas e estratéxicas.

A mesma FIFA foi cómplice do fascismo italiano que fixo posíbel a obtención dos campionatos de fútbol en 1934 e 1938; o mesmo caso da Arxentina 1978, cando a brutal ditadura do xeneral Videla non foi castigada senón premiada pola mafia internacional. Os Estados Unidos participaron do mundial de 2002 na Corea do Sur e o Xapón, apesar dos masivos bombardeos, torturas e masacres no Iraque. En 2011 o xogador de fútbol do Sevilla, Frederic Kanouté, foi sancionado por mostrar o seu apoio ao pobo palestino. Apenas iniciada a guerra na Ucraína, todas as transmisións dos partidos da popular e poderosa La liga española foron acompañadas sen tregua por unha bandeira dese país xunto ao cronómetro, como forma de solidariedade ante a agresión dun país máis forte (os medios informan dunha guerra da Rusia contra a Ucraína, non a máis obvia guerra de Rusia contra a OTAN). Clubes de fútbol europeos, como o Atlético de Madrid, iluminaron os seus estadios coas cores da bandeira ucraína, polo cal recibiron parabén polo seu acto de heroísmo e solidariedade cos Dereitos Humanos. O mesmo ocorreu noutros estadios, como o Wembley de Inglaterra. En moitos xogos da tamén poderosa Premier League de Inglaterra, os xogadores foron obrigados a entrar ao campo coa bandeira ucraína, como signo de neutralidade deportiva. Como o estableceu e practicou o pai da propaganda moderna, Edward Bernays, a mellor forma de administrar unha democracia é dicindo aos cidadáns o que deben pensar. “A manipulación consciente e intelixente dos hábitos e opinións organizados das masas é un elemento importante nunha sociedade democrática”.

Segundo un relatorio da Unión Estadunidense polas Liberdades Civís (ACLU) publicado en 2022, “a Corte Suprema dos Estados Unidos recoñeceu en 1936 que ‘un público informado é a máis poderosa de todas as restricións contra os abusos do goberno. Contodo, hoxe en día, os nosos gobernos levan a cabo en segredo grande parte dos asuntos. Existe unha multitude de axencias secretas, de comités secretos do Congreso, tribunais secretos e até existen leis secretas. Este estado secreto en permanente expansión representa unha ameaza seria á liberdade individual e socava a mesma noción de goberno de, por e para o pobo”.

Nota: Este texto forma parte do próximo libro do autor, Moscas na tea de araña (2024).

Rebelión