Layali Zahran, activista feminista da Palestina e membro da organización Woman’s Affairs Technical Committee (WTAC) / LUCAS

 

As mulleres da Palestina son un exemplo de resistencia frente ás forzas de ocupación israelitas. Nos diferentes territorios palestinos, son elas as que loitan para se opor ás diversas opresións a que se ven sometidas. Por unha parte, fan frente á violencia da ocupación diaria -ben por viviren perto dun colonato, ben por teren de cruzar diariamente puntos de control abusivos ou ben pola violencia directa das forzas armadas-. Por outra parte, fan frente ao sistema cultural e patriarcal. Co obxectivo de loitaren contra estas dúas opresións, as mulleres palestinas agrúpanse en diversas organizacións. Unha delas é o Woman’s Affairs Technical Committee (WTAC) (Comité Técnico dos Asuntos das Mulleres), de que forma parte a activista feminista Layali Zahran como responsábel de proxectos. Zahran centrou a súa formación na loita polos dereitos das mulleres palestinas desde esta organización, que vela polo empoderamento das mulleres nunha sociedade onde todas as persoas viven igualdade de condicións. Na primeira semana de decembro, Zahran estivo na cidade de València, nunha visita encadrada no encontro “Mulleres defensoras. Corpos, territorios e resistencias”, organizada pola Alianza para a Solidariedade na Universidade de València.

 

 

 

Que fai a organización WTAC? Cal é a súa función?

O WAT é unha coalición de mulleres, fundada en 1992 en Ramallah. Embora o noso traballo se centre en máis dunha área, pomos o foco en defender os dereitos ds mulleres no territorio da Palestina. Traballamos para as mulleres poderen acceder á política, empoderárense e combateren a violencia. Traballamos en diferentes planos, desde a vida das mulleres nas comunicades até os seus dereitos e a tomada de decisións, así como no fomento do liderado das mulleres e no ensino das ferramentas necesarias para poder exercer este liderado.

Que resultados dá este traballo?

O traballo vai moi ben. Desenvolvemos um programa durante, aproximadamente, tres anos. Hai pouco graduamos unhas quince xovens. Traballamos con elas durante dous ou tres anos, tempo durante o cal levan a cabo diferentes formacións, que inclúen liderado, participación politica, dereitos das mulleres… Vemos a mudanza nas vidas destas mozas, como lles afecta e como se converten en defensoras dos dereitos das mullleres. Tamén traballamos na Faixa de Gaza, e por veces en Xerusalén, dependendo da situación.

As mulleres palestinas teñen de facer frente a dúas opresións. A que provén da ocupación e o exército israelita, e aquela que decorre do patriarcado e o sistema cultural. Que pensas?

É mesmo así. As mulleres están obrigadas a facer frente a máis dun nivel de violencia. Primeiro é a violencia das forzas de ocupación israelitas. As mulleres, como os homes, están en primeira fila na loita contra a ocupación. Teñen de atravesasr check points a diario e son encarceradas inxustamente. Temos unhas 44 prisioneiras palestinas aproximadamente nas cadeas de Israel. Alén diso, como mulleres, tamén sufrimos unha segunda violencia, que provén da sociedade e a comunidade que perpetua a cultura do patriarcado, a inxustiza e todas esas violencias. É completamente certo, portanto, que hai dúas esferas diferentes de violencia contra as mulleres.

Tamén se fala dunha terceira opresión, causada polo punto de vista occidental, que perpetúa estereótipos. Como loitades contra esa idea?

As persoas terían de tentar saber máis. Pensar que todas as mulleres árabes responden a un único tipo é errado. As mulleres árabes teñen diferentes traballos e funcións nas súas vidas e, como palestinas, temos máis funcións que as tradicionais, como ser nai, traballadora doméstica… Tamén temos esa función de resistencia, porque as mulleres palestinas resistimos. É verdade que só un 20% das mulleres accederon ás institucións, mais tamén hai outras funcións, ainda que non necesariamente remuneradas. Nós, por exemplo, tentamos compartillar o traballo de moitas mulleres através de curta-metraxes, narracións de éxito…, e despois, facemos chegar estas historias con outras persoas de todo o mundo. Mais pensa que, se alguén está realmente interesado, irá alén dese clixé e tentará averiguar máis sobre as mulleres palestinas.

E como é a loita dentro da sociedade? Como vos enfrentadas aos obstáculos que tentan relegar a muller cultural, social, economicamente? Como é a loita das organizacións como WATC?

Traballamos para conscientizar as mullleres. Tentamos transmitir a importancia dos dereitos das mulleres e a loita contra a violencia de xénero en diferentes comunidades, universidades e escolas. Queremos mudar esa cultura, queremos que a xente saiba o que comporta ser unha mulher neste contexto e cales son os dereitos das mulleres. Queremos que as mulleres saiban que non é incorrecto falarmos dos nosos dereitos e sermos feministas. Queremos dar a coñecer que, coa organización feminista, non pretendemos arruinar as vidas das familias, apesar dos tópicos que andan por aí… Por iso, unha das nosas estratexias principais é falar. É moi importante, se queremos comezar a mudar as leis. E sí, temos grandes problemas coa lei na Palestina. É discriminatoria e pouco comprensiva. Así pois, tentamos mudar a lei, especialmente o Código Penal. Por exemplo, estamos tentando mudar a lei de Familia, xa que a violencia que se produce dentro da familia non é recoñecida por lei como violencia. Se un home espanca, viola, a muller, se un pai maltrata a filla, non se identifica como violencia. Estamos tentando mudar iso. Fora da casa familiar, si que se considera violencia, mais non hai perspectiva de xénero, senón que se considera como calquer outro crime.

 

Hai mulleres que padecen cancro e non poden encontrar tratamento na Faixa de Gaza. Se tes sorte conseguirás autorización para deixar Gaza e recibir o tratamento. Se non ficarás alí para morrer.

 


Así pois, tendo en conta todos estes factores, como é ser muller na Palestina?

Son moi afortunada e non sufro grande parte dos problemas que sofren moitas mulleres. Vivo na cidade e o meu lugar de traballo está diante da miña casa, non teño portanto que atravesar check points cada día. Tampouco vivo en Gaza, onde todo está fechado e hai que conseguir autorizacións e pasar horas en controis. Apesar diso, non é fácil vivir na Palestina, especialmente como mulleres, porque hai moitas violencias. As mulleres teñen moitísimas funcións e son responsabeis de moitas cousas. Mais entretanto, alén do mais, teñen de sufrir a violencia da ocupación. Por exemplo, se vives perto dun colonato, sufrirás ataques diarios dos colonos. Hai cidades que están divididas en dúas áreas. Nunha área viven os palestinos e na outra están os colonatos. Son, literalmente, veciños. Se ves o documentarios Fillas da Nakba, verás algúns exemplos. Unha muller fala sobre como morreu o seu home, porque as autoridades israelitas non deixaron chegar dun colonato a ambulancia para o atender, e eran veciños de israelitas. Se vives en Gaza, tampouco é fácil ser palestino. Só podes entrar e sair con autorización e é case imposíbel conseguir unha. Hai mulleres que sofren cancro e non poden recibir tratamento na Faixa de Gaza. Se tes moita sorte, conseguirás autorización para deixar Gaza, e só nesa altura poderás recibir o tratamento, se non, ficarás alí para morrer.

Que se pode facer para traballar co goberno palestino?

Temos dúas estratexias. Ben irmos soas ou ben irmos en coalicións. A importancia das coalicións é xuntarmos todos os esforzos nun único propósito. Por exemplo, cando falamos sobre a violencia contra as mulleres e cando traballamos con coalicións, temos máis voces e facemos maior presión. O noso obxectivo principal é mudarmos as leis inxustas da Palestina, mais por veces achamos que é máis importante ir mudando a pouco e pouco os artigos das leis. Por exemplo, aproximadamente entre 20 e 25 mulleres son asasinadas na Palestina cada ano. E é que a lei apoia esta violencia, porque o castigo é ridículo, se o compararmos co castigo por matar un home. Normalmente a condena é de seis meses a dous anos, cinco como máximo! Por veces tentamos mudar os artigos que apoian estas actuacións, mais non é fácil mudar a lei, con toda a presión cultural e a maneira en que a xente entende as cousas socialmente.

Que cousas conseguistes co traballo feito por Women’s Affairs Technical Committee?

Fixemos moitas cousas. Por exemplo, hai pouco, en novembro, o presidente palestino aprobou a lei que eleva a idade de matrimonio a 18 anos para as raparigas, porque antes a idade mínima era de 15 anos. Se ollas para trás, en 1997, o 38% das casadas eran menores de dezoito anos. Eran nenas, ían á escola. Termos conseguido que a idade mínima sexan os dezoito anos é unha grande noticia, porque, como mínimo, dan á rapariga a opción de ser adulta, polo menos dacordo con case todos os tratados e convenios internacionais, que din que unha persoa é adulta a esa idade. Tamén demos co xeito de aumentar a cifra de participacón de mulleres nos partidos políticos até un 30%. Conseguimos anular algunhas das leis do Código Penal, como as relacionadas cos crimes de honra. Tamén conseguimos que fose aprobada unha lei para as mulleres poderen tramitar o pasaporte dos fillos e abriren contas bancarias, porque até hai ben pouco non era permitido. Queremos ver a diferenza que hai na vida dunha muller suxeita a violencia e na vida dunha muller economicamente independente, que se faga forte e reclame os seus dereitos. Ese é o noso obxectivo principal. Mudanzas reais nas vidas reais.

PAULA LLOPIS