O Comité contra a Tortura da ONU pediu a México que deixe de criminalizar a defensa dos dereitos humanos, despois de decidir o caso dun defensor dos dereitos humanos cuxo labor foi atacado, resultando na súa detención e tortura durante máis de cinco anos por un delito que non cometeu.

 

Damián Gallardo Martínez en Alemania - YouTube

 

Nunha decisión publicada hoxe, o órgao contra a tortura da ONU determinou que Damián Gallardo Martínez, docente e activista polos dereitos dos pobos indíxenas e o dereito á educación, foi vítima de tortura en México, en violación da Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes.

O Sr. Gallardo Martínez, membro do Pobo Indíxena Ayuujk de Santa María Tlahuitoltepec da Rexión Mixe, estivera promovendo a educación comunitaria en comunidades indíxenas de Oaxaca durante varios anos e participou en protestos liderados polo Sindicato Nacional de Traballadores da Educación en 2013 en Oaxaca. En maio dese ano, sete policías irromperon na súa casa cando descansaba e detivérono, sen orde xudicial.

Estivo detido en réxime de incomunicación nun centro de detención clandestino, onde foi espancado por axentes de policía para que fornecese información sobre outros participantes do movemento polo dereito á educación. Segundo o Sr. Gallardo Martínez, os axentes ameazaron con violar a súa filla e a súa parella antes de as matar, e con asasinaren os seus pais. O Sr. Gallardo Martínez foi obrigado a asinar follas de papel en branco, que despois foron utilizadas como unha suposta confesión.

Con base nesta ‘confesión’, foi acusado de participación en crime organizado e de secuestro de dous mozos, sobriños dun dos empresarios máis importantes de México. O Sr. Gallardo Martínez foi transferido a un penal de máxima seguranza en Guadalajara, no estado de Jalisco, onde estivo detido máis de cinco anos até o Ministerio Público Federal finalmente solicitar o arquivamento do caso, en decembro de 2018.

Durante este tempo, o Sr. Gallardo Martínez foi espancado brutalmente, sometido a revisión bucal e anal, privado de auga e soño, así como recluído en réxime de isolamento 22 horas ao día.

Durante o tempo que estivo detido, o seu pai permaneceu diariamente no Zócalo da Cidade de Oaxaca en esixencia de xustiza para o fillo. Toda a familia sufriu estigmatización e fustrigación e, como resultado, tivo que abandonar a súa comunidade indíxena.

O Sr. Gallardo Martínez e a súa familia presentaron en México denuncias polos actos de tortura, mais estas non deron lugar a ningunha investigación significativa. Portanto, levaron o seu caso ante o Comité en 2019.

“O Sr. Gallardo Martínez foi sometido a actos de tortura que procuraban quebrar a súa vontade ao extremo e convencer da capacidade dos seus agresores de inflixirle dor ou mesmo a morte”, dixo Peter Vedel Kessing, membro do Comité.

“Os familiares directos do Sr. Gallardo Martínez tamén son vítimas indirectas debido ao impacto psicolóxico e emocional da tortura sufrida por el e pola estigmatización e o acoso que enfrentaron. Portanto, tamén teñen dereito a unha reparación integral”, agregou Vedel Kessing.

Nas súas conclusións, o Comité sinala que o proceso penal iniciado contra o Sr. Gallardo Martínez encádrase nun patrón de criminalización dos protestos sociais. O Comité exhortou México a tomar as medidas necesarias para brindar garantías de non repetición, incluída a garantía de que quen defenden a educación e os dereitos dos pobos indíxenas non sexan criminalizados polas súas actividades lexítimas de defensa dos dereitos humanos.

O Comité tamén solicitou que México proporcione ao Sr. Gallardo Martínez e os seus familiares unha reparación integral, que ofreza unha desculpa pública e divulgue amplamente a decisión do Comité mesmo nun xornal de ampla circulación no estado de Oaxaca.

ONU