Os medios de comunicación “oficiais” do noso contorno non son moi dados a informar dos conflitos que gardan relación co dereito de autodeterminación (non sexa que cunda o exemplo na Europa dos estados). Máis alá do problema Palestino, imposible de tapar, ou o do Sáhara Occidental, pouco sabemos doutros pobos que manteñen unha loita lexítima pola soberanía e contra o colonialismo en distintas partes do planeta. E menos aínda na América Latina, onde o interés informativo céntrase en desestabilizar aos rexímenes que, como Venezuela ou Cuba, son molestos para este sistema imperialista e neoliberal. Pero existen outras informacións que confrontar co pensamento único que nos queren tatuar no cerebro sobre quen son os bos e os malos, tamén no panorama internacional.

 

Bandeira Negra: Presos políticos mapuche em greve de fome ...

 

O día 4 de maio, o líder espiritual mapuche, o Machi Celestino Córdoba, iniciaba unha folga de fame (logo folga seca), á que se sumaron outros 27 presos políticos. O goberno de Piñera negoulles a solicitude (diante dos riscos pola Covid-19) de liberdade ou medidas carcerarias alternativas, na súa comunidade, e acolléndose ao Convenio 169 da OIT, sobre Dereitos dos Pobos Indíxenas e Tribais, poñendo en risco as súas vidas e a súa saúde. Algúns xa foron ingresados estes días en hospitais, en estado crítico, logo de máis de 100 días de folga de fame. Foron encarcerados con procesos xudiciais de dubidosas garantías, aplicándolles a xustiza civil e militar e condenándoos por terrorismo.

E menos aínda na América Latina, onde o interés informativo céntrase en desestabilizar aos rexímenes que son molestos para este sistema imperialista

Un capítulo máis da estratexia de violencia e represión contra o pobo mapuche, calificada como guerra psicolóxica, etnocidio, ou racismo xudicial, estatal e corporativo, por diferentes organizacións, como o Observatorio de DD.HH. e Violencia Policial, ou a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), dependente da OEA. Ataques e ameazas de civís armados de extrema dereita, incendios de instalacións de acollida, detencións arbitrarias de dirixentes, asasinatos, como o de dúas mulleres, Rosales Quiñelen e a súa filla, Rosa Quintana que apareceron aforcadas na súa casa de Ercilla, simulando un suicidio, ou as recentes ameazas de folga de desabastecemento dos camioneiros, colectivo que xa fora clave no golpe contra Allende, e que pide aínda máis represión ao goberno chileno contra un pobo que só defende o seu territorio e os seus recursos.

A historia do pobo Mapuche (que significa xente da terra), orixinario da Araucania desde antes do século V, está marcada pola resistencia contra os constantes intentos colonizadores, primeiro do imperio Inca, logo dos españois (que non foron quen de dobralos) e, finalmente, de Chile, que anexionou a maior parte do seu territorio, e Arxentina unha pequeña parte. O Congreso chileno aprobou en 1866 unha lei que recoñecía os dereitos dos mapuches sobre as súas terras. Lei que quedou en papel mollado, diante de intereses estatais e de empresas que, como ENDESA, ou Benetton, explotan os seus recursos.

A realidade actual é que o pobo mapuche está a padecer unhas políticas de discriminación, racismo e case exterminio

A realidade actual é que o pobo mapuche está a padecer unhas políticas de discriminación, racismo e case exterminio, tanto a nível social, como económico, como cultural, ou contra a súa lingua, o mapudungun. A dificultade para desenvolverse no seu territorio propiciou a emigración ás ciudades e os seus índices de pobreza están moi por riba do resto da poboación chilena. Mentres se estima que en Chile hai entre 800.000 e 1.400.000 mapuches, só se recoñece un censo de 604.349. E, no que respecta á Arxentina, todas as iniciativas que xurdiron para otorgarlle dereitos territoriais, víronse freados polas multinacionais.

Varios factores dificultan a posibilidade de que o pobo mapuche acade unha verdadeira autodeterminación: a súa propria estrutura social, máis de clans familiares e tribais que de un pobo homoxeneo, a influencia das relixións logo das colonizacións, principalmente católica e evanxelista, e a carencia dunha organización política propria de referencia, que centre os seus obxectivos na defensa da soberanía. Agardemos que o proceso político que se está a vivir en Chile, logo do estoupido social de outubro pasado, remate nese ansiado proceso constituínte no que tamén se recoñezan os dereitos nacionais deste e outros pobos indíxenas que existen no estado.

Xosé L. Rivera Jácome

Nós Diario