Os xornalistas Carlos Enrique Bayo e Patricia Lopez protagonizaron a comparecencia, por agora, máis penetrante da comisión de investigación da Operación Catalunya no parlamento catalán. Hai tempo que ambos revelan no xornal Público o que se esconde nas cloacas do estado: as conexións entre ficais, maxistrados, o Ministro do Interior, a cúpula policial e as grandes compañías españolas. Até o momento de estourar a Operación Catalunya, ‘o maior escándalo de corrupción política e de mafia de Interior desde os GAL’, tal como di Bayo nesta entrevista.

Falamos por teléfono unha hora longa, durante a cal exclama indignado varias veces, polo feito de non ter pasado nada de nada apesar de todo o que explica e todo o que xa publicou: “Isto sería un escándalo mundial en calquera país europeo!’. Este ‘isto’ de que fala, e que pon o pelo en ponta, é a continuidade que se establece entre a antiga brigda político-social franquista e os escándalos do presente.

  • Expliquenos como se pasou do desmantelamento da policía franquista as actuais coacas de Interior.

– Disolveron aquela brigada político-social, mais os membros máis destacados non foron nin procesados, nin investigados, nin destituídos, nin enviados ao desemprego. Foron recompensados polos seus servizo, que, lembremos, foron torturas e detencións ilegais durante a ditadura.

  • Como foron recompensados aqueles policías franquistas?

– Con cargos e salarios impresionantes, como directores de seguranza das compañías máis grandes de España: Renfe, Iberia, as eléctricas… mesmo estranxeiras, como é o caso de Billy el Niño, o máis coñecido de todos, que foi colocado na Renault. Todos son coñecidos, continuaron reuníndose e coordinándose e crearon unha policía paralela que protexía quen lles pagaba. Villarejo tiña clientes, era o junior da brigada político-social.

  • Sae daí, daí sae o comisario villarejo?

– Con efecto, díxomo na cara: ‘Eu detiven o seu pai’. Respondinlle que non era verdade, porque nos detiveran xuntos, mais si o é que despois el interrogouno na Dirección Xereal de Seguranza. E ainda presume. Toda esta xente sae daquela brigada, e crean unha rede paralela parapolicial que protexe en todos os sentidos os multimillonarios que surxen da nada, como na Rusia de Ieltsin ou de Putin; a xente que se fai rica con todas as privatizacións, que comezan con Boyer e continúan con Aznar, de todas as grandes compañías estatais que foron privatizadas. Telefónica incluída.

  • E aqui comezan a surxir conflitos.

– Pola dedicación e celo excesivo en protexeren algúns destes millionarios. Por exemplo, López Madrid, que é o xenro de Villar Mir, d’OHL, encausado na operación Lezo, recibiu a protección do comisario Villarejo. Villarejo tivo actuacións absolutamente agresivas contra a doutora Elisa Pinto, que denunciara López Madrid por acoso. E non só actúa contra a doutora, a quen apuñalou, senón tamén contra comisarios que investigan estas ameazas e o acoso de López Madrid contra a doutora.

  • Como?

– Por exemplo, o comisario Jaime Barrado, que xa fora destituído da unidade de asuntos internos por ter comezado a investigar corrupción policial, e que foi enviado á comisaría de Chamartín. Alí precisamente foi onde recibiu as denuncias da doutora Pinto, investigounas e topou con Villarejo. Por tanto, foi, mais unha vez, destituído. Porque toda esta xente é a mafia intocábel.

  • Quen son os que participan no negocio de Villarejo?

– Villarejo crea o seu imperio. Ten un gabinete de avogados, toda a planta 9 da Torre Picasso, que é o edificio máis luxuoso e caro de Madrid. Aí ten o bufete de avogados Stuart and Mckenzie ao servizo de quen pague mellor. E xa sabemos quen paga mellor: Adrián de la Joya, López Madrid… Villarejo pasou dez anos en excedencia, durante os cales ergueu este imperio. E cando tornou à policía, ascendérono de imediato a comisario.

  • Que mais ten Villarejo neste imperio?

– Alén do bufete de avogados, Schola Iuris, que é un instituto de estudos xurídicos en que participan fiscais e maxistrados en activo. Tamén creou axencias de detectives, ten contas en paraísos ficais… E todo iso feito por un comisario que representa que ven da nada, que tiña o salario dun inspector. Pois acaba levantando este imperio de cuarenta empresas e vinte-e-cinco millóns de euros declarados. E isto é a ponta do iceberg, non se sabe o que oculta en paraísos fiscais. Isto é o que se vé.

  • Ninguén fai algo no estado contra isto?

– A unidade de asuntos internos da policía fixo un relatorio por encargo de Eugenio Pino para saber de onde saíra este imperio. Neste relatorio pedíase especificamente á fiscalía que investigase de onde saíran os fondos, porque os investigadores dicían que era moi sospeitoso, que proviña da lavaxe de capitais, e pode ser que tamén de fondos reservados. Enviárono á fiscalía anticorrupción, que o recibiu mais, como sentiron que lles queimaba os dedos así que o viron, enviárono á fiscalía superior de Madrid (por certo, Manuel Moix era o fiscal superior de Madrid e cando marchou deixou o seu home de confianza…). Pois na fiscalía de Madrid, o relatorio, cun contido gravísimo porque falaba de corrupción policial nos máis altos graos do corpo, foi metido nun caixón. Fecharon o caixón con chave e atiraron a chave ao Manzanares. Un ano despois ainda continúa no caixón.

  • Incríbel.

– Iso é un delito gravísimo, porque é omisión de perseguir delitos por parte do fiscal superior de Madrid. Que o persiga de oficio! Ah, está claro, é que este señor non publicou ningún chío contra Carrero Blanco!

  • Protéxense os uns aos outros.

– Agora caeu Manuel Moix, non? Pois polo Schola Iuris, o instituto do señor Villarejo, tamén pasou Manuel Moix, e o señor Maza, fiscal xeral do estado. Por favor! É que tamén pasou Manuel Marchena, o maxistrado da sala penal do Supremo! E que fan a quen non se deixa intimidar? Ofrécenlles ascensos que non poden recusar, de maneira que Arturo Zamarrigo, o xuiz do caso Nicolás, foi ascendido á audiencia provincial; o xuiz Eloy Velasco foi promovido a unha nova sala de apelacións da audiencia, que é a máis poderosa… E fixérono nun momento en que dixeron: este fulano ten que deixar de investigar.

  • Daquela, non podemos esperar que se mova nada.

– É que olla para o curriculum de Manuel Moix. Neste artigo intitulado ‘O goberno [español] asalta a fiscalía para frear as investigacións de corrupción política’ publiquei cousas gravísimas. Pois ninguén reaccionou, foi silenciado todo. É a lei do silencio, da omertà, é a mafia en estado puro; mais é que na mafia participan maxistrados, fiscais, o ministro de xustiza e o presidente do goberno español! Iso sería un escándalo mundial en calquera outro país europeo. É que Manuel Moix, tres veces, tapou [o ex presidente da comunidade de Madrid] Ignacio Gonzales non tramitando o caso, antes de chegar á fiscalía anticorrupción. Cando era fiscal superior de Madrid, tapaba sen facer investigación algunha todas as denuncias contra Ignacio Gonzalez e o Canal de Isabel II. Chegou a aliñarse co empresario Flores, amigo de Ana Botella, no caso do Madrid Arena. Morreran cinco raparigas de dezasete anos! E o fiscal que levaba o caso axudaba o empresario responsábel daquela barbaridade. Estes son os méritos deste señor. Mais hai moito máis: opúxose a que fosen divulgados os correos de Blesa, dos que saiu o escándalo dos “cartóns black”.

  • E agora demitese mais volta á fiscalía do Supremo…

– Si! E gañará 118.000 euros por ano, quer dicir, que ainda vai mellorar o salario. É un escándalo monumental.

  • É o funcionamento do estado mesmo. Como debería actuar o estado contra si mesmo?

– Non hai posibilidade nin de confiar que haxa medios de comunicación que o denuncien. Porque conseguiron que as grandes compañías e as grandes entidades financeiras que foron privatizadas e entregadas a xente como Villalonga (no caso de Telefónica), se apropiasen de todos os grandes medios de comunicación. E así non hai medio que os denuncie. Agora porque ainda temos redes… É unha alianza en que participan Interior, que inclúe policía e servizos de información, a garda civil, a fiscalía, totalmente controlada e hierarquicamente obediente ás ordes do executivo; tamén unha grande parte da maxistratura; controlan o Consello Xereal do Poder Xudicial, que nomea os cargos; e teñen, é claro, o poder económico, e político…

  • Hai xornalistas que teñen unha implicación moi directa cos esgotos do estado.

– Hai un documento asinado polo señor Villarejo en 1995, dunha docena de follas escritas a máquina, en que di que ten moitos xornalistas infiltrados nos medios de comunicación. No caso de El Mundo, onde estaba Manuel Cerdán, Esteban Urreiztieta, Eduardo Inda, Antonio Rubio, dicía que fixera que aparecesen os títulos da primeira páxina nas segundas. Dixoo así. Se no 1995 xa controlaban os títulos do xornal máis importante que publicaba escándalos, pois agora controlan todos os grandes medios. E non falamos de rádios e televisións. Todo iso non foi xudicializado, non chegou nin a un xuiz de garda. E cando se activa a comisión de investigación no congreso pola Operación Catalunya, PP, PSOE e Ciudadanos vetan que comparezan os que terían que saber como se fixeron os controis a Fernández Díaz, como foron filtrados…

  • Por que Ciudadanos fai o xogo ao PP e  o PSOE neste caso?

– Dixeron que farían o que fixese a maioría. Estupefacción! Eles, que son a punta de lanza da loita contra a corrupción! Falamos do caso de corrupción política máis importante que foi cometido na Europa e abstéñense. E que se a maioría di algunha cousa, eles aceptarán. Mais o que é iso? Fixeron uso de todo tipo de subterfuxios para impediren que realmente avanzase a investigación.

  • Mais Ciudadanos é parte implicada? Publicache o caso do casamento dun familiar de Fuster Fabra en que estaba Albert Rivera e onde se puxo en contacto a cúpula da policía coa do BPA para ter os datos dos Pujol.

– Si, Albert Rivera incomodouse moito conmigo, porque dicia que non fora ao banquete. Pois que casualidade que non fose ao banquete cando hai fotografias del con as mulleres dos dous comisarios, Eugenio Pino e Marcelino Martín Blas, que foron feitas na mesa do banquete. Pois é un xeito de non estar un chisco estraño.

  • E tamén estaba, claro, Fuster Fabro, moi vinculado a Ciudadanos

– Tamén está moi enfadado conmigo porque dixen que era un avogado de ultradereita.

  • Si, iso témolo documentado en VilaWeb.

– Si, di que foi un pecado de xuventude… Que militase en Fuerza Nueva non quer dicir que fose de ultradereita, non.

  • Polo que di, Ciudadanos, através de Fuster Fabra, facía papel de mediación coa cúpula da policía.

– Si, Fuster Fabra mediou entre os Cierco [ex-dirixentes da Banca Privada de Andorra] e a cúpula política. Fíxoo para que fosen levados a cabo os tratos que lles permitiría revelar as contas dos Pujol en Andorra. E iso é indubitábel. Que Fuster Fabra é un dos padriños de Ciudadanos, non ofrece dúbida. Mais é que aqui néganche a evidencia.

  • A Operacíón Catalunya. Por qué propiciaron o xantar da Camarga no 2010 de Sánchez Camacho con Victoria Álvarez?

– Vicky Álvarez baixou de Andorra unha vez con Jordi Pujol Ferrusola e con 25.000 euros, non con medio millón. E cando el a deixou, pensou que podería tirar rentabilidade de ter tido aquela relación de amantes. Procurou a maneira de gañar uns cartos con iso. E é aqui onde aparece o señor Villarejo, que se relaciona con ela facéndose pasar por xornalista de El Mundo, co aval dos xornalistas Eduardo Inda e Esteban Urreiztieta. Nos audios que hai entre Álvarez e Villarejo -ainda facéndose pasar por xornalista de El Mundo– falan de Jorge Moragas [xefe de gabinete de Mariano Rajoy],

  • Home, Jorge Moragas!

– Si, xa sabedes que era coñecido de Sánchez Camacho porque foron compañeiros de estudos cando eran xovens. E Moragas dille a Camacho que esta moza que coñece da escola foi amante do fillo máis vello de Pujol, que ten moitas ganas de explicar cousas e que pode funcionar moi ben para destruir a reputación dos Pujol. Dille que a reciba. Álvarez vai á sede do PP de Barcelona, e cando comezan a falar no gabinete de Camacho, combinan para xantar un día. E é daquela que Camacho organiza o xantar da Camarga, coa famosa grabación. Hai probas de que Camacho prestou falso testemuño en sede xudicial e presentou denuncia falsa e mentiu en sede parlamentar. E agora é a vice-presidenta primeira do congreso español.

  • O audio da Camarga fica dous anos metido nun caixón?

– Non, examínase. E créase a UDEF, ao mando da cal poñen José Luís Olivera, que agora mesmo é director dun organismo que une a loita antiterrorista e a loita contra o crime organizado. Olivera dirixía a UDEF antes de que Fernández Díaz fose ministro do Interior; falamos da época de Rubalcaba. Mais na altura ainda non tiñan o poder necesario para facer unha brigada política que actuase contra os partidos e os politicos cataláns. Mais xa comezaban a elaborar os dossiers da UDEF. Quen era a man dereita de Oivera? Pois Villarejo, que naquela altura xa procuraba a maneira de que Victoria Álvarez declarase e que Javier de la Rosa tamén declarase contra os Pujol. E no caso de De la Rosa, Villarejo fíxoo facéndose pasar por avogado e enviándolle o Pequeno Nicolás. Publicaron a grabación de De la Rosa falando co Pequeno Nicolás. E todo iso foi feito para ir preparando o primeiro informa da UDEF.

  • E iso pasa polo estourido do independentismo en Catalunya.

– Claro! O auxe do independentismo en Catalunya é visto como unha ameaza desde a comisaria xeral de información de Madrid, e desde a dirección adxunta operativa da policía. Por iso examinan o que se pode facer e comezan a preparar dossiers, que fan públicos cando Fernández Días xa está no ministerio e di, avante toda! Afundámolos. Por iso Daniel de Alfonso vai falar con eles. Buscan o que sexa con tal de afundiren os políticos soberanistas cataláns, e teñen de o facer antes do 9-N, e será publicado na prensa afín. Todo iso está claro nos audios.

  • Pareceche comparábel aos GAL?

– É o maior escándalo de corrupción policial e de mafia de Interior desde os GAL, está claro. É comparábel na execución, nos obxectivos, naquilo que ten de corrupción da democracia. A diferenza é que, é evidente, os GAL cometeron asasinatos e de momento esta brigada non. Tamén aprenderon dos GAL. Se aparecen cadáveres en cal viva, dificilmente pasa. Mais ao mesmo tempo a nós xa nos ameazaron dicindo: “Iremos por todas”.

  • Que pensades que poden chegar a facer cando en Catalunya sexa convocado o referendo?

– É que o feito máis grave das cloacas é que non se limitan a Interior. Porque sempre tes un aparello xudicial que pode darche a razón, e pode protexerte e defenderte. Se hai investigacións por conta de Xavier Trias que se demostra que son falsas e son arquivadas… O mais perigoso é que as cloacas contaminan a xudicatura. Neste caso vexo que non necesitan das cloacas policiais porque haberá ordes da fiscalía, do TC, do Supremo, para que se chegue a inhabilitar unha grande parte do parlamento.

 Josep Casulleras Nualart – Vilaweb (07/06/2017)