O feito considerado ‘histórico’, e vendido como ‘o triunfo da diplomacia por ter detido a anexión da Cisxordania a Israel’, non foi a decisión tomada nos parlamentos dos asinantes, senón que se trata dun acordo opaco entre homes corruptos de extrema dereita: Donald Trump, o seu xenro Jared Kushner, Benjamin Netanyahu, o príncipe herdeiro do Reino da Arabia Saudita (RAS) Mohammed bin Salman (MbS), e o mandatario emiratí, Mohammed bin Zayed (MbZ).

 

En qué consiste o acordo
  1. É falso que os EUA se teñan sacrificado con este pacto para que Netanyahu abandonase o plano de anexar grande parte da Cisxordania que anunciara en xullo, porque Israel nunca deixou de ocupar máis terras palestinas, nin o fará. De feito, o propio Netanyahu asegurou tratarse apenas dunha suspensión temporaria do proxecto, que fai de espada de Damocles pendurada sobre a cabeza dos países ‘musulmáns’ para os pór máis unha vez de xeollos. O obxectivo de Israel foi e é tornar inviábel un estado palestino, e obrigar a súa xente a asimilar cun sorriso o seu sometemento a un sistema de Apartheid.

O que consegue Israel

  1. No momento en que todas as potencias mundiais, afora os EUA, se opuxeron a este proxecto, así como o seu socio de goberno Benny Gantz e os sionistas liberais -que priorizam a resolución do conflito coa Palestina para garantir a seguranza de Israel-, o vello político xudeu deuse conta que levar a cabo o proxecto sería un grave erro estratéxico. Por iso xogou esta carta, tapando un escándalo con outro, embrullándoo en papel rosa, para sair dunha situación embarazosa: Quen senón el pode, cunha única ameaza e sen dar nada en troca (nin sequer a paralisación de novos colonatos), obter tanto, e mesmo pasar de ser ‘corrupto e incompetente’ ante o seu propio pobo a ser un ‘heroe’?
  2.  Entrar no Golfo Pérsico e instalarse a poucos quilómetros do Irán, país que xa está rodeado de bases militares dos EUA e a OTAN por todos os lados. De feito, todos os contactos oficiais previos ao acordo que mantiveron ambos os estados desde 1996 xiraron á volta de como conter a Repúbica Islámica do Irán (RII). A teocracia chiíta, nun gravísimo erro, logo de nacer en 1978 declarou unha guerra relixiosa contra Israel, os EUA e os réximes sunitas, tanto as repúblicas (como o Iraque de Sadam Husein ou a Libia de Gadafi) como as monarquías, pondo os iranianos e a integridade territorial do Irán nun serio perigo ante o poder esmagador dos EUA e os seus socios, que erradicaron do mapa varios estados, sen piedade.
  3. Crear unha alianza militar conxunta contra o inimino iraniano, agora que a prioridade da política exterior dos EUA -alén de quen for o seu presidente-, é a China e non a RII. Desde 2016, as forzas aéreas de ambos os países participan nas manobras militares da OTAN.
  4. Un inmenso mercado de armas. Israel levará unha boa fatía do orzamento anual de defensa dos EUA, uns 23.000 millóns de dólares. A empresa emiratí Group 42 asociouse coa israelita Industrias Aeroespaciais e Rafael Advanced Defense Systems, para a compra de drons, artefactos de recoñecemento facial (AnyVision), vixilancia cibernética, e mesmo o sistemas anti-míseis Cúpula de Ferro, que despois do misterioso ataque contra as instalacións petrolíferas sauditas de Aramco, achou mercado nesta zona. Israel, de camiño, rouba este cliente aos EUA que en 2019 asinou un contrato de armas por 5.5 millóns de dólares,que inclúe o sistema de míseis Patriot. Agora, mesmo que os EUA podan vender armas avanzadas a este país árabe, incluídos os ‘prohibidos’ F35 gañando millares de millóns de dólares, nunca lle dará as súas chaves para que poda usalas de forma independente: Israel terá sempre a superioridade militar.
  5. A posibilidade de tomar o control do Comando central dos EUA no Golfo Pérsico, polo que non só o Irán, mais tamén todo o resto de estados da zona estarán a salvo da chantaxe israelita, que ve o mundo só da óptica dos seus propios e estreitos intereses.
  6. Poder infiltrarse nos servizos de intelixencia e na intelixencia militar dos Emirados, para facela refén. Os réximes do Iraque, a Siria e a Libia, por exemplo, non podían ter sido desmontados como o foron a non ser, en parte, porque os EUA os obrigaron a cooperar na suposta loita contra o terror, accedendo aos seus servizos de seguranza nacionais.
  7. Mudar a alienació xeopolítica da zona: os países árabes, como a RAS e os EAU, pasaron de unirse contra Israel a unirse con el contra o Irán. Xa dixo Mike Pompeo que este acordo será un ‘pesadelo’ para o Irán.
  8. Isolar ainda máis o Irán, precisamente cando estaba mellorando as súas relacións coas monarquías do Golfo Pérsico. Tanto ten que a RII teña deixado de lanzar a palabra de orde ‘morte a Israel’ (e os seus mandatarios queren que esta mudanza sexa coñecida en Occidente), que teña levantado a prohibición aos atletas iranianos de competiren con os israelitas e que teña autorizado Hisbolá a ter contacto con Tel Aviv, o que é un recoñecemento indirecto daquel estado.
  9. Converter os EAU en socio e cómplice das súas agresións militares a outras nacións. Pois o diminuto estado conta con exércitos privados na Siria, o Iemen e a Libia. Aliás, é o único país árabe con tácticas e estratexias claras, e o mellor organizado na súa política expansionista.
  10. Obter unha fonte segura de petróleo. Israel importa uns 240.000 barris por dia, e os EAU posúen inmensas reservas: o 6% das reservas mundiais. Até a década de 1950, vivia do cultivo de támaras, a pesca e a pesca de pérolas.
  11. Enterrar a Iniciativa de Paz Árabe do 2002, que condicionaba a normalización das relacións con Israel á retirada das terras palestinas.
  12. Afastar outro poderoso e rico país árabe dos palestinos.
  13. Recibir investimentos milionarios dos xeques, sangue inxectado na economía israelita afectada pola crise económica. os EAU son a segunda maior economía árabe, despois da RAS.

Porque a Palestina rejeita o acordo Israel-Emirados Árabes ...

E que conseguen os EUA?
  1. En tanto a festa polo acordo en Israel era pública, en Abu Dabi había silencio, non por estaren envergoñados, senón polo medo a provocaren máis protestos nos países ‘musulmáns’, apesar de teren vendido o acordo como o medio de ‘salvar os palestinos da anexión’. Mesmo así, o xeque Zayed pode.
  2. Presentarse como líder da diplomacia na rexión, apesar de continuar a lanzar bombas sobre ‘as nacións musulmanas’ do Iemen e a Libia, pois comprobaron que aquilo do ‘choque de civilizacións’ non era máis do que un álibi da extrema dereita do Ocidente e do Oriente, no seu asalto aos dereitos dos cidadáns, tamén en ambos os lados.
  3. Presentar o seu propio “modelo” de país musulmán, agora que fracasaron as versións iraniana, turca e saudita, as mulleres (estranxeiras) poden ir en bikini ás praias, mais a disidencia é castigada con tortura e desaparicións, tal como se fai en todo o Oriente Próximo.
  4. Protexerse das esixencias de democratización do país da súa propia populación, tendo un ‘primo zumosol‘ como Israel; que a familia real considera como unha apólice de seguro. As ditaduras da rexión déronse conta de que a ameaza ao seu poder e privilexio provén máis do interior que de fora  (Irán, 2009; as verdadeiras “primaveras árabes” de 2011). As palabras de orde contra Israel, lanzadas desde os países árabes, a Turquía e o Irán, son simples actos de distracción destes réximes de dereita e corruptos, que acusan os seus cidadáns críticos de estaren ao servizo dun réxime inadmisíbel como o de Israel.
  5. Marcar un gol á RAS en Washington, onde os sauditas, mesmo entre os republicanos, perderon peso. MBS non pode recoñecer Israel en tanto for vivo o seu pai, o rei Salman, moi anti-israelita, que chegou a sinalar o Mosad como autor dos atentados do 11S.
  6. Recibir non apenas tecnoloxía, mais tamén moitos turistas israelitas, que poderán desfrutar (non sei como) do Burj Khalifa, o predio máis alto do mundo.
  7. Apoiarse en Israel no seu afán expansionista. Na Siria, ambos patrocinaron o Estado Islámico. E quen tería pensado que uns minúsculos emirados conseguisen ter o control das vías fluviais estratéxicas nos mares Árabe e Vermello, ocupando o sul do Iemen?
  8. Ir substituindo progresivamente as súas fráxeis relacións cos EUA por Israel, tal como outros países árabes. Bahréin, Kuwait, Omán e mesmo Qatar están preparándose para recoñecer o estado de Israel a custa de manter o statu quo da ocupación das terras palestinas.
  9. Utilizar a súa alianza con Israel para resolver disputas que teñen na rexión con países como Omán e Qatar. É curioso que o Irán tamén recorreu a Israel para loitar contra os seus inimigos: comproulle armas na súa guerra contra o Iraque nos anos oitenta.
Os gaños de Trump
  1. Após o seu fracaso para pór en andamento o Acordo do Século e perder un Nobel da Paz, Donald Trump pode presumir da súa única vitoria na política exterior, despois das súas derrotas co Irán, a Corea do Norte, Venezuela, Afganistán e a China. Mais este acordo non se traducirá en votos para as eleccións presidenciais de novembro: non só porque os estadunidenses posibelmente nin sequer saben onde están os EAU, senón porque están indignados pola xestión da pandemia e pola situación económica que deixou outros 22 millóns de persoas desempregadas. Jimmy Carter conseguiu a asinatura de paz entre Israel e Exipto en 1978, mais perdeu as eleccións de 1980 -en parte por unha alianza entre Teherán e o candidato republicano Ronald Reagan-, e George Bush, o arquitecto da Nova Orde Mundial, que supostamente expulsou o Iraque de Kuwait, perdeu a reelección por ignorar o aumento da pobreza e o desemprego. A indignación dos cidadáns é tal que Trump non ousou converter estee acordo nunha grande celebración como a que fixo Carter en Camp David.
Palestina terá a última palabra
  1. O erro clásico das elites é menosprezaren a forza dos pobos na loita polos seus dereitos, e este acordo morrerá xustamente por non ter contado coas sociedades da Palestina e os EAU. Ainda está para ver 1) se utilizar estratexias como a emisión televisiva do deporte, sobretodo o futbol, polos asinantes de Abraham, normalizará a opresión dos palestinos entre os espectadores; e 2) se a sociedade palestina consegue afastar a extrema dereita relixiosa e a dereita fraca e inmóbel do liderado da súa batalla e deseñar novas estratexias e tácticas para a nova situación e ser protagonista do seu propio destino. Compriría acabar co erro de pedir a solidariedade coa ‘causa árabe’, concepto desprovido da perspectiva da loita e a alianza de clases no ámbito nacional, rexional e mundial.
  2. O Oriente Próximo, apesar de estar afeito a resolver os seus problemas con violencia, sempre ten un lugar para o ‘tit-for-tatism’, ‘o tira-puxa’ na teoría de xogos. Certamente, os pobos desta rexión están fartos de tantas guerras, e deben incluir o diálogo e negociación co inimigo na súa política exterior, mais este tipo de ‘paz’ inxusta cun réxime como o israelita só significa máis guerras contra outros millóns de persoas indefensas. Ainda non é tarde demais para organizar un movemento anti-militarista no ámbito mundial e sobretodo nesta rexión tan azoutada do planeta, e pór fin ás guerras contra os palestinos, os kurdos, os iemenitas, iraquianos, afgáns, os libios e sudaneses, entre outros integrantes dunha longa lista de nomes.

NAZANÍN ARMANIAN – Público