O ministerio de Asuntos Estratéxicos israelita autorizou 37 millóns de dólares para colocar a súa publicidade como se fose información xornalística en medios de comunicación de todo o mundo. No Estado español, existe tamén unha rede de apoio ao Estado de Israel en que destacan políticos e xornalistas.

 

Trump might have Middle East peace plan soon - Business ...Donald Trump e Benjamín Netanyahu

 

Recentemente, neste mes de outubro de 2020, o medio dixital israelita 972 Magazine fíxose eco dunha investigación aberta desde o ano 2017 polo xornalista Itamar Benzaquen. Nela, desvela que o Ministerio de Asuntos Estratéxicos do Estado de Israel -creado en 2006 polo político de extrema dereita Avigdor Lieberman- pagara montantes considerabeis de diñeiro ao xornal israelita Jerusalem Post para que publicase contido contra os movementos en defensa dos Dereitos Humanos. Ao longo dos últimos anos, informacións similares viron a luz através de xornalistas e medios de todo o mundo. En xuño de 2019, este xornal israelita publicou un documento intitulado “Desmascarando o BDS”. De feito, nese suplemento, xornalistas entrevistaron funcionarios do Ministerio, así como senadores e políticos do partido Republicano dos Estados Unidos. Nel inclúense palabras eloxiosas para Donald Trump, cualificado por Israel como un ‘valente guerreiro’.

O prestixioso xornal israelita Haaretz informou que hai dous anos e medio, o Goberno sionista aprobou a asignación de 31,4 millóns de euros para financiar propaganda política. Alén diso, esixía unha cantidade equivalente de financiamento privado para alcanzar os 60 millóns. A xornalista Aiden Pink escribía no medio xudeu norteamericano The Forward que fora encomendada ao Ministerio  a tarefa de facer a guerra sucia na batalla da opinión pública contra os críticos de Israel, especialmente nas redes sociais. “Loitou nos Tribunais para manter en segredo algunhas das súas actividades, mais tamén publicou expedientes sobre activistas pró-BDS”, afirmaba a xornalista.

 

Desde 2017 a maioría das organizacións xudías estadunidenses rexeitaron o diñeiro israelita. Iso é debido a que, segundo a Lei estadunidense, recibir diñeiro dun país estranxeiro para facer propaganda é ilegal

 

É necesario sinalar que desde 2017 a maioría das organizacións xudías estadunidenses rexeitaron o diñeiro israelita. Iso é debido a que, segundo a Lei dos Estados Unidos, recibir diñeiro dun país estranxeiro para facer propaganda é ilegal. Neste sentido, Pink lembra que a Lei que rexe esta actividade é a Lei de Rexistro de Axentes Estranxeiros (tamén chamada FARA), que “foi aprobada na década de 1930 para frustrar a propaganda pronazi realizada por estadunidenses que recibían o apoio secreto do Terceiro Reich”. E engade que “ansiosos e frustrados”, axentes de Israel tiveron que crear organizacións e empresas de fachada para ocultar a súa orixe financeira”.

Mais non é só a xustiza estadunidense que teñen que confrontar. O Movemento de Liberdade de Información de Israel e o sitio web israelí The Seventh Eye conseguiron que fosen desclasificados parte dos memorandos gobernamentais relativos ao financiamento da propaganda nacional e internacional. Así mesmo, en 972 Magazine, o xornalista de investigación Itamar Benzaquen constatou que “o Ministerio se orgulla de crear unha rede de organizacións nacionais e internacionais para implementar as súas políticas”. O xornalista relata que “crendo que a propaganda oficial do Goberno é ineficaz, o Ministerio canaliza as súas mensaxes através de individuos e institucións que se perciben como desconectados do Estado”. No ano 2018, o xornalista Josh Nathan-Kazi informaba en The Forward que, debido ao carácter ilegal e dereitista da campaña, organizacións progresistas xudaicas e israelitas non só se negaron a participar nesa campaña, senón que tamén se consideran atacadas por ela.

 

 

Alén de todo isto, Nathan-Kazi escribía que “un dos doantes identificados por The Seventh Eye, o Central Fund, está entre as organizacións pro-israelitas máis controvertidas dos Estados Unidos”. Haaretz informou en 2015 que o Central Fund transferira subsidios a unha organización benéfica israelita chamada Honenu, que até o 2016 “brindaba apoio financeiro ás familias de xudeus israelitas acusados ‘de terrorismo'”. O avogado israelita Schacher Ben Meir esixiu en 2018 que o Tribunal Superior de Xustiza de Israel ordenase o cesamento das actividades realizadas polo Ministerio de Asuntos Estratéxicos, ao que denomina “Ministerio de Espionaxe e Propaganda”. Na súa argumentación detalla: “Neste caso, o ministerio non só é axudado por organizacións privadas para levar a cabo as súas actividades, senón que tamén transfire grande parte do seu poder -poderes draconianos para vixiar, espiar e divulgar propaganda- a organizacións privadas que non son directamente responsabeis ante o goberno”. Igualmente, considera que “o propio Ministerio leva a cabo actividades radicais”.

Xa en 2017, The Seventh Eye denunciaba a coordenación entre o Goberno e o xornal israelita Yedioth Ahronoth. E describía como, só en xuño e xullo dese ano, o ministerio gastou 1,7 millóns de euros para colocar propaganda en medios de Israel e do estranxeiro.

NETANYAHU E TRUMP CONTRA O BDS
Hai que ter en conta que o Ministerio de Asuntos Estratéxicos israelita encabezou múltiplos esforzos para criminalizar o BDS, un movemento non violento que inclúe numerosos grupos anti-racistas e xudeus. BDS son as siglas de Boicote, Desinvestimentos e Sancións, e traballa para que acaben as complicidades e Israel cumpra na Palestina tres puntos básicos do dereito internacional e dos Dereitos Humanos: fin da ocupación, fin do apartheid e dereito ao retorno das persoas refuxiadas.

O BDS, pola súa banda, conseguiu o apoio de importantes figuras como o Premio Nobel da Paz Desmond Tutu, a xornalista Naomi Klein ou o científico Stephen Hawking.

En 2017, un relatorio dun organismo da ONU, o CESPAO, declarou que Israel é un Estado de apartheid, que o BDS é unha ferramenta lexítima para dar cabo do apartheid e que os gobernos deberían adoptalo.

En agosto de 2014, 327 persoas xudías sobreviventes do xenocidio nazi e os seus descendentes condenaron o masacre israelita en Gaza e reclamaron o boicote a Israel, como se puido ler en xornais como Haaretz. O BDS tamén conseguiu que grandes transnacionais como Orange ou Veolia se desvinculasen de contratos multimillonarios en Israel; que numerosas universidades e igrexas estadunidenses adherisen á campaña; ou que centos de concellos e espazos europeos se declarasen “Espazos Libres de Apartheid Israelita”.

 

En 2017, o CESPAO -un organismo da ONU- declarou que Israel é un Estado de apartheid (un crime contra a humanidade que podería ser xulgado nos tribunais de calquera Estado con xurisdición universal), que o BDS é unha ferramenta lexítima para acabar co apartheid e que os gobernos deberían adoptalo

 

Liliana Córdova, activista xudía en favor dos dereitos palestinos, explica que “os activistas do BDS e as súas numerosas asembleas territoriais presentes en todo o mundo son definidas por autoridades israelitas como a súa ‘maior ameaza estratéxica'”. O que provoca que Israel recorra a espionaxe, a guerra ilegal e a intensa propaganda contra o movemento.

“A acusación de anti-semitismo permite que o acusador evite involucrarse no contido real do debate pois se mostra como autoridade moral”, argumenta en 972 Magazine. E continúa: “É precisamente a táctica que os republicanos, envalentonados polo presidente Trump, estiveron utilizando contra os demócratas durante os últimos anos”. Zonszein relata que a Casa Branca utilizou repetidamente o apoio político de Trump a Israel para acusar a oposición e os movementos sociais de anti-semitismo, unha estratexia tamén empregada contra o ex candidato traballista británico Jeremy Corbyn. De feito, nos últimos anos o goberno de Trump impulsionou normas e leis anti-BDS en varios estados federais, co duplo obxectivo de calar as críticas a Israel e debilitar a esquerda.

Neste sentido, en xullo de 2018, máis de 40 organizacións xudaicas de diferentes lugares do mundo -incluíndo algunhas israelitas-, defenderon que o Estado de Israel non os representaba e rexeitaron que o BDS e a crítica “ás políticas e ao sistema de apartheid de Israel” fosen anti-semitas. Igualmente, criticaron a definición de traballo de IHRA (siglas en inglés da Alianza Internacional para o Lembranza do Holocausto) que adoptan institucións públicas presionadas por Israel e polos seus lobbies. E curiosamente, o mesmo autor desta definición de traballo, Kenneth Stern, denunciou que estaba a ser manipulada e non se respectaba o seu propósito orixinal para favorecer o sionismo e os aliados de Trump. Aliás, as máis de 40 organizacións xudaicas declararon: “O movemento BDS liderado pola sociedade civil palestina, que defende os dereitos dos palestinos, e foi nomeado ao Premio Nobel da Paz, demostrou un compromiso congruente para combater o anti-semitismo e todas as formas de racismo e intolerancia, en consonancia coa súa dedicación á Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.

POLÍTICOS ESPAÑOIS CONTRA PALESTINA
No Estado español, diferentes políticos e xornalistas destacaron recentemente polas súas actividades, afirmacións e publicacións anti-palestinas e contra o BDS. De maneira similar ás principais amizades políticas e alianzas internacionais de Benjamin Netanyahu -Jair Bolsonaro, Narendra Modi, Donald Trump ou Viktor Orban, xunto con organizacións e partidos de extrema dereita/neofascistas, que poden ser á vez xudeófobas e pro sionistas-, no contexto español hai que situar nesta liña a José María Aznar, Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso. O ex presidente do goberno do PP é presidente de honra da fundación Friends of Israel Initiative e Pablo Casado foi un dos catro individuos que rexistrou oficialmente este organismo. Por súa vez, Isabel Díaz Ayuso publica periodicamente chíos a favor de Israel e durante un tempo tivo escrito “amiga de Israel” na cabeceira do seu perfil de Twitter.

Tamén hai que mencionar Rafael Bardají, un dos principais ‘falcóns’ que conecta a extrema dereita e a dereita neo-con española. Bardají, politólogo e sociólogo, creou en 1987 a fundación Grupo de Estudos Estratéxicos (GEES). Posteriormente, foi asesor de ministros de Defensa do PP, director de política internacional da Fundación FAES, un dos ideólogos da invasión do Iraque e outro dos impulsores e presidente executivo da Friends of Israel Initiative. Bardají, vinculado a Steve Bannon, foi o primeiro español que visitou a Casa Branca de Trump en 2017. No ano seguinte deixou de ser militante do PP para pasar a Vox e foi membro do seu Comité Executivo Nacional, onde foi considerado como a ‘cabeza pensante’. Xunto ao ex porta-voz de Ciudadanos no Congreso, Juan Carlos Girauta, Hermann Tertsch, actual eurodeputado de Vox, é outro dos maiores defensores do goberno de Benjamin Netanyahu e do Estado de Israel.

 

No Estado español, diferentes políticos e xornalistas destacaron recentemente polas súas actividades, afirmacións e publicacións anti-palestinas e contra o BDS. Exemplos diso son Aznar, Casado ou Diaz Ayuso

Así mesmo, Toni Cantó, deputado de Ciudadanos nas Cortes Valencianas, destacou polas súas iniciativas parlamentares para -nas súas propias palabras- “perseguir e atacar” calquera iniciativa favorábel aos dereitos palestinos. A última das súas accións este mesmo ano foi tentar impulsionar a censura dunha actividade de formación do profesorado valenciano “contra o odio e o racismo” (incluíndo a xudeofobia e a islamofobia) en que participaba a mesma Liliana Córdova, coñecida activista pro palestina e filla de sobreviventes xudeus do xenocidio nazi. Por outra banda, cabe mencionar que en 2018, unha delegación das mocidades do PP e de Ciudadanos realizaron unha viaxe organizada pola embaixada de Israel. Ao voltaren, o novo deputado valenciano do PP Juan Carlos Caballero declarou a eldiario.es: “Copiei ideas [de Israel] para aplicalas na Comunidade Valenciana”.

AVOGADOS E XORNALISTAS PRO-SIONISTAS CONTRA A ESQUERDA
Segundo unha noticia de 2005 en Sexual Policy Watch con título “Pinkwashing: The promised land beyond the rainbow“, após a violenta represión da segunda intifada (a insurrección masiva de resistencia palestina entre o 2000 e o 2005), e as críticas a Israel, comezou a campaña ‘Marca Israel’. Tzipi Livni, antiga membro do Mossad e ministra nese momento, foi unha das principais protagonistas no deseño dunha ‘cidade LGTBI’, Tel Aviv, para a vender internacionalmente.

Para a activista Liliana Córdova “esta estratexia funciona dentro da óptica da extrema dereita, baseándose na supremacía branca, que de maneira manipuladora ou por convicción alerta da suposta posibilidade de haber unha invasión de ámbito global desde o grande sur que, supostamente, querería destruír a cultura occidental e branca”, e -continúa- “desde entón, os xornalistas occidentais comezaron a recibir convites oficiais do Estado para visitar a cidade”. De feito, o número de turistas no Orgullo de Tel Aviv aumentou de 7.000 en 2006 a 35.000 en 2017. No ano 2018, esta cifra chegou a 250.000 persoas.

Moitos dos políticos e xornalistas pro israelitas están relacionados con ACOM, o grupo anti-palestino máis activo no Estado español hoxe en día. Unha organización radical que a miúdo publica chíos contra Podemos, contra o goberno de coalición español actual e contra o soberanismo catalán. Sen reviravoltas, ACOM encomiou publicamente Vox e Hermann Tertsch. O 4 de marzo de 2020, o dirixente de Vox Iván Espinosa de los Monteros declarou en Twitter que fora un pracer reunirse en Washington cos “nosos amigos” ada ACOM, e achegaba unha fotografía en que podían verse riseiros e xuntos Santiago Abascal, Ángel Mas -presidente de ACOM- e ao mesmo Espinosa de los Monteros.

ACOM dedica unha parte relevante da súa actividade a denunciar institucións públicas adheridas ao BDS, a maioría das cales aprobaron mocións de apoio ao cumprimento do dereito internacional e os Dereitos Humanos en Palestina cos votos favorabeis do PSOE e Unidas Podemos -e os das súas diferentes coalicións territoriais-, así como da CUP e ERC en Cataluña e Compromís no País Valenciano. Por outra banda, o 22 de setembro de 2018, ACOM chegou a comparar “podemitas, independentistas e neo-nazis”.

 

O 23 de febreiro de 2019, Espinosa de los Monteros reuniuse co director xeral do Likud, Chamoulle ‘amigo’ e desexoulle ‘sorte’. Dez meses máis tarde, recibiu unha delegación israelí e declarou que estaban a traballar conxunta e activamente contra o BDS

 

O 23 de febreiro de 2019, Iván Espinosa de los Monteros reuniuse con Zuri Siso, director xeral do Likud, o partido de Benjamin Netanyahu. Chamoulle ‘amigo’ e desexoulle ‘sorte’. Dez meses máis tarde, Espinosa de los Monteros recibiu unha delegación israelia e declarou que estaban a traballar conxunta e activamente contra o BDS.

Alén de xornalistas de medios de dereita como ABC, La Razón ou Okdiario, e casos particulares como o de Pilar Rahola -que mesmo foi homenaxeada en Israel coa plantación de 5.000 árbores, como publicaba La Vanguardia o 4 de xullo de 2010-, neste contexto tamén destaca o xornalista valenciano Víctor Maceda. O 6 de maio de 2020 publicou un artigo en La Vanguardia intitulado “A esquerda que boicotea”, co obxectivo de censurar o curso de formación do profesorado valenciano anteriormente citado, en que participaba Liliana Córdova, e no que utilizaba argumentos similares aos de ACOM. De feito, este artigo foi compartido por Toni Cantó -quen á súa vez gravou un vídeo para oporse ao curso-, que ao mesmo tempo foi retuiteado por ACOM.

 

 

Netanyahu Plans to Name Illegal Settlement After Trump

 

Non hai que esquecer que a estratexia de coordenación entre políticos e xornalistas con fins estratéxicos xa tivo un grave precedente no País Valenciano. O xornalista Francesc Viadel escribiu sobre como nos anos posteriores á Transición, Emilio Attard, Fernando Abril Martorell e a directora das Provincias, María Consuelo Reyna, se coaligaron para crear un clima de persecución contra a esquerda e o valencianismo. Explicaba Viadel: “Non só fixo do anti-catalanismo unha implacábel cruzada en que esquecía deliberadamente as mínimas regras da ética xornalística ou a moral política, senón que a ampliou á persecución de personaxes públicosQ. A campaña de propaganda xerou un clima de odio e persecución política que se traduciu en atentados con bomba contra intelectuais como Joan Fuster ou Manuel Sanchis Guarner e mesmo asasinatos como o de Guillem Agulló. Hoxe, certos políticos e xornalistas españois, no cadro da campaña de propaganda global do ministerio de Asuntos Estratéxicos de Israel, están a tratar de xerar un clima de criminalización contra os defensores de Dereitos Humanos do pobo palestino.

Para Liliana Córdova, esta instrumentalización interesada por parte de xornalistas e políticos en todo o Estado responde aos beneficios e á propaganda de Israel: “Como xudía e como descendente dunha familia xudía cuxos membros, excepto os meus pais, foron todos aniquilados no xenocidio nazi, deben entender que ser comparados co Ku Klux Klan [como algunha vez fixo ACOM, e políticos e xornalistas do seu contorno] non só ofende, senón que é inconcibible”, resalta con rotundidade. E remata: “Porque nesta causa estamos os xudeus e as xudías que loitamos pola igualdade e contra o racismo e por iso estamos tamén loitando polos dereitos lexítimos do pobo palestino, esta é a nosa causa, unha reivindicación contra a persecución, a xenofobia e o racismo que moitas persoas palestinas sufriron na historia. Temos algúns parámetros históricos que nos ensinan onde está a ética: todas e todos merecemos vivir con dignidade”.

Jorge Mancebo

El Salto Diario