O pasado 21 de Xullo, o Concello de Santiago de Compostela aprobou a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) que demanda ao Ministerio do Interior a suspensión do uso de material perigoso na cidade (armas de electrochoque, bolas de goma, gases lacrimóxenos, defensas extensíbeis). David Soto, membro de EsCULcA e profesor de dereito na Universidade da Coruña (UDC) fixo a defensa desta reclamación perante o pleno en nome do noso observatorio.

“As forzas e corpos de seguranza do Estado español son das poucas policías europeas que aínda utilizan balas de goma en manifestacións e eventos públicos como método destinado a disolver concentracións de persoas”, lembra Rubén Cela (BNG) na súa moción perante o Pleno do Concello. Un uso que o Parlamento Europeo reclamou, en dúas ocasións, fose prohibido en actuacións contra a poboación civil.

As armas de electrochoque (“Taser”), creadas para incapacitar persoas mediante descargas eléctricas, tamén foron obxecto de duras críticas por organizacións de dereitos humanos. O Comité contra a Tortura da Organización das Nacións Unidas (CAT) determinou que o seu uso provoca unha intensa dor, constitúe unha forma de tortura e mesmo pode causar a morte e instou, especificamente, o Estado español a non utilizar estas armas.

“O gases lacrimóxenos son unha arma química que provoca irritacións oculares, respiratorias e cegueira temporal. A área de dispersión do gas vai dos 60 aos 300 metros cadrados e os síntomas empezan uns 30 segundos após da exposición. Cando se usa en rúas estreitas e espazos reducidos ou pechados, as persoas están expostas a unha concentración elevada de gas e os efectos para a saúde poden ser severos. Neste ámbito adoita causar vómitos, diarrea, queimaduras na pel, danos oculares graves na córnea ou desgarro da conxuntiva, entre outros. Tamén están rexistradas feridas graves na cabeza e queimaduras a causa do lanzamento destas bombas de gas cando impactan contra as persoas”

“En canto ás porras extensíbeis, o seu uso está autorizado para inmobilizar, controlar e reducir; mais non para golpear como aconteceu nunha das últimas mobilizacións de Santiago de Compostela”, suliña Cela na súa moción. A rotura de costelas é unha das consecuencias da aplicación destas armas e xa provocaron contusións cervicais e traumatismo cranioencefálico, como recoñecen sentenzas xudiciais que describen estas lesións.

Pola súa parte, o representante de EsCULcA, David Soto, iniciou a súa intervención perante o Pleno salientando o que chamou paradoxo da política criminal galega. “O paradoxo consiste en que, á vez que a Delegación do Goberno se congratula da diminución da criminalidade en Galiza, algunhas columnas de opinión e representantes políticos solicitan un aumento do número de axentes antidisturbios na cidade de Santiago de Compostela, dando como escusa a ameaza terrorista, a pesar de que, a loita antiterrorista é levada ao cabo, primordialmente, polos servizos de intelixencia, e non pola policía antimotíns, cuxo labor é garantir a orde pública”, afirmou.

Soto lembrou a desmedida dureza das actuacións policiais no pasado mes de xuño con motivo das mobilizacións en favor de centros autoxestionados e avanzou que EsCULcA ten no seu poder “unha tristemente ampla lista de testemuños que relatan constrinximentos contra os medios de comunicación que intentaban cubrir a actuación policial […] e de persoas que foron agredidas con perigosas armas dun xeito totalmente incongruente, inoportuno e desproporcionado. Algunhas delas, que non participaron na manifestación, saían do seu lugar de traballo e acabaron sendo atendidas no hospital” para mostrar a seguir a satisfación do noso observatorio por o concello de Compostela ter a oportunidade de debater a suspensión do uso policial de armas perigosas uníndose a concellos que xa deron pasos neste sentido (Iruña) ou países como Catalunya onde o uso de balas de goma en intervencións policiais foi prohibido en 2014.

A seguir, David Soto achegou datos compilados pola Revista Británica de Cirurxía sobre graves lesións causadas por este tipo de armamento e citou o nome das nove persoas de cuxa morte por bolas de goma se ten constancia: Íñigo Cabacas, de 28 anos, Rosa Zarra, de 58 anos, Ursino Gallego, de 14 anos, Valentín González, de 21 anos, Carlos Gustavo Frechen, de 28 anos, Pancho Egea, de 19 anos, Jose Luis Aristizábal, de 20 anos, Isidro Susperregui, de 68 anos e Juan Gabriel Rodrigo, de 20 anos. A estas talvez deberíamos ainda acrescentar algunhas das mortes producidas no ano 2014 cando “as balas de goma foron utilizadas para dispersar a varios migrantes que intentaban acceder a Ceuta por mar”. “Alí -lembrou Soto- faleceron alomenos 9 persoas”.

Debate e aprobación da Moción

Finalmente a moción foi aprobada cos votos a favor de BNG e Compostela aberta. O grupo do PSdG abstívose e o grupo do PP votou en contra.

O debate da moción pode verse aquí. (a partir de 01:32:40)

A intervención do representante de EsCULcA aqui. (a partir do minuto 18:00)

Texto da Moción.

Texto da intervención de David Soto.