Fotograma do filme Naila and the uprising

 

 

Mays Abu Ghosh foi detida no verán de 2019 na súa casa no campo de refuxiados de Calandia, no norte de Xerusalén. Os soldados israelitas irromperon na casa, destruíron móbeis e portas, amarraron a xoven e vendáronlle os ollos para a conducir a unha institución militar onde foi interrogada, insultada e espancada. Despois pasou tres días no centro Al-Maskoubia, onde foi obrigada a despirse e sometida a máis vexacións e torturas físicas e psicolóxicas. Os carcereiros ameazaban con facer dano á familia se non confesaba crimes que ela non cometera.

Un mes despois arrestaron o seu irmán máis novo, Suleyman, de dezasete anos, para presionar Mays a confesar. O rapaz estivo catro meses en detención administrativa, prisioneiro sen cargos.

Afinal, Mays foi condenada por un xuiz militar a quince meses de prisión por pertenza a unha ‘asociación ilegal estudantil’ que exixía o fin do apartheid e por contactar virtualmente ‘cos inimigos de Israel’ que exisen o regreso das sete millóns de persoas refuxiadas palestinas. O avogado defensor de Mays denunciou xunto do tribunal a vulneración de dereitos humanos que supuñan as brutais torturas e vexacións que a moza recibira en detención. Ela afirmou estar disposta a mostar as feridas ao tribunal, mais o xuiz recusou a proba.
.
Cando o caso de Mays foi coñecido publicamente, a activista Ahed Tamimi declarou que a chantaxe e a ameaza de matar familiares e amigos é unha práctica habitual nos cárceres israelitas. E ela, ‘a rapariga que vale máis que mil homes’, sábeo ben porque pasou oito meses prisioneira por bater nun soldado israelita ao saber que os militares dispararan á cara dun primo seu menor de idade. Agora Ahed estuda direito para defender a causa palestina nos tribunais internacionais.
.
.
                                  Mays Abu Ghosh coa nai e o pai no dia en que saiu en liberdade

 

Nos cárceres son moitas as persoas palestinas que se esforzan por proseguir os seus estudos universitarios, mais as autoridades prisionais israelitas utilizan contra elas todo tipo de empecillos, como por exemplo o confisco de libros e a ameaza de isolamento, denunciou Mays Abu Ghosh, que agora en liberdade quer acabar os seus estudos de xornalismo.

“Quero explicar todo o que me pasou durante o período de interrogatoro e tortura”, declarou a Aljazeera ao ser liberada. “Non como unha cousa que me aconteceu a min, senón para que toda a xente palestina saiba o que te espera cando te deteñen”.

O seu caso e o da súa familia é un exemplo claro de como a represión máis extrema do estado de Israel actúa contra as familias palestinas dos territorios ocupados. Mays non é a primeira vítima da familia Abu Ghosh. En xaneiro de 2016, o seu irmán máis vello, Hussein, foi asasinado polo exército israelita por supostamente ter atacado uns soldados cunha navalla.

As vítimas palestinas del 2019

Segundo o relatorio anual de Amnistia Internacional (AI), en 2019 as forzas israelitas mataron trinta-e-oito persoas palestinas, once delas menores de idade, durante as manifestacións en Gaza e a Cisxordania. Israel non garantiu que iria render contas nin reparar as vítimas. AI afirma que se trata de “graves violacións do dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos”. Os bombaradeos aéreos e de artillaría contra a Faixa de Gaza mataron vinte-e-oito persoas, dez delas menores de idade, todas civis que non participaban directamente nas hostilidades.

Os datos de AI mostran tamén que na altura do 30 de novembro de 2019 Israel mantiña encarceradas cento oitenta-e-dúas crianzas palestinas.

Alén disto, o bloqueo aéreo, marítimo e terrestre da Faixa agravou a crise humanitaria, que loxicamente empeorou de maneira dramática a consecuencuencia da pandemia do coronavirus durante o 2020.

 

.

                             Os malos tratos a palestinas detidas son a norma.

A represión carceraria israelita contra mulleres e nenas

Segundo Addameer, a Asociación polos dereitos humanos e de apoio aos presos palestinos, nos últimos cincuenta anos unhas dez mil mulleres palestinas foron detidas e encarceradas polo exército israelita. Dentro das prisións, con frecuencia as mulleres teñen prohibida a visita de familiares e avogados “por razóns de seguranza”. As condicións de vida son moi duras, hai falta de atención médica e educativa, isolamento, celas sobrelotadas, súcias e empestadas de insectos, falta de luz natural e de produtos sanitarios e de hixiene persoal, mesmo no caso de mulleres presas grávidas.

Durante a detención e os interrogatorios, informa Addameer, son habituais a tortura física e psicolóxica, incluídas diversas formas de violencia sexual. Por regra, non son informadas nin dos seus dereitos nin da causa da detención. Son intimidadas e humilladas para as forzar a confesaren.

En xaneiro de 2010, a ONG israelita Breaking the Silence , que recolle testemuños anónimos das forzas de ocupación israelitas, publicou un relatorio en que documentaba e denunciaba o aumento da violencia por parte das mulleres soldados israelitas contra as detidas palestinas. O relatorio concluía que as militares actuaban así para gañar o respecto dos seus superiores e do resto dos soldados homes.

Represión contra activistas humanitarias: o caso de Khalida Jarrar

Addameer rexistraba en outubro de 2018 a cifra de cincuenta-e-dúas mulleres e nenas encarceradas. É difícil encontrar datos máis actualizados. Amnistía Internacional constataba no relatorio de 2019 que no 31 de outubro as forzas israelitas detiveran a política e activista dos Dereitos Humanos Khalida Jarrar, membro da xunta directiva de Addameer e ex-deputada do Consello Lexislativo Palestino. A noite da detención, setenta soldados rodearon a súa casa en Ramallah. Acusábana de “exercer un cargo nunha asociación ilegal”. Ao acabar o ano ainda estaba detida.

Khalida Jarrar xa fora encarcerada dúas veces en anos anteriores, quince e vinte meses respectivamente, acusada de ser a responsábel dos asuntos políticos da Frente Popular pola Liberación de Palestina. Familiares e compañeiros sospeitan que as detencións de Khalida poderían ter relación co seu traballo de investigación, documentación e denuncia do que acontece no interior das prisións israelitas. Nos últimos tempos Addameer investigou casos de tortura a persoas detidas, sen asistencia letrada nin visitas familiares.

 

                A activista e política Khalida Jarrar, detida

Represión contra menores nas cadeas israelitas

Á represión contra as mulleres súmase as que reciben as crianzas. A organización non gobernamental Save the Children fixo público o 29 de outubro pasado un relatorio en que denunciaba o trato inhumano que reciben as persoas menores de idade nos presidios de Israel. Cada ano o estado sionista detén centenares de menores e sométeos a violencia física e verbal, ameazas e isolamento.

O estudo está baseado no testemuño de catrocentos setenta persoas menores de idade e xovens da Cisxordania que padeceron prisión nos últimos dez anos.

AI revela, cito textualmente, que oito de cada dez crianzas sufriu malleiras, agresións verbais e inspeccións corporais de nu integral e que case nove de cada dez non recibiu atención médica adecuada, apesar de a solicitaren expresamente. Ao 47% foilles negado o contacto cun avogado. Máis da metade foron ameazadas con agresións ás familias.

A maioría dos menores foron sacados das súas casas de noite, sen recibiren ningún tipo de información, cos ollos vendados e as mans alxemadas nas costas -como foi, entre moitos outros casos, o da xoven estudante Mays Abu Ghosh, maior de idade.

A infancia palestina é, segundo Save the Children, a única no mundo sometida sistematicamente á xustiza militar, en lugar da xustiza civil. O cargo máis común que lles é atribuído é teren atirado unha pedra, que ten unha pena máxima de vinte anos de cárcere.

.

                                                      Khalida Jarrar, parlamentar palestina.

A poeta Rafeef Ziadah: tres xerazóns de mulleres en loita

Casos como os das estudantes Mays Abu Ghosh e Ahed Tamimi e o da activista política Khalida Jarrar son moi habituais. O sistema prisional e de xustiza israelitas comete graves vulneracións dos dereitos das detidas. Elas axudan a visibilizar internacionalmente a loita das mulleres palestinas contra a opresión e a represión israelita e ilustran as realidades que denuncian Amnistía Internacional e outras organizacións. Mays e Ahed e moitas outras xovens reciben o testemuño da resistencia e a batalla polos dereitos do pobo palestino que xa comezaron as súas nais e avoas: tres xerazóns de mulleres.

En homenaxe á loita das mulleres palestinas, de xerazón en xerazón, a poeta, artista da palabra falada (spoken word) e activista palestina Rafeeef Ziadah estreou hai uns meses un video-clip baseado no seu potente poema “Three Generations”. A montaxe foi realizada con imaxes enviadas de todo o mundo por mulleres palestinas de diferentes idades.

“Cada vez que inspiro…
Son tres xerazóns de mulleres que nunca conseguiron
pasar dos cuarenta.
Eliminadas: dunha forma ou outra
Balas ou lembranzas de balas. Roubáronnolas.”

“Son tres xerazóns de mulleres
que nunca pasaron dos cuarenta.
Eran as persoas erradas, da relixión errada,
nun Estado deseñado para a exclusividade.
Instalado sobre a terra e a pel.”

Angela Davis afirmou que “as palabras que Rafee Ziadah di con tanta beleza e elegancia van directas ao corazón. Son máis poderosas que calquera arma”.

 

Ahed Tamimi

 

Rafeef Ziadah (Beirut, 1979) naceu no Líbano nun campo de refuxiados palestinos. Pertence á terceira xerazón de refuxiadas da súa familia. Os seus avós foron expulsados da Palestina en 1948 durante a Nakba. No ano 1992, cando Israel invadiu o sur do Líbano para expulsar a Organización para a Liberación da Palestina, a súa famiia tivo de se exilar novamente. Pasaron pola Tunisia, sufriron deportacións e dificuldades para obter o estatus de refuxiados políticos. Finalmente, instaláronse no Canadá, onde ela estudou xornalismo e ciencias políticas.

Hai un ano, en 2019, visitou Valencia e foi recibida na universidade, o concello e a consellaría de Cultura da Generalitat. Tamén actuou en diversas cidades do estado español con motivo do 71º aniversario da resolución da ONU en favor do dereito de retorno das persoas refuxiadas palestinas. É activista do movemento Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel ( BDS).

Con motivo da visita, Ziadah denunciou os estados, entre eles o español, que din condenar os crimes de guerra mais continúan vendendo e comprando armas a Israel: “Todo este armamento -declarou- é probado diariamente nos corpos dos palestinos. Cando estas armas son vendidas no mundo, a garantía que ofrecen é que foron probadas en campo palestino. E iso é o que pasa realmente: as armas son probadas con nós, somos un laboratorio para vender armas por todo o mundo.”

Ziadah tamén visitou Barcelona e actuou na Sala Beckett, onde foi posíbel ouvir os seus poemas por primeira vez en catalán traducidos por Mirian Cano.

A Intifada do leite e  The Wanted 18 (2014)

Sobre o papel das mulleres na loita palestina dos últimos anos, hai dous traballos áudio-visuais, entre moitos outros, que me agradaría recomendar.

Durante a Primeira Intifada, entre 1987 e 1991/1993, os comités populares palestinos promoveron unha tentativa de desconexión administrativa e económica do estado de Israel. Os comités impulsionaron accións de boicote aos produtos comerciais israelitas, e de desobediencia civil, recusando -por exemplo- traballar en colonatos dos territorios ocupados e pagar impostos. Era preciso, no entanto, pór en práctica o auto-abastecemento. Explícao moi ben en Una historia contemporánea de Palestina-Israel (Los Libros de la Catarata, 2020), Jorge Ramos Tolosa, doutor en historia contemporánea e profesor da universidade de Valencia.

 

Cartaz do filme ‘The Wanted 18’.

 

Un caso memorábel é o de Beit Sahour, unha viliña dunhas cinco mil persoas na Cisxordania onde foron deitadas abaixo pola ocupación numerosas casas e donde moitas persoas tiveron de marchar porque as súas terras foron confiscadas para a construción de colonatos. Para seren auto-suficientes, as persoas que ainda restaban decidiron crear unha cooperativa de leite. Non comprarían produtos lácteos a empresas israelitas sinón que os elaborarían elas propias e despois os distribuirían gratuitamente.

Conseguiron reunir diñeiro para comprar dezoito vacas e aprenderon a cuidalas, alimentalas e muxilas. A iniciativa foi logo un éxito en toda a rexión. A demanda local aumentaba. A acción popularizouse co nome de ‘Intifada do leite’. Resultado: as vacas foron declaradas unha ‘ameaza para a seguranza nacional do estado de Israel’ e o exército apresouse en confiscalas. Os soldados levaban fotografías das vacas, buscábanas por toda parte, preguntaban á xente… No dispositivo ‘de seguranza’ do exército israelita para reprimir as dezoito vacas mesmo chegaron a participar helicópteros. Era preciso confiscar as vacas e parar a iniciativa para evitar que o exemplo se espallase. A xente, no entanto, organizouse de tal maneira que conseguiu esconder e levar a outro lugar os animais, facendo fracasar por completo a operación militar.

As vacas convertéronse nun símbolo da resistencia palestina. O exército israelita nunca as encontrou. O filme de animación palestino-canadiano The Wanted 18 (2014) explica esta xesta.

Un símbolo de loita femenina: Naila and the uprising (2017)

Das moitas historias de mulleres loitadoras durante a Primeira Intifada, o profesor Ramos Tolosa menciona a de Naila Ayesh, de Gaza. Foi un símbolo popular durante a insurrección. Foi vixiada, perseguida e detida por organizar marchas e greves, traballar na produción de alimentos, axudar en clínicas improvisadas e dar clase a crianzas en aulas clandestinas, mesmo subterráneas, cando as autoridades israelitas fecharon as escolas. A súa historia é explicada no documentario Naila and the uprising (2017), dirixido por Julia Bacha.

 

Naila Ayesh nunha manifestación.