O ex comisario Villarejo culpa o que era na altura director do Centro Nacional de Intelixencia, Félix Sanz Roldán, de cometer un ‘erro de cálculo’ por ‘dar un pequeno susto a Catalunya’.

 

 

El juez rechaza investigar los vínculos del imán de Ripoll con el CNI | Cataluña | EL PAÍS

 

O ex comisario José Manuel Villarejo voltou a soltar outra bomba, esta vez en relación co atentado de La Rambla de Barcelona do 17 de agosto de 2017, cando 16 persoas morreron atropeladas por un vehículo conducido por Younes Abouyaaqoub. “Estiven a traballar con eles [co Centro Nacional de Intelixencia] para tentar arranxar o agravo do famoso atentado do imán de Ripoll, que ao final foi un erro grave do señor Sanz Roldán, que calculou mal as consecuencias de dar un pequeno susto a Cataluña”, afirmou onte o ex comisario na Audiencia Nacional no xulgamento polo caso Tándem, en que enfrenta máis de cen anos de cárcere polos negocios que tería feito beneficiando do seu traballo como policía e polas ilegalidades cometidas para obter datos reservados para os seus clientes.

As reaccións non se fixeron esperar e sete partidos rexistraron no Congreso unha petición para a creación dunha comisión de investigación sobre os atentados do 17-A. Segundo sinalan nunha nota de prensa asinada por ERC, Junts, CUP, Bildu, PdeCAT, BNG e Més Mallorca, as declaracións de Villarejo en sede xudicial supoñen “unha acusación grave de colaboración do CNI con células terroristas yihadistas e a utilización do terrorismo de Estado contra a poboación civil por parte dos servizos de intelixencia e os Corpos e Forzas de Seguranza do Estado”.

Gabriel Rufián, de ERC, anunciou que o seu grupo parlamentar reclamou as comparecencias do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, do ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e do propio Sanz Roldán “para dar conta das indagacións e accións do goberno a fin de esclarecer e tomar medidas sobre as declaracións xudiciais realizadas polo ex comisario José Manuel Villarejo, sinalando o CNI pola súa participación -directa ou indirecta ou por neglixencia-” nos atentados. “Esiximos explicacións inmediatas, O Goberno non pode calar”, afirmou en redes sociais.

Non é a primeira vez que Villarejo culpa o ex director do CNI do atentado acontecido en Barcelona. Segundo lembra o xornal Ara, xa no pasado ano, no cadro doutro xulgamento do que resultou absovido por supostas calumnias contra Sanz Roldán por afirmar que acosara a ex amante do rei emérito Juan Carlos, Corinna Larsen, o ex comisario afirmou que os servizos de intelixencia dirixidos por Sanz Roldán ignoraran un aviso de “risco importante” de atentado en Barcelona.

As declaracións de Villarejo realizadas en 2021 deron lugar a que o 18 de xaneiro dese ano a deputada de Junts Miriam Nogueras presentase unha pregunta ao Congreso, que nunca foi respondida, sobre se estas acusacións non merecían unha comisión de investigación por parte da Cámara.

El Salto Diario