Deus e a Virxe María son susceptibeis de ser insultados. Saber que é Deus é completamente imposíbel. Tampouco é posíbel saber que é a Virxe María, aínda que é obvio que existiu unha muller chamada María, nai de Xesús. Mais unha cousa é a persoa física María, nai de Xesús, e outra moi distinta a Virxe María. Como persoa física nai de Xesús, María non puido ser virxe. En consecuencia, a Virxe María non é a persoa física que deu á luz un fillo, senón unha “invención” dun credo relixioso.

Ora ben, se non é posíbel saber que son Deus e a Virxe María, si podemos saber con certeza o que non son. Non son “persoas” no sentido en que é definido este concepto no Código Civil. E sen o concepto de persoa non se pode operar no mundo do dereito. É a condición sine qua non para que poida existir unha relación xurídica.

Ao non ser “persoa”, ao non o poder ser nunca, porque Deus e a ‘Virxe’ María son ‘invencións’, carentes de soporte físico, non é posíbel que poidan ser insultados. Nin por Willy Toledo nin por ninguén. Ninguén poderá demostrar xamais que Deus e a Virxe María se sentiron insultados.

As cuestións impóñense: pode alguén sentirse insultado porque os seus sentimentos relixiosos o conducen a crer na existencia de seres que non poden ser insultados? Con que lexitimidade procesual pode actuar alguén en nome de Deus e da Virxe María? Onde está o poder en termos xurídicos para poder actuar perante os tribunais de xustiza en nome de Deus e da Virxe María? Como acredita un cidadán que está xuridicamente lexitimado para denunciar outro por insultar Deus e a Virxe María? Podería o Papa ou, na súa falta, o bispo da diocese correspondente outorgar xuridicamente un poder para que un católico puidese actuar perante os tribunais de xustiza de calquera país ante un insulto a Deus e a Virxe María?

A lexitimidade procesual non pode tela calquera cidadán polo feito de considerar que el ten eses sentimentos relixiosos. Alguén con autoridade para confirmar a existencia de tales sentimentos relixiosos ten que intervir. Nunha Igrexa hierárquicamente ordenada, como é a Igrexa católica, unicamente pode ser un Bispo, o de Roma ou o dalgunha das dioceses. O avogado de Willy Toledo debería esixir ao xuíz que esixise o poder con base no cal os denunciantes teñen lexitimidade procesual para facer a denuncia. Habería algún Bispo que estivese disposto a outorgar un poder xeral para preitos con este obxecto e, no caso de o haber, habería algún notario que aceptase pór a súa asinatura ao pé dunha escritura de poder para preitos con tal contido? As cuestións poden multiplicarse até o infinito.

A construción xurídica do tipo delituoso de ataque aos sentimentos relixiosos é imposíbel. Politicamente pode ser decidida a persecución do que se considera un ataque aos sentimentos relixiosos. As caricaturas de Mahomed, é un exemplo inequívoco. Mais xuridicamente, non é posíbel facelo. O sentimento relixioso é, por definición, individual. Non é obxetivábel. Non pode, en consecuencia, converterse no presuposto de feito de ningún tipo delituoso. Ninguén pode converter ‘o seu’ sentimento relixioso nun ben xurídico que permita activar o ius puniendi do Estado.

Unha cousa é a negación do holocausto e outra moi distinta cagar en Deus e na Vigen María, a procesión da cona insubmisa ou facer caricaturas de Mahomed. O primeiro é a negación dun crime de lesa humanidade, que ten conexión cun fenómeno relixioso, mais que non se condena pola conexión con ese fenómeno relixioso, senón polo carácter inequivocamente criminal da operación de exterminio dos xudeus, cuxa veracidade se nega. O segundo é unha manifestación da liberdade de expresión, que pode resultar desagradábel a determinadas persoas, mais máis nada. As caricaturas de Mahomed, a procesión do cona insubmisa e o cagar en Deus e a Virxe María teñen o mesmo estatuto xurídico. É liberdade de expresión e non un acto constitutivo de delito.

eldiario