Normalmente, os comentaristas occidentais terían corrido a denunciar un país como o Ecuador por bloquear as comunicacións e o acceso á internet a un dos seus cidadáns. Mais como a persoa silenciada neste caso é Assange, que odian, a súa profunda devoción polo sagrado principio da liberdade de expresión e a prensa libre parece ter esvaído.

(Cando o Ecuador garantiu inicialmente asilo a Assange, tanto o goberno ecuatoriano como os avogados de Assange afirmaron reiteradamente que el tomaría o primeiro vóo para Estocolmo se o goberno sueco garantía que non iría ser extraditado aos EUA. Ainda que os procuradores suecos abandonaron no ano pasado a investigación por agresión sexual, o director da CIA nomeado por Trump, Mike Pompeo, xurou facer todo o posíbel para destruir a WikiLeaks e impedir que continúe publicando, e entretanto o goberno do Reino Unido -un aliado da administración Trump- jurou arrestar Assange se abandonaba a embaixada).

Agora temos probas de que a desconexión das comunicación de Assange co mundo exterior son o subproduto da presión diplomática aplicada ao presidente ecuatoriano, presión que pode moi ben levar, e talvez de maneira inminente, á expulsión de Assange da embaixada. A presión procede do goberno español de Madrid e dos seus aliados da NATO, furiosos porque Assange expresou a súa opinión contraria a algunhas das medidas represivas empregadas para tentar silenciar a/os activistas que daban apoio á independencia da Catalunya.

No día seguinte ao bloqueo das comunicacións de Assange co mundo exterior, Ecuador fixo público un comunicado en que alegaba que as declaracións de Assange puñan “en perigo” as reclacións do Ecuador con outros estados. O goberno ecuatoriano tiña expresado previamente a súa insatisfacción con algunhas das actividades e declaracións políticas de Assange, mais o punto de inflexión parece ter sido a series de chíos que Assange publicou sobre a detención en Alemaña a princípios de mes de abril do anterior Presidente da Catalunya Carles Puigdemont.

Xa nos comezos de setembro, cando Assange publicaba regularmente chíos sobre o referendo para a independencia da Catalunya, o Ecuador fixo pública unha declaración en que criticaba estes chios e enfatizaba que “as autoridades ecuatorianas reiteraran ao Sr. Assange a súa obrigación de non facer declaración ou levar a cabo actividades que puderen afectar as relacións internacionais do Ecuador”.

Mais por qué estes chíos sobre a Catalunya, de todos os chíos sobre a política doutros países e o papel que xogou nas eleccións dos EUA de 2016, levaron -despois de cinco anos- a esta resposta? E por qué agora? E por que e como é que conseguiu convencer tantos cidadáns de que o movemento en favor da independencia da Catalunya -que foi fonte de conflito interno no Reino de España durante anos- era de repente alentado por unha conspiración do Kremlin con Putin como mestre de cerimónia?

A resposta proporciona un exemplo elocuente de como as afirmacións sobre as chamadas “fake news” da propaganda occidental, e a desinformación, poden ser utilizadas como táctica para a manipulación política. As circunstancias que levaron aos recentes acontecementos van alén de Julian Assange e entendelas requer coñecementos das presións políticas sobre o Reino de España, o Ecuador, os Estados Unidos e o Reino Unido, e como estas intersectan co caso de Assange.

As tensións entre o Ecuador e Assange céntranse no debate no Reino de España sobre a independencia da Catalunya. No 1 de outubro de 2017, a comunidade autónoma da Catalunya celebrou un referendo sobre a independencia. O goberno español declarou o referendo ilegal e a partir daí sucedéronse os protestos e as detencións de activistas cataláns, así como o confisco de papeletas e os asaltos policiais aos colexios electorais, ordenados polo goberno de Madrid.

En medio a esta crise, o ex primeiro ministro español Felipe González, a petición do conglomerado mediático máis poderoso do Reino de España, o Grupo PRISA, propietario de El País , chamou a dar “unha resposta firme” ao movemento de independencia da Catalunya. A corporación mediática, obediente, utilizou todos os seus recursos para facer campaña contra a secesión catalá.

Días máis tarde, El País comezou a describir o movemento independentista como unha ferramenta do Kremlin. O xornal publicou un artigo en que se afirmaba que non só Assange, tamén Edward Snowden, axudaban as redes de propaganda rusas a divulgar “fake news” sobre a Catalunya. El País reiterou estas afirmacións noutros artigos, que despois foron recollidos nos relatorios de outras organizacións anti-separatistas como o think tank español Elcano Royal Institute , Atlantic Council’s Digital Forensics Research Lab, e o StratCom da NATO.

 

 

A partir da credibilidade que lles deu El País, estas afirmacións fantasiosas -que Assange e Snowden axudaban a dirixir a campaña do Kremlin para promover o separatismo catalán- foron citadas por ou esgrimidas perante o corpo lexislativo no Reino de España, no Reino Unido e nos Estados Unidos. Mais, ainda que estas acusacións fosen tomadas a serio, o mesmo que acontece con moitas outras afirmacións sobre “fake news” e sobre campañas estranxeiras online-, as supostas probas nunca foron examinadas criticamente nin investigadas por xornalistas, e apóianse en moi escasas evidencias.

 

 

 

Cando se presiona un pouco, moitos dos que publican estas afirmacións admiten non ter probas concludentes da suposta interferencia do goberno ruso no referendo da Catalunya, e só son capaces de citar o que consideran reportaxes parciais da RT ou a Sputnik. Este interrogatorio, nunha sesión da Cámara dos Comúns sobre “fake news“, ilustra ben a situación:

 

 

 

 

No entanto -como é costume facer actualmente coa maioría dos problemas occidentais- estes midia continúan representando o conflito en termos de propaganda rusa porque, como eles mesmos saben, non interesa explicar as tensións no Reino de España se non é como unha operación do Kremlin. Tal como dixo Mira Milosevich-Juaristi , do Elcano, cando testemuñou perante a Comisión Mixta de Seguranza Nacional española: “A complexidade, combinación e coordenación, que se produz ao mesmo tempo, precisa un axente gobernamental ou próximo ao goberno para o coordenar”.

As acusacións da conspiración rusa dirixida contra Assange e Snowden por supostamente teren dado apoio on line á independencia da Catalunya acabaron tendo un amplo eco. Desde o primeiro momento estas acusacións alicerzaron sobretodo nun sedicente “dashboard” autodenominado Hamilton 68, promocionado pola Alliance for Securing Democracy, que pretendería  rastexar “as actividades de 600 contas de Twitter relacionadas cos esforzos rusos para exercer a súa influencia online.”

A noticia de a Catalunya ter sido tendencia nas contas supostamente pro-Kremlin monitoradas por este dashboard foi publicada por El País , que a calificou como “a proba definitiva” -proba definitiva- “de que os que mobilizan o exército informático pro-ruso decidiron pór o foco sobre o movemento de independencia catalán”.

Mais desde o primeiro momento o Hamilton 68 resultou altamente sospeitoso. Como informou The Intercept cando se formou, o grupo non era máis do que unha aparentemente nova organización para a defensa da politica exterior creada pola mesma xente que ten as peores marcas de mentiras e militarismo en Wahington: Bill Kristol, antigos funcionarios da CIA, falcóns GOP, e neocons do Partido Demócrata.

 

 

 

Peor ainda, Hamilton 68 era, e continúa a ser, incribelmente opaco na súa metodoloxía, rexeita mesmo identificar as contas que designan como “promotoras da influencia rusa online“. Estas contas non só inclúen “contas que declaran francamente ser pro-rusas ou ligadas ao goberno ruso”, mais tamén “contas de persoas en todo o mundo que dan cobertura a temas pro-rusos xa sexa consciente ou inconscientemente” (o que a miúdo inclúe calquera persoa discrepante da política exterior ortodoxa respaldada polos neocons e os funcionarios da CIA que crearon o grupo, que pasa de inmediato a ser tildada de “pro-rusa”).

 

 

Apesar destas obvias razóns para o escepticismo, os media estadunidenses engolen todo o que o Hamilton 68 lles di sobre os “programadores rusos”, sen un ápice de pensamento ou cuestionamento crítico, construindo unha manchete após outra sobre a única base das afirmacións deste grupo tan obscuro e turbo. Como Matt Taibbi, dos Rolling Stone, documentou recentemente “Cada vez con mais frecuencia, as declaracións na internet convértense en manchetes de primeira páxina” .

 

 

Amiúde, estas historias mediáticas baseadas no Hamilton 68, que alenta a histeria sobre o control ruso de occidente, alicerzan nunha pobre comprensión do que pode ou non pode ser afirmado con base nos datos que fornece. O abuso e as imprecisas conclusións dos media estadunidenses, fundamentadas nunha comprensión superficial deses datos, acabou por provocar a frustración dun dos creadores de Hamilton 68: “É frustrante porque ás veces vemos xente que fai afirmacións sobre un asunto e temos vontade de dicirlle, non é iso o que din os datos, volta e olla o que din”.

A comprensión errada dos midia das ferramentas de análise é un problema recorrente cando se trata de informar sobre “fake news“, e pode levar a conclusións tamén erradas con consecuencias politicas palpábeis. Un exemplo elocuente é a afirmación de El País -no primeiro artigo en que describía como o Kremlin alentaba a independencia catalá-  de que “unha análise detallada dos 5.000 seguidores de Assange no Twitter, fornecida por Twitter Audit, revela que o 59% deles son perfis falsos”.

 

 

É fácil demonstrar que a afirmación de El País é fraudulenta. Os datos en que se basea son os dunha conta inactiva que non ten chios. Assange creou unha conta persoal hai anos, mais só comezou a usala no 14 de febreiro de 2017. A análise de Twitter Audit que cita El País para construir a súa extraordinaria noticia -que a maioría dos seguidores de Assange son robots- é de febreiro de 2014, tres anos antes de publicar chíos desde esa conta.

 

 

 

Para dicilo moderadamente, os datos obsoletos utilizados por El País sobre a conta de Assange son completamente inadecuados para falar dos seus seguidores actuais. Despois de reexaminar os seguidores de @JulianAssange no 24 de novembro de 2017, Twitter Audit afirma que o 92% dos seus seguidores responden a perfis verdadeiros.

 

 

 

 

Twitter Audit tamén afirma que o 8% dos seguidores de Assange son robots ou outros perfis falsos, mais é unha cifra relativamente baixa se temos en conta que estudos científicos recentes estiman que “entre 9% e 15% das contas activas do Twitter son robots”.

Tamén é relativamente baixa en comparación cos resultados de outras contas con moitos seguidores. Por exemplo, Twitter Audit  estima que poden ser contas falsas o 25% dos seguidores de @el_pais, o 17% dos de @BarackObama, o 27% dos de @RealDonaldTrump, e o 48% dos de @EmmanuelMacron (datos de hai nove meses) . As ferramentas mediáticas como Twitter Audit  proporcionan via de regra información en bruto, sen interpretación.

 

 

Interpretar correctamente os resultados das ferramentas de análise da mídia social requer non só unha análise demorada dos datos e a comprensión das limitacións destas ferramentas, senón tamén comparar eses resultados para coñecer o padrón dos controis e estudos científicos.

Un exemplo desta dubidosa focaxe metodolóxica é a notícia publicada por El País e DFRLab sobre a sospeitosa rapidez con que se difundira un  chio moi concreto de Julian Assange. No 15 de setembro, Assange publicou: “Pido a todos apoio ao dereito da Catalunya á autodeterminación. Non podemos permitir a España normalizar accións represivas para impedir o voto”.

El País argumentou, no excerto reproducido acima, que “no caso do chio de Assange, como acontece con moitas das súas mensaxes na plataforma social, recibiu 1.000 rechíos nunha hora e atinxiu a máxima difusión – 12.000 rechíos en menos dun día. O feito de o chío terse convertido en viral tan rapidamente é proba da intervención de robots, ou perfis falsos, programados para ecoaren automaticamente determinadas mensaxes”.

Que o ritmo ao que se producen as réplicas vai acelerándose gradualmente parece facer sentido, mais nin El País nin DFRLab fornecen datos para pesquisar nestas dinámicas. De feito, hai polo menos un estudo que mostra que esta hipótese supostamente intuitiva sobre o ritmo das réplicas está errada, e, ben ao contrario, “a metade dos rechíos prodúcense na primeira hora, e un 75% nun día”.  No caso deste chío concreto de Assange, só unha sexta parte dos rechios tiveron lugar na primeira hora.

 

 

 

A divulgación do chío en conxunto é tamén normal se a comparamos co comportamento doutros chios de Assange.  Todos os chíos de Assange entre o 1 de agosto e o 12 de decembro de 2017  foron vistos por unha media de 232,249.63 persoas. O chío concreto que examinou El País recibiu 761,410 impactos (isto é, este chío específico foi mostrado a outros usuarios do Twitter 761,410 veces). Unha cifra un pouco máis alta que a media, mais non desproporcionadamente; os chíos máis populares de Assange reciben normalmente 3 ou 4 millóns de lecturas, algo así como entre 4 a 6 veces o chio que El País di que tivo de ser amplificado por bots.

Afirmacións groseiras deste tipo poderían ser evitadas se os xornalistas que escriben sobre “fake news” procurasen traballar con métodos empíricos confiábeis, polo menos no máis básico -ou seguisen como mínimo as directrices da racionalidade elementar – verificando se o comportamento que se di ser inusual é en verdade extraordinario. É particularmente importante usar metodoloxía válida cando se dá notícia de supostas “fake news” porque menosprezar o público con erros ou afirmacións esaxeradas pode levar a elevar as tensión políticas; ironicamente, tentativas deshonestas de identificar e advertir da ameaza das Fake News, como as que vemos en El País, poden facilmente transformarse en divulgación de Fake News.

(O relatorio completo. con máis datos pormenorizados sobre estas afirmacións empíricas foi presentado por un dos autores deste artigo, McGrath, ao Comité sobre Fake News do Reino Uido).

Recitar afirmacions que casen co relato comunmente aceptado, tales como a  interferencia rusa en varios problemas occidentais, non é boa alternativa a unha análise baseada en feitos reais. Unha das peores tácticas empregadas é describir non só a RT e Sputnik, mais calquera outro medio citado ou rechiado por eles, como auxiliares na divulgación da propaganda rusa. Durante o seu testemuño para o comité do Reino Unido sobre Fakes news, David Alandete de El País  proclamou que “RT e Sputnik están no cerne da campaña. Assange e Snowden son unha fonte accesíbel para eles; todo o que di Assange convértese de inmediato en cita e manchete”

Assange foi mencionado numerosas veces na cobertura de RT e Sputnik sobre Catalunya, mais os artigos en que se citan as palabras de Assange representan apenas unha pequena parte das discusións sobre acontecementos políticos. As análises dos artigos de Sputnik e RT baseados tanto nos datos de Media Cloud como nos seus chios revela que só entre o 1% e o 3% dos artigos sobre a Catalunya de RT e Sputnik mencionan Assange. Aliás, a maioría destas referencias a Assange céntranse nunhas poucas citas e acontecementos isolados, en contraste con a cobertura da situación da Catalunya en xeral de RT e Sputnik.

Ironicamente (tendo en conta as afirmacións referidas a robots e trolls que promoven mensaxes sobre a independencia da Catalunya), hai probas evidentes da existencia de robots que divulgan mensaxes sobre a crise no Reino de España -mais trátase de robots non-rusos que divulgan propaganda oposta á independencia da Catalunya. Non é a primeira verz que os gobernos occidentais e os seus alidados son apañados recorrendo á via online para divulgaren propaganda occidental, mais son poucos os comentaristas occidentais a quen preocupan eses mecanismos, excepto cando é a Rusia ou outros adversarios dos EUA, os que recorren a eles.

 

 

 

Sexa como for, é plausíbel que manipulacións bot fosen utilizadas para inflamar a crise no Reino de España -mais para divulgar mensaxes anti-cataláns en liña coas autoridades de Madrid. No 11 de setembro de 2017, o usuario chamado @marilena_madrid chiou un link a un artigo publicado polo xornal españl ABC varios meses antes, que subliñaba a falta de lexitimidade de Puigdemont diante das institucións da UE: un tema anti-independencia chave para as autoridades de Madrid.

 

Este chío @marilena_madrid foi replicado unhas 15,000 veces, mais “gostou” apenas 99 veces. Investigadores que traballan na detección de bots descubriron que , como este,  os robots teñen via de regra unha ratio baixa “gosto”-rechíos:

 

 

En contraste cos chíos de Assange, que recibe 1.14 “gosto” por rechío como media -confirmando que son divulgados nomeadamente por seres humanos reais- este chío de @marilena_madrid ten unha ratio de “gosto” por rechío de apenas 0.0062.  Un elevado número dos que rechían teñen nomes de usuario inverosimeis e aleatorios tales como @M9ycMppdvp5AhJb, @hdLrUNkGitXyghQ, ou @fQq96ayN3rikTw ou @fQq96ayN3rikTw, o que tamén é indicio de que se trata de robots.

 

 

A maioría das contas que rechiaron @marilena_madrid, asi como a propia conta @marilena_madrid, parece que foron suspendidas por Twitter, Infelizmente, non é posíbel ver datos sobre as contas que canceladas non sendo nas páxinas arquivadas previamente ou cachés, o que limita as posibilidades de estudar este particular grupo de robots de maneira mais acurada. Así, por exemplo, non é posíbel avaliar se foi un particular quen viu os seus chíos promocionados por bots, unha estratexia mediática do ABC para divulgar os seus artigos mediante robots e trolls, ou unha campaña de propaganda promovida polo estado. Contodo, este caso ilustra ben a necesidade de análises máis complexas sobre quen usa campañas de robots para adoutrinar o público.

Certamente é posíbel que poda haber bots rusos verdadeiros que divulguen mensaxes en apoio á independencia da Catalunya, mais a magnitude foi esaxerada de maneira desmedida por El País e moitas outras institucións occidentais ao punto de poder ser clasificada de falsificación.

Se, como parece ser verdade, estas alegacións sen base sobre a divulgación de desinformación durante o referendo da Catalunya son usadas como ferramente para a manipulación política, compre dicir que no caso de Julian Assange funciona. A escalada de tensións con o Reino de España, que ten vínculos diplomáticos moi estreitos co Ecuador, ameaza o asilo de Assange máis perigosamente que a prolongada presión exercida polos EUA e o Reino Unido. A coincidencia destas publicacións co acelerado deterioramento da situación diplomática, fundado en parte en reclamacións esaxeradas e inexactas de desinformación durante o referendo de Catalunya, obriga o Ecuador a escolher entre manter as súas relacións con outros estados e o prolongamento do asilo a Assange.

O padrón visto neste caso non é específico da situación de Julian Assange, o Ecuador e o Reino de España, ou algún outro estado. É un problema sistémico e global. Esta situación é exemplo elocuente do que acontece cando as tensións derivadas de divisións internas, neste caso o Reino de España e a Catalunya, ameazan con provocar unha ruptura. En consecuencia a xente esfórzase en explicar o que considera unha inxustiza, e conclúe que alguén de fora, persoa ou grupo, interferiu para complicar a situación divulgando propaganda ou desinformación.

O relato crece e tira o foco dos problemas internos e as divisións e unifica a xente contra este novo inimigo interno, moito no estilo do patrioterismo que surxe durante unha guerra. O sentimento pode ser explotado como táctica de manipulación para os que procuran apoio ás súas propias axendas e influencia para presionar grupos exteriores. Tamén é unha ferramente potente para estigmatizar a disidencia interna, doméstica, alineada con, se non controlada por, o vilán estranxeiro. Entretanto, as tensións internas continúan a aumentar e os conflitos a escalar, ignorándose as súas causas reais en favor dos máis gratos e simplistas roteiros autoreivindicativos sobre a interferencia estranxeira.

Emenda: 20 de abril de 2018
Nunha versión anterior deste artigo afirmábase erradamente que o xornal ABC pertence ao Grupo PRISA, sendo en realidade do Grupo Vocento.