A asociación sostén que tanto o dereito internacional como a lexislación española prohiben a experimentación con persoas presas. O Defensor del Pueblo Español iniciou unha investigación de oficio.

 

 

A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) rexeitou hoxe a experimentación levada a cabo desde o ano 2016 con 41 persoas presas nos cárceres de Huelva e Córdoba e que foi paralizada preventivamente polo Ministerio do Interior depois de recibir un relatorio solicitado á Subdirección Xeral de Sanidade Prisional. Para a organización, esta práctica vulnera o principio de trato humano e ‘vai contra o noso ordenamento xurídico e o dereito internacional’.

O experimento utiliza técnicas de estimulación transcranial con corrente eléctrica que se aplica aos internos participantes. Estas técnicas, denuncia a APDHA, son invasivas xa que afectan un órgao interno como é o cerebro. Ademais, tal investigación, sentencian, non cumpre as condicións imprescindibeis que establece o Regulamento Penal, polo que esperan que non se renove.

Así, a APDHA celebra que o Defensor del Pueblo Español (DPE) inicie unha investigación de oficio a respecto diso e pon en dúbida, do mesmo xeito que o DPE, a “voluntariedad” para participar no proxecto dunha persoa que está dentro dunha institución cumprindo condena.

Neste sentido, o colectivo andaluz lembra que o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP) establece no seu artigo 7 que ‘ninguén pode ser sometido sen o seu libre consentimento a experimentos médicos ou científicos’, unha prohibición que o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas reiterou na súa Observación Xeral nº 21 sobre o trato humano ás persoas privadas de liberdade. Por iso, a asociación adverte de que a investigación desenvolvida nas dúas prisións andaluzas ‘non só sería contraria ao ordenamento internacional, senón que pode ser considerada como unha vulneración do principio de trato humano das persoas privadas de liberdade’.

O colectivo andaluz sinala que esta investigación ‘tamén pode vulnerar o noso Regulamento Penitenciario’ xa que, segundo sosteñen desde a área de cárceres da asociación, ‘o artigo 211 do regulamento establece dúas condicións para realizar investigacións médicas ás persoas que están dentro de prisión’. En primeiro lugar, afirman, esa investigación ‘debe ter un efecto directo e significativo na saúde da persoa’ e, en segundo lugar, ‘a experimentación debe se levada a cabo con idénticas garantías que as que se realizan con persoas en liberdade’.

Neste sentido, apuntan desde a asociación, ‘non é suficiente coa mera obtención do consentimento informado xa que, debido á coerción ou á influencia indebida dentro da prisión, é necesario asegurar que ese consentimento é totalmente voluntario e verdadeiramente informado’. Na APDHA consideran que non se dan ningunha das dúas condicións polo que esperan que non se renove a investigación.

APDHA