O 29 de xuño de 1992 comezou en Catalunya a chamada ‘operación Garzón’ contra persoas relacionadas co movemento independentista, por suposta pertenza a Terra Lliure. Aquel día foron levadas a cabo as primeiras detencións, por orde de Baltasar Garzón, que naquel momento era xuiz da Audiencia española. A operación, que acabou cunhas cuarenta persoas detidas, estaba sendo preparada desde dous anos antes e pretendia desactivar o movemento durante os Xogos Olímpicos que tiveron lugar aquel verao en Barcelona.

 

As detencións producíronse en varios lugares de Catalunya e o País Valencià. Foron inspeccionadas as sedes do Movemento de Defensa da Terra (MDT) en Barcelona e do semanario Temps en Valencia. Trinta persoas foron detidas antes de comezaren os Xogos e as oito restantes despois da clausura. Afectaron membros activos da organización armada, mais tamén xornalistas do diario Punt e do semanario Temps, militantes de organizacións políticas como o MDT, os Comités de Solidariedade cos Patriotas Cataláns, Esquerra Republicana de Catalunya, o Partido Comunista de Catalunya e o grupo ecoloxista Alternativa Verda.

Torturas

O xuiz Baltasr Garzón aprobou a incomunicación de vinte-e-cinco persoas, delas dezasete denunciaron ter sido vítimas de tortura. Garzón ignorou as denuncias e outorgou validez ás declaracións feitas sob tortura.

Con esta operación, Garzón vulnerou os dereitos humanos, tal como sentenciou o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos de Estrasburgo doce anos despois, cando condenou o estado español por ter violado o artigo núm. 2 da Convención contra a Tortura polo feito de se ter negado a investigar as denuncias por malos tratos, apesar das evidencias que existían.

As torturas, en primeira persoa

A seguir ofrecemos dous testemuños directos de persoas detidas que denunciaron torturas. Son textos recolidos pola Associació Memòria Contra la Tortura.

Marcel Dalmau i Brunet

“As ameazas, torturas e vexacións de todo tipo foron feitas na Dirección General de la Guardia Civil de Madrid. No cuartel de Girona, apesar do clima de intimidación que reinaba, tratáronme cunha certa corrección.

Entrei na ‘Dirección General’ domingo día 5 de xullo pola mañá. Leváronme dalí para conducirme ao hospital no mañá do dia seguinte. As sesións de tortura a que me someteron consistían basicamente en facerme estar horas e horas de xeonllos sobre o chan en que había unha especie de estrelas que se chantaban na carne e esfolaban a pel dos xeollos. Colocáronme as mans nas costas e unha bolsa de plástico na cabeza que un ou dous torturadores ian apertando ao redor do pescozo, producíndome unha asfixia angustiosa. Entretanto, outros torturadores, de cinco a oito, batían con forza en todo o corpo (cabeza, ventre, testículos…). Eran pontapés, puñadas e tamén pancadas con obxectos, cun libro. Isto é, en canto me abafaban coa bolsa de plástico recibia unha verdadeira choiva de pancadas e berros. Entre os berros había constantes insultos contra Catalunya e as catalás e cataláns de contido racista e machista. Durante a tortura a cabeza ficaba alagada en suor. Por veces sopraban fumo dentro da bolsa antes de a apertar, tamén queimaban cun cigarro o extremo interior da bolsa para que aspirase o fume do plástico queimado. Esta tortura inflixíronma repetidamente ao longo de sesións interminábeis.

O propio terror que provoca sentir como uns axentes desfrutan abafándote e mallando en ti forma parte desta tortura. Tamén me obrigaron a porme nos testículos un fio eléctrico que tiña tres cabos. Estiveron moito tempo intimidándome e dicíndome barbaridades de contido sádico ao redor de temas sexuais. Durante esta tortura as vexacións de todo tipo e o terror eran interminábeis, permitide que aforre a descripción máis detallada porque lembralo fai con que volte sentir os efectos daquela experiencia terríbel.

Entre sesión e sesión, cando paraban para descansar, encerrábanme nunha cela. Eses intervalos non pasaban nunca dos vinte minutos.

Despois da última sesión de tortura antes que eu tentar suicidarme dixéronme que Carme, a miña compañeira, tamén estaba detida e que a levaban a Madrid, e que podería ouvir os seus gritos en “son estéreo” cando a torturasen tal como fixeran conmigo. Se ben eu xa levaba horas destrozado, aquilo deixoume absolutamente abatido. Con todo o que me fixeran e me facían non tiña dúbida sobre a veracidade das súas intencións.

Cando levaba algún tempo na cela, a causa do estado en que me encontraba e cunha perspectiva inmediata ainda máis horríbel e monstrosa, vinme empurrado ao suicidio. Nunca na miña vida pensara en suicidarme, mais aquí presentouseme como unha necesidade (nom podía máis) e como unha resposta a tanta crueldade e vexación. Como non tiña nada con que suicidarme atireime correndo de cabeza contra a parede. Fiquei inmóbil no chan, coa cabeza dando voltas sen parar. Estaba semi-inconsciente. A seguir entraron un fato de gardas civis moi asustados. Un deles propinoume pontapés, os colegas paráronno. Eu non podía moverme. Estaban moi nervosos, non sabían que facer. Perdin o coñecemento. Leváronme ao hospital. Os axents que me custodiaban portáronse con correción. Eu estaba moi desorientado. Pensaba en Carme, mais ningún dos vixiantes sabía ou quería dicirme nada dela. No hospital tiven unha visita relámpago dun individuo que profería ameazas contra min e a miña familia se ousaba falar das torturas, lembrando unha e outra vez que eu xa sabia o ‘qué’ había que declarar. E que se non dicía o que eles querian que dixese, todo o que pasara non sería nada comparado co que me pasaría a mí, a Carme e á miña famiklia.

No serán presentáronse media dúcia de gardas civis no cuarto do hospital, onde xa estaban dous cunha máquina de escribir e un avogado de oficio que practicamente non me fixo caso. Tomáronme declaración desde a cama, e no día seguinte pola mañá, cando ainda estaba aturdido e mareado e tiña serias dificuldades para moverme, leváronme declarar á Audiencia Nacional. Durante o traxecto preguntei por Carme mais ninguém me deu a máis mínima explicación. Pensaba o peor. Relacionei a súa sorte coas ameazas que recibira no hospital.

Xa para acabar, e a causa das ameazas recibidas de forma repetida e insistente por parte de funcionarios do estado español, responsabilizo o ministro español de Interior e a Dirección General de la Guardia Civil de calquer dano ou agresión que reciba a miña muller, calquera membro da míña familia e eu mesmo.”

Xavier Ros

“Membros da Garda Civil detivéronme o día 7 de xullo ao redor das oito e media do serán cando saía de casa. Leváronme a Girona. Durante o traxecto batéronme na cara e a nuca en canto facían preguntas. En Girona, no cuartel fixéronme despir, puxéronme de cara á parede e batéronme. Fixéronme caer e continuaron mallando en min no chan. No día seguinte, de mañanciña, comezaron a insultarme, metéronme nunha cela, tapáronme cunha manta para evitar que os golpes deixasen sinais, fixéronme axeollar e batéronme na cabeza, na nuca, nas costas, no estómago e nas pernas moito máis forte que o día anterior. Preguntaban por un ‘zulo’. Para parar a choiva de golpes diíxenlles que os levaría a un lugar na montaña. Excavaron unhas cantas horas e non apareceu nada. Ameazáronme de morte cunha pistola. Voltamos a Girona e pasaron a viaxe mallando en min. O mesmo día leváronme a Madrid. Chegamos de mañá. Despois de almorzar metéronme nunha cela de cara á parede. Sesión e preguntas e puñadas durante toda a mañá. Pola tarde puxéronme unha bolsa de plástico na cabeza dúas veces para provocarme asfíxia. Bateronme repetidamente cunha especie de porra de plástico nas costas, cabeza e nuca.

Deixáronme estar unhas cantas horas na cela, a causa do cansazo adormecin e como castigo por ter ficado dormido déronme cunha porra nas costas durante moito tempo.

No día seguinte, repetiron todas as torturas que contei. Fixéronme facer flexións e ameazáronme con aplicarme a ‘máquina’. Todo acompañado de gritos e insustos persoais e contra a Catalunya, e con ameazas á miña familia.

Durante o interrogatorio dicíanme o que tiña que declarar. Facíanme aprender de memoria a resposta que escolleran e facíanme repetila varias veces. Dicían que, se non respondía o que me dicían, continuarían torturándome.

Na Audiencia Nacional, antes de declarar diante do xuiz foime permitido falar co avogado. O avogado díxome que asinase todo o que a Garda Civil me fixera dicir mediante as torturas. Aseguroume que o xuiz lle dixera que se asinaba esa declaración me deixaría en liberdade sob fianza, como así foi.

Xavier Ros, 29 de juliol de 1992»

Máis testemuños aquí.