Alén do seu carácter estritamente técnico e bélico, a OTAN desenvolve investigacións prospectivas en torno ao “futuro contexto militar” através da confluencia de coñecementos militares, industriais e académicos.

 

 (Fuente: Facebook)                               NATO Strategic Communications Centre of Excellence

 

Daniel Kersffeld

“Centros de excelencia”

Nesta misión, resulta fundamental o labor do “Mando Aliado de Transformación” (Allied Command Transformation ou ACT), conducido polo xeneral francés Philippe Lavigne e que mantén unha estrutura de 24 “Centros de Excelencia” dedicados á formación e á investigación e espallados por case todo o planeta.

Un destes Centros é o coñecido como NATO Strategic Communications Centre of Excellence (foto), tamén designado como StratCom, que ten a súa sede en Riga, capital de Letonia, e que, á súa vez, é o responsábel do Innovation Hub ou “Centro da Innovación” (iHub), fundado en 2013 na base de Norfolk (Virginia – Estados Unidos).

Innovación

Á frente do Innovation Hub sitúase o oficial francés Francois du Cluzel, ex profesor da Escola Militar Interarmas de Coëtquidan, na Francia, e posterior investigador sobre habilidades cognitivas na Universidade John Hopkins e o Imperial College de Londres. Na actualidade, du Cluzel é considerado como un dos principais especialistas en todo o relacionado coas guerras do futuro e cos procesos de transformación dos conflitos armados.

O iHub foi concibido desde o inicio como o “cerebro” da OTAN. Trátase dun ámbito vangardista, especializado na investigación prospectiva sobre novas técnicas de guerra. Contodo, o seu principal campo de análise é o das chamadas “capacidades cognitivas” aplicadas ao campo militar en cuestións tan diversas como a fabricación de “soldados biónicos” e, sobretodo, os novos métodos de propaganda en confrontos bélicos.

Cinco sectores

A idea xeral da OTAN é transcender o esquema tradicional e “híbrido” composto por cinco sectores de confrontos bélicos que teñen lugar, de maneira estratéxica e articulada, no aire, a terra, o mar, o espazo e o ámbito cibernético.

Desta feita, o iHub propón un sexto teatro de operacións: o cerebro humano. As súas implicacións son revolucionarias, e ao mesmo tempo temibeis. Segundo o descríbe Francois du Cluze no relatorio Cognitive Warfare (de 2020 e financiado pola OTAN) “en tanto as accións desenvolvidas no cinco sectores (tradicionais) son executadas para obter un efecto sobre o campo humano, o obxectivo da guerra cognitiva é «converter cada persoa nunha arma».”

Técnicas de desinformación

Así, tal como o expresa du Cluzel, “a guerra cognitiva ten un alcance universal, do individuo aos estados e as organizacións multinacionais”. E, para desenvolverse, “aliméntase das técnicas de desinformación e propaganda dirixidas a esgotar os receptores de información”.

Portanto, da perspectiva cognitiva, ninguén permanece alleo ao conflito: ao contrario, “todo o mundo contribúe a el, en diversos graos, consciente ou inconscientemente”. Através da internet e das redes sociais, todos proporcionamos “un coñecemento inestimábel sobre a sociedade” en que vivimos, nomeadamente, en “sociedades abertas” como as occidentais.

En definitiva, “o cerebro será o campo de batalla do século XXI”. E así, resulta probábel que “os conflitos futuros entre as persoas ocorran primeiro dixitalmente e despois fisicamente nas proximidades dos centros de poder político e económico”.

Dano social

A guerra cognitiva introduce, portanto, un novo esquema de confronto e, aínda que orixinalmente foi ideada como unha ferramenta de natureza defensiva, resulta claro que o seu principal obxectivo é “danar ás sociedades e non só ás forzas armadas”.

Alén das consecuencias políticas, económicas e xeopolíticas da actual crise entre a Rusia e as potencias occidentais, hoxe este conflito preséntase como un campo preferente para a experimentación dos principais aspectos da guerra cognitiva, tal como na actualidade é proxectado desde a OTAN, nunha estratexia que apunta á vez á polarización de opinións e á radicalización de grupos e sectores políticos.

Así, as actividades de propaganda, as campañas de desinformación, e a operatividade ao redor da internet, os medios hexemónicos e as diferentes redes sociais, son configuradas como elementos centrais dun conflito que se expande non só en termos territoriais senón tamén no sistema de crenzas e na subxectividade de cada un de nós.

Investigador CONICET-Universidade Torcuato dei Tella.

Página12