Só é posíbel concluír que se ditou unha condena sen proba suficiente de cargo, o que conduce a unha vulneración do dereito á presunción de inocencia segundo reiterada doutrina do Tribunal Constitucional desde hai catro décadas.

 

El ex secretario de Organización y diputado de Unidas Podemos Alberto Rodríguez a su salida del Tribunal Supremo el pasado 21 de septiembreO ex secretario de Organización e deputado de Unidas Podemos Alberto Rodríguez á súa saída do Tribunal Supremo no pasado 21 de setembro.

 

 

Alberto Rodríguez é un deputado de Unidas Podemos ben coñecido pola cidadanía. Alén de ser moi alto -case dous metros- a súa aparencia externa causou sorpresa en quen no noso tempo aínda valora as persoas non por como son realmente, senón pola súa forma de vestir ou polo seu peiteado, e pensan que no Congreso dos deputados non pode estar ninguén que non vaia vestido segundo certos usos tradicionais. En todo caso, varias das súas intervencións non pasaron despercibidas, en particular una de moi bo ton cun deputado do Partido Popular nada menos, en que nun exercicio de camaradería e bo facer parlamentar que debería ser a norma, o eloxiou de maneira estentórea.

Pois ben, este deputado, antes de o ser, no 25 de xaneiro de 2014, acudiu a unha manifestación na Laguna de rexeitamento á na época nova lei de educación, causante de non poucos males e disparates nos últimos anos, por certo. Pois ben, nesa manifestación producíronse uns incidentes, por desgraza habituais, e un policía afirmou ter sido golpeado por Alberto Rodríguez. Manifestou ter recibido do agora deputado un pontapé no xeonllo do que o axente curou nun día. O médico que o recoñeceu, apesar de examinar rapidamente a suposta lesión, afirmou no proceso que non puido confirmala máis que polas declaracións do policía. O suposto pontapé non deixou ningún sinal externo.

Alén diso, o policía denunciante declarou coñecer Alberto Rodríguez doutras mobilizacións, o que non era estraño dado esa aparencia antes referida. Mais chama a atención que outro policía -por sinal o inspector xefe- que estivo á frente do dispositivo para repelir a posíbel violencia da mobilización, en ningún momento viu Alberto Rodríguez. Por súa vez, outros catro axentes afirmaron por escrito ter presenciado a agresión, mais sorprendentemente ningún deles declarou no xulgamento. Nestas condicións, a única proba valorada no proceso foi a declaración exculpatoria do acusado, que dixo non ter estado nesa parte da mobilización no momento do suposto pontapé, así como a declaración do policía denunciante que literalmente afirmou que “entende que o pontapé foi voluntario”, engadindo pouca información máis, dado que, segundo conta o voto particular da sentenza, a súa declaración foi sorprendentemente lacónica. Había tamén vídeos da mobilización que ao non poder seren realmente situados no tempo, pouco puideron demostrar, salvo que o acusado estivo na mobilización -o que el mesmo recoñeceu- mais non no momento da suposta agresión.

Con semellante lacuna probatoria e por un feito que é notoriamente leve visto o seu resultado -mesmo supondo que realmente se tivese producido-, sorprende que toda a maquinaria penal, que só debe ser mobilizada por feitos realmente graves, non só se activase, senón que fose -polo aforamento do acusado- o mesmísimo Tribunal Supremo quen tivese de asumir o labor. Todo iso resulta en boa medida insólito. Ollado fríamente é mesmo desproporcionado.

Contodo, aínda é máis insólita, e entendo que errada, a motivación da sentenza. O Tribunal, para valorar a credibilidade do axente denunciante, aplícalle unha xurisprudencia que hai anos que o propio tribunal debería ter actualizado en profundidade, mais que costuma utilizar para a valoración da chamada “única testemuña vítima”. Esta xurisprudencia atende aos casos de agresión sexual sobretodo, nos que sendo a persoa atacada a única testemuña da súa agresión, a declaración debe ser analisada con especial coidado, que mesmo pode ser ‘case’ a única proba se a agresión non deixou rastros físicos. En concreto requírese persistencia na incriminación, corroboración con outras probas e ausencia de animadversión contra o acusado.

Fixándose neste tres pormenores, afirma o tribunal que o axente non mudou a súa declaración desde o principio, que esta declaración foi corroborada polo feito de o axente ter acudido inmediatamente ao médico e ter identificadp Alberto Rodríguez, e que a ausencia de animadversión provén de que o propio axente declarou no proceso coñecer o acusado doutras manifestacións e que sempre mostrara un comportamento pacífico.

Todo o anterior é notoriamente insuficiente a efectos de credibilidade, sobretodo porque a fonte da corroboración non provén doutros elementos de proba, como debe ser, senón do propio axente. Alén diso, o feito de coñecer previamente o acusado descarta -é un dicir- a animadversión baseándose o tribunal, outra vez, na propia declaración do axente neste proceso, o que certamente fai dubidar fundadamente de que non existise esa animadversión polo menos nalgunha medida. Mais con independencia de todo iso, que non é pouco, a aplicación desta xurisprudencia é errada, porque non pode concibirse que o axente-vítima fose a única testemuña nada menos que nunha manifestación… Contodo, non foron interrogados nin outros manifestantes nin sequera os policías que no seu día afirmaron ter visto a agresión.

Ora, o máis interesante da sentenza, no meu parecer, vén cando o tribunal valora a declaración do acusado. Non é só que non acredite na súa veracidade, senón que non motiva por que non acredita. En lugar desa imprescindíbel explicación, o tribunal expresa reiteradamente a súa incomodidade co feito de o acusado ter dito no xulgamento que se estaba tentando criminalizar o dereito de manifestación e que en caso de a sentenza ser condenatoria, iría recorrela xunto do Tribunal Constitucional e xunto do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, o que, lonxe de ser unha ameaza, non é máis do que unha expresión obxectiva dos seus dereitos. Mais insisto, o tribunal manifesta expresamente a súa molestia por estas declaracións, o que non é senón unha imprudencia que pode comprometer decisivamente a súa imparcialidade.

Á vista de todo o anterior, non é posíbel concluír que se ditou unha condena sen proba suficiente de cargo, o que conduce a unha vulneración do dereito á presunción de inocencia segundo reiterada doutrina do Tribunal Constitucional desde hai catro décadas. Aliás, é obvio que se deixou de lado o art. 717 da Lei de Procedemento Criminal, que descarta que as declaracións policiais teñan ningunha clase de presunción de veracidade, ao contrario do que ás veces se pensa. E neste caso ben parece que a única proba de cargo, erradamente valorada e á cal o tribunal atribúe un indebido rol protagónico, foi precisamente a declaración do policía. Non se trata de que o Tribunal Supremo teña valorado o interrogatorio segundo as súas impresións persoais, exclusivas de quen tivo inmediación, quer dicir, do tribunal que presenciou a proba. É que á marxe da incorrección desa anticuada formulación que sacraliza a chamada “inmediación” de modo epistémicamente absurdo, a explicación desas impresións é, como xa expliquei no parágrafo anterior, cuestionábel no terreo da imparcialidade. É como se o tribunal explicase que non acredita no que di o acusado, non porque non sexa consistente o seu relato, senón porque fixo comentarios inapropiados sobre o dereito de manifestación e as súas oportunidades de recurso.

Confiemos en que algún dos tribunais mencionados por Alberto Rodríguez anule esta condena, cuxa gravidade aumenta ao ser pronunciada contra un representante da soberanía popular. Mais confiemos tamén en que algún día se traballe moi activamente por acabar coa tradición, que o é infelizmente, de que algúns manifestantes provoquen altercados coa policía como forma de facer máis visíbel o protesto. Estamos no século XXI e hai outros medios bastante máis eficaces e menos rudimentares. Mais, entretanto, tratemos de que non paguen xustos por pecadores.

elDiario.es