EsCULcA: A orde da Xunta de 5 de setembro, que modificaba o anterior procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria de determinados colectivos (persoas sen recurso, desempregadas ou non empadraodas) e a posterior circular do SERGAS explicando o sentido desa modificación, provocou numerosas protestas sociais que parecen ter levado o goberno galego a rectificar. Cré que esa rectificación é irreversíbel ou pode haber sorpresas?

Mª Xosé Bravo: Cómpre dicir que a rectificación non foi tal, posto que o decreto que se publicou no DOG o 5 de setembro segue ai, non se retirou, polo que as medidas que implica tamén están ai. O único que parece que fixo a Consellaría foi dar marcha atrás (cando menos momentaneamente) aos bloqueos de oficio das tarxetas sanitarias daquelas persoas que estaban nesas situacións. Isto é algo que co Decreto na man poden volver facer cando lles pareza oportuno. Está claro que xusto nunha campaña electoral, o feito de que moitas persoas se viran de súpeto privadas do dereito á asistencia sanitaria e o balbordo que se montou por este tema debido ás nosas denuncias, fixeron que decidiran adiar a posta en marcha destas medidas, pero non necesariamente retiralas. De feito, ademais do Decreto do 5 de setembro, na propia Lei de Medidas Fiscais e Administrativas (popularmente coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos) se recolle a obriga de levar empadroado nun concello galego cando menos 183 días previos para ter dereito á asistencia sanitaria, polo que a intención da Xunta de Núñez Feijoo fica claramente explicitada. Non recuaron, pensan seguir adiante.

EsCULcA: De nom se modificar esta norma, que colectivos se verían afectados?

Mª Xosé Bravo: Pois para empezar todas aquelas persoas que estando en situación de desemprego non subsidiado non dispoñan de ningún familiar que poida acollelas como beneficiarias no seu cartón sanitario. Por poñer un exemplo concreto, unha muller que acabe de divorciarse e non dispoña de traballo remunerado, é dicir, que ata ese momento figuraba para a asistencia sanitaria como beneficiaria da súa parella, se non ten algún familiar con quen poida poñerse como beneficiaria, pasaría a non ter dereito a asistencia. Sabemos que desgraciadamente, na nosa sociedade inda son maioría as mulleres que no canto de traballar fóra da casa, fican nela para atender os fillos ou os maiores, e facer as tarefas domésticas, mulleres que non figuran dadas de alta na Seguridade Social e que ante un eventual divorcio quedarían totalmente desamparadas no que se refire á asistencia sanitaria de seguir adiante con estas medidas. É só un exemplo, hai moitos máis.

Tamén se verían afectados aqueles inmigrantes ou emigrantes retornados/as que non leven máis de 6 meses empadroados, posto que deberían agardar a que pase ese tempo de empadroamento para poder optar á asistencia.

Calquera das persoas afectadas, que sería clasificadas como código 29 ou PSR (Persoas Sen Recursos) só terían dereito a unha atención urxente, mais sempre que asinen un documento que as compromete a pagaren esa asistencia. Nós preguntámonos cómo vai poder pagar a asistencia unha persoa que é clasificada como Persoa Sen Recursos.

EsCULcA: Que sentido ten que precisamente agora, cando é inminente a entrada en vigor da Lei Xeral de Sanidade que recoñece o dereito à asistencia médica con carácter universal, a Xunta introduza estas restricións mediante unha modificación procedimental?

Mª Xosé Bravo: Coma prácticamente todas as medidas que están tomando en Sanidade, amparándose na crise e falando dunha falsa “austeridade”, o obxectivo final é favorecer cada vez máis a Sanidade Privada. Ben sexa privatizando a xestión de certos servizos da Sanidade Pública, ben sexa diminuindo calidade asistencial ou retirando o dereito á asistencia sanitaria na pública para, deste xeito, “obrigar” cada vez a máis xente a recurrir ás clínicas ou consultas privadas. A meta é engrosar as arcas das grandes empresas e aseguradoras, aumentarlles os beneficios a costa dos fondos públicos.

Mª Xosé Bravo é Secretária da Federación de Sanidade da CIG.