Detido en xaneiro de 2010

O 14 de xaneiro de 2010 Xurxo era detido baixo a acusación de tenencia de explosivos. Despois de varios dias en dependencias da Dirección Xeral da Garda Civil foi ingresado en prisión preventiva no centro de Menores Los Rosales, na cidade de Madrid. Grazas a un acordo dos avogados, Xurxo foi condenado a nove meses de internamento en réxime fechado e un ano de liberdade vixiada. No mes de abril foi transferido ao centro de menores de Monteledo en Ourense, e a partir do mes de setembro de 2010 obtiña o réxime de liberdade vixiada.

Castigar e vixiar fronte a educar

Segundo organizacións que traballan con menores, nos centros da Comunidade de Madrid prevalecen os criterios punitivos sobre os educativos. Como consecuencia aumentan as denuncias por abusos. Na conversa que mantivemos co Xurxo relátanos as sancións e abusos que el mesmo sufriu no seu primeiro destino, en Madrid, na antiga cárcere de mulleres de Carabanchel.

A páxina web da organización responsábel de xestionar este centro, a Asociación e Fundación Resposta Social Século XXI, amosa fotografías de mozos a nadar nun lago, sementando a terra ou aprendendo carpintaria. Unha imaxe idílica que non ten que ver coa testemuña que nos fai chegar Xurxo.

Abusos e sancións

O mozo vigués describe unha realidade de constantes abusos e lamentábeis condicións de vida neste centro de réxime fechado con 32 prazas destinadas a menores de idade condenados por delitos graves.

Xurxo describiu os malos tratos psicolóxicos e abusos de autoridade por parte de educadores e da dirección do centro. Denuncia diversas formas de humillación, desde espidos sen causa xustificada até sancións constantes, pasando por insultos. Tamén explicou a restrición das comunicacións e o significado da dispersión como parte da “política de represión”.

Fonte: Pechados en Democracia