A dirección da obra correu a cargo de Comba Campoy e o própio autor e a función fechará cun coloquio,  en que participarán o xuiz Xermán Varela e o avogado de EsCULcA Guillerme Presas, sobre as relacións do Poder coa Xustiza e as consecuencias da Lei de protección da seguridade cidadá (Lei Mordaza), vixente a partir de marzo.

Guillerme Presas afirma que "o que máis nos preocupa é o que xa está sucedendo e que se vai intensificar nun futuro inmediato: a represión do activismo e da protesta popular, a represión do dereito de manifestación, do dereito de participación pública, e do dereito á liberdade de expresión". "A lei mordaza é unha plasmación lexislativa dunha dinámica que xa se está a producir", engade.

O avogado destaca a oportunidade de dar a coñecer a realidade e os debates de actualidade a través das artes escénicas, e grazas a eventos como este que sumen unha función teatral e un coloquio. "Esa é a idea: conseguir que a mensaxe chegue máis alá, non só ás persoas afectadas e ás persoas sensibilizadas por estes problemas, senón tamén a un público máis amplo, para que se decate da densidade e a transcendencia das cuestións que nos veñen por diante", di.
 

A obra

Dura Lex é un proxecto de comedia satírica que xorde da idea de interrogar a xustiza desde un punto de vista teatral, "da constatación de que algo non cadra no funcionamento da Xustiza na nosa sociedade", destacan dende a compañía, que sinala os "xuízos paralelos na prensa, tribunais aparentemente coaccionados por poderosos grupos de intereses, tratamento desigual das persoas conforme a súa extracción social, corruptelas e demandas de prevaricación no estamento xurídico e unha longa ladaíña de fenómenos recorrentes na esfera da xustiza, semellan relar a raíz do ordenamento xurídico democrático".