O procurador decidiu manter a pena de cinco anos e oito meses de cárcere para Emilio Cao, o mozo galego de 22 anos acusado de desordes públicas durante a súa participación en 2014 nunha Marcha da Dignidade en Madrid. Así o explicou aos medios o avogado do mozo, Enrique Santiago Romero, despois da vista oral celebrada no Xulgado do Penal número 6 de Madrid nesta ssegunda feira. Ademais dos anos de cárcere, a Fiscalía mantén 600 euros de multa, aínda que retira a sanción de dous meses de multa penal.

 

Concentración en apoio a Emilio Cao

Concentración en apoio a Emilio Cao | Fonte: Europa Press

 

O fiscal solicita catro anos por un delito de atentado e un ano e medio por un delito de desorde pública. Romero sinalou que a acusación do fiscal é “absolutamente desproporcionada” e que durante o xuízo acreditaron que “o que ocorreu debeuse a unha actuación incorrecta da policía”, tal e como “deixou recoñecido” o que na altura era director da Policía Nacional Ignacio Cosidó. “Acreditamos claramente que non houbo atentado, posto que non existe nas actuacións, nin ninguén identificou ningunha vítima de ningún atentado“, agregou.

“DESPROPÓSITO”

Para o letrado, durante esa Marcha pola Dignidade, Emilio Cao foi agarrado e arrastrado por persoas non identificadas, co rostro oculto, que o acusaron dese “despropósito”. “Se o Estado de Dereito funciona minimamente ben, evidentemente este raparigo será absolvido porque non hai ningunha proba contundente nin pode habela porque non ten ningún tipo de responsabilidade”, sinalou Romero, que explicou que a lesión do axente de policía produciuse porque “tropezou e caeu ao chan”.

Á súa saída do xulgado, o mozo galego foi recibido por unha concentración de persoas cunha faixa de apoio sob a lema ‘absolución’ e explicou que despois dun “clima de incerteza, intranquilidade, incoherencias” dos testemuños dos policías e as probas da súa defensa, séntese “máis tranquilo e seguro de que pode saír ben este proceso xudicial”. Durante o xuízo, asegurou que declarou “a verdade”. Por último, dixo que esta situación é unha “clara montaxe policial” e unha “completa farsa” e que non cometeu ningún tipo de delito.

E.P.

Fonte: Galicia Confidencial