Desde o Observatorio do Sistema Penal e os Dereitos Humanos da Universitat de Barcelona, considero que estamos a vivir moi profundamente un momento de extremo excepcionalismo penal caracterizado pola difusión cada vez maior dunha cultura da emerxencia e a excepcionalidade penal, tanto no ámbito da produción normativa, canto nomeadamente no ámbito da súa interpretación e aplicación.

O recurso constante ao sistema penal, ás accións policiais, o emprego dunha xurisdición única en detrimento do xuíz natural como é a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo, a utilización da prisión preventiva contra líderes sociais e contra a metade do Goberno catalán aproximadamente, supoñen as visións máis extremas -criamos até agora-; contodo tamén, cada día reséntese máis o propio sistema democrático cando se dificulta a formación dun goberno lexítimo en Cataluña, cando se entorpece a actividade normal do Parlamento de Catalunya e cando se impide que o presidente lexitimamente designado por ese parlamento democrático poida sequera constituír un goberno porque se bloquea a publicación no Diario Oficial da Generalitat de Catalunya o nomeamento dos Consellers que han de formar parte dese goberno.

Creo neste sentido, como director do observatorio, que compre facer un apelo moi serio e urxente a unha defensa global da democracia claramente ameazada nestes momentos. É tarefa que nos compete a diversos sectores na sociedade contemporánea, tanto á sociedade política como á sociedade civil, ás corporacións profesionais, aos sindicatos, ás entidades sociais e culturais, e por suposto ao mundo académico universitario.

Esta defensa da democracia debe ser verdadeiramente un clamor -que máis alá das lexitimas opinións políticas que cada quen poida ter acerca da forma do estado- exprese que nada pode pór en perigo -como de feito estao facendo seriamente- o sistema democrático, afectando tanto o poder lexislativo como o executivo lexitimamente constituídos en Cataluña. Desde o Observatorio permaneceremos constantemente vixiantes da situación de semellante deterioración dos dereitos humanos, apelando para iso á necesaria manifestación, unión e visibilización permanente destas vulneracións.

Iñaki Rivera Beiras