Non podía achar o Estado ninguén mellor que Ángela Murillo para representalo. A nómina de meritorios na Audiencia Nacional sempre foi ampla, mais a hoxe presidenta da Sección Cuarta da Sala do Penal, que en marzo dixo non crer o desarmamento de ETA, viu no xuízo do 18/98 unha oportunidade de promoción e afanouse en cumprir todo o que se esperaba dela.

A súa lembranza permanecerá indelébel para quen asistiu ao seu festival de trexeitos, imprecacións e saídas de ton. Logo deixou clara a súa parcialidade, que a medida que decorría a vista pasou de «manifesta» a «escandalosa» na escala da defensa. Tan logo limitaba o acceso dos avogados ás 100.000 follas das dilixencias previas, como permitía que un perito policial “valla o oxímoro” se desdixese despois de admitir unha proba favorábel aos representantes de Egin.

Así foi cumulando encomios da caverna. Mais nunha vista pública, con acceso a cámaras e micrófonos, alguén como Murillo é unha mina, e en Euskal Herria a maxistrada estremeña, descoñecida até esa altura, comezou a ser trending topic, axudando involuntariamente a evidenciar o escándalo que supuña o xuízo. Din que unha imaxe vale máis que mil palabras, e aínda que admitilo é duro para quen escribiu centos de crónicas desde a Casa de Campo, cada vez que ela saía na televisión facendo unha das súas o rexeitamento a aquel disparate crecía exponencialmente. Murillo fixo moito para asentar a pésima imaxe que a sociedade vasca ten da Xustiza española e para ampliar as simpatías cara ás súas vítimas.

Ao Estado, con todo, este pormenor non debeu importarlle. Ao contrario, a xuíza parece crear escola, e se hai dez anos podía representar unha imaxe grotesca do sistema, hoxe a súa forma de actuar é norma. En 2017, España é como Ángela Murillo con todos aqueles que non se senten partícipes da unidade de destino no universal. Basta con ouvir e escoitar os portavoces do Executivo de Mariano Rajoy ou calquera tertuliano de garda: brocha gorda, sal groso, pau e xoan-bobo.

O mesmo pode dicirse do 18/98. Sentou precedente, e moitas cousas que están a ocorrer -en Catalunya, a Lei Mordaza…- non serían posibeis se esa porta non tivese sido aberta. Na altura moitos optaron polo silencio, pois ao final non eran máis que vascos…; e agora a excepcionalidade, o dereito penal do inimigo, estendeuse. A vantaxe para as súas novas vítimas é que dez anos despois sabemos que iso non é síntoma de fortaleza, senón de debilidade, e está condenado ao fracaso.

Fonte: Naiz