No seu relatorio anual, que analisa a situación dos dereitos humanos en 159 estados, Amnistía Internacional (AI) constata os retrocesos que experimentaron a liberdade de expresión e os dereitos de manifestación e asociación no Reino de España. Tamén critica a violencia policial no 1-O en Catalunya, a “excesiva e desproporcionada” prisión dos Jordis, as devolucións en quente de migrantes, a baixa acollida de persoas refuxiadas, a violencia contra as mulleres e os despexos.

 

Condenados a 2 años los raperos de La Insurgencia que ensalzaron a los Grapo

 

Liberdade de expresión e de reunión, “amordazadas” – Referendo catalán
A ONG alerta de que en 2017 restrinxiuse ” desproporcionadamente” a liberdade de expresión e o dereito de reunión pacífica, tanto no ámbito das leis como a través dalgunhas prácticas policiais. Esta restrición produciuse especialmente debido á situación política en Catalunya, após a suspensión do Tribunal Constitucional, da lei do referendo: “En Madrid e Vitoria, os tribunais prohibiron dúas reunións públicas de apoio ao referendo”.

Ademais das limitacións a protestos pacíficos, AI denuncia tamén o “uso excesivo da forza” contra manifestantes o 1 de outubro en Catalunya. “A policía disparou balas de festín e bolas de goma, e feriu de gravidade unha persoa que perdeu a visión dun ollo”, lembra AI.

 

Así mesmo, AI califica de “excesiva e desproporcionada” a prisión preventiva decretada en outubro para Jordi Cuixart e Jordi Sànchez, presidentes da Assemblea Nacional Catalana e Omnium Cultural, acusados de sedición, un delito, ao seu xuízo, “definido de forma moi xeral”.

Doutra banda, decenas de persoas foron procesadas e 20 foron declaradas culpabeis por “enaltecemento do terrorismo” e “humillación ás vítimas” nas redes sociais en 2017, de acordo coa ONG. O documento recolle, entre outros, o caso de Cassandra Beira, tuiteira condenada a un ano de prisión polas súas piadas sobre Carrero Blanco.

“Alzar a voz volveuse cada vez máis perigoso nas redes. Están a ser criminalizadas letras de cancións e brincadeiras sob categorías vagas”, criticou Beltrán, portavoz de AI no Reino de España. “Nos últimos anos disparáronse as condenas. En 2011, cando ETA aínda mataba, houbo unha condena por enaltecemento do terrorismo. Do ano 2011 ao 2017 houbo 76 sentenzas condenatorias”, apunta.

Ademais, xornalistas e persoas particulares foron sancionadas pola Lei de Seguranza Cidadá, como a reporteira Mercé Alcocer, de Catalunya Radio, multada con 601 euros por ultrapasar unha liña policial “non sinalizada” cando estaba a cubrir o caso Pujol na Audiencia Nacional. “Hai unha inquietude pola autocensura á hora de documentar actuacións policiais, segundo os testemuños que recibimos, e moitas máis persoas teñen medo á hora de saír á rúa a protestar e reclamar os seus dereitos”, sostén Beltrán.

Continúan as devolucións en quente
Un dos principais acontecementos en materia de dereitos humanos que deixou 2017 foi a condena do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos contra o Reino de España pola devolución de dúas persoas desde Melilla a Marrocos en 2014, ao concluír que estas son ilegais.

Apesar da condena, o Goberno, segundo denuncia a organización, continúa levando a cabo estas expulsións sumarias en Ceuta e Melilla. “Desde a sentenza -o pasado outubro-, polo menos 40 persoas foron expulsadas de forma ilegal correndo o risco de seren sometidas a torturas e malos tratos, aínda que o número podería chegar a 130 persoas”, apuntou o director de AI.

 

 

“Reclamamos que Estrasburgo recoñeza que foi vulnerado o dereito a ter dereitos, a que unha persoa que quere cruzar unha fronteira ten dereito a non ser tratado como un farnel”, explicou Isabel Elbal, avogada demandante, quen destacou “o traballo colectivo” no caso. O Executivo recorreu o fallo e a condena será revisada.

“O prazo de tempo pode oscilar entre un ano e un ano e medio. Neste prazo os dereitos deben ser respectados, mais continúan practicando devolucións e sabemos que o Goberno non ten ningunha intención de acatar a sentenza, salvo que o obriguen”, asevera Elbal.

Ademais das expulsións automáticas, AI denuncia que en 2017  continuaron practicándose violacións “flagrantes” de dereitos e abusos contra persoas migrantes e refuxiadas no Reino de España. Pon como exemplo o encerramento de máis de 500 persoas no cárcere de Archidona ou “as restricións á liberdade de movemento” dos solicitantes de asilo en Ceuta e Melilla.

O relatorio lembra outro dos “fracasos” das políticas migratorias o ano pasado: o incumprimento dos compromisos de acollida de persoas refuxiadas. Até decembro de 2017, chegou apenas o 15% das 17.337 persoas a que o Goberno se comprometera a acoller. Entretanto, quen solicita asilo continúa sufrindo demoras na resposta sobre a súa petición, segundo a ONG.

Persisten os despexos e os asasinatos machistas
Apesar do discurso de recuperación económica defendido polo Goberno, “o impacto das medidas de austeridade implementadas como consecuencia da crise está a deixar desamparadas decenas de millares de persoas en España”, insistiu Beltrán.

Máis un ano, AI volveu a pór o foco sobre a exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación irregular e os despexos. En xullo, expertos da ONU concluíron que o Reino de España violou o dereito á vivenda dunha familia que foi despexada sen se lle proporcionar vivenda alternativa.

A escaseza de vivendas sociais accesíbeis afecta en maior medida, apunta a ONG, nais solteiras e mulleres sobreviventes de violencia machista. Os dereitos das mulleres volveron ser en 2017 outro dos puntos obscuros no Reino. 48 mulleres foron asasinadas polas súas parellas e exparellas, segundo as cifras do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Empecillos á investigación dos crimes franquistas
2017 tampouco foi un bo ano para os familiares das vítimas do franquismo, lembra a ONG. “As autoridades españolas continuaron pechando investigacións sobre crimes de Dereito internacional cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo”, salientan.

Ademais, a entidade denuncia que “ainda non foron adoptadas medidas” para localizar e identificar os restos de vítimas e deixouse ás familias e as asociacións “sen apoio do Estado” nas exhumacións.

En febreiro, a Fiscalía mexicana iniciou unha investigación por mor da denuncia de Ligia Ceballos, quen descubriu que podería ser unha “bebé roubada” en 1968 durante o franquismo no Reino de España. Trátase do segundo país que investiga os crimes franquistas, despois de Arxentina.

Iciar Gutierrez

Fonte: El Diario