Primeira querela contra un antidisturbios por unha suposta agresión sexual na actuación policial do 1-O. M.T. presentou nos xulgados de Barcelona unha querela por un delito de lesións e outro contra a integridade moral co agravante de odio, motivación ideolóxica e de xénero contra un axente da Policía Nacional.

O escrito da querela acusa o axente de retorcer “fortemente” e de “ranxer” todos os dedos da man esquerda da moza, lanzala polas escaleiras do instituto Pau Claris de Barcelona e tocarlle os peitos “con clara actitude de menosprezo para a integridade física e moral” da muller. Finalmente, engade o escrito, dous axentes “colleron e sacaron do edificio do instituto con violencia” a denunciante.

Carregues policials al Referendum de l'1 octubre a Barcelona / Institut Jaume Balmes

A querela identifica o antidisturbios co seu número de operativo, e solicita ao xulgado que o cite a declarar unha vez o seu superior xerárquico no Corpo Nacional de Policía confirme a súa identidade.

“A actuación policial tivo a clara vontade de vexar, degradar, menosprezar e humillar gravemente, collendo [a muller] polos peitos con clara connotación de agresión sexual nunha posición de superioridade física e sendo absolutamente innecesario actuar desta maneira”, sostén a querela.

A xuízo da muller, representada polo avogado Xavier Monge, a actuación policial “excedeu” a orde do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) que mandou os corpos policiais impediren o referendo “sen afectar a normal convivencia cidadá”. Tampouco respectou, engade, os principios de oportunidade e proporcionalidade nas intervencións policiais, e supuxo “un uso excesivo e non xustificado da forza”.

Ao escrito da querela achegouse o parte médico de M.T., que diagnostica unha “lesión capsular traumática” “unha capsulite sen fractura ósea” en tres dedos da man esquerda, un traumatismo e unha contractura no ombro e o trapecio dereito. As lesións nos dedos requeriron de inmovilizador de ombo e cóbado Gilchrist.

Doutra banda, os Mossos d’Esquadra manteñen aberta unha investigación polo “acoso e as ameazas” que recibiu M.T por mor de algúns medios de comunicación teren publicado os seus datos persoais e cuestionadi as lesións que sufrira, informaron fontes da acusación, que engadiron que se analizan “posibeis responsabilidades e accións legais” contra as persoas e medios que difundiron os seus datos persoais sen o seu consentimento.

Oriol Solé Altimira

Fonte: El Diario