Coa lóxica dun proceso penal non se pode dar resposta a un problema de natureza tan política como é o da integración dunha ‘nacionalidade’ dentro dun Estado

Nin a Audiencia Nacional primeiro nin o Tribunal Supremo despois deberon admitir que eran o xuíz ordinario predeterminado pola lei para resolver o problema tal como lles foi exposto.

 

 

 Carteles electorales con retratos de Gabriel Rufián, Raül Romeva, Oriol Junqueras, Carolina Telechea y Montse Bassa (con la boca tapada con la frase 'va de llibertad') al fondo de la sala de prensa de Esquerra Republicana de Calaluña, donde los miembros de la formación esperan los resultados electorales momentos antes del escrutinio total de los votos el 28 de abril

 

Na noite do 28 de abril foron proclamados deputados electos Oriol Junqueras, Jordi Turull, Josep Rull e Jordi Sànchez e senador electo Raül Romeva. Desde ese “mesmo momento” están en posesión da prerrogativa coñecida como “inmunidade parlamentar”, que se traduce en que “non poderán ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da Cámara respectiva” (artigo 71.2 da Constitución Española).

Esta prerrogativa está recoñecida sen excepción de ningún tipo. O ordenamento español, a Constitución e os Regulamentos do Congreso dos Deputados e do Senado, non contemplan ningunha circunstancia, nin anterior nin posterior ao momento da proclamación como deputado ou senador electo, que poida excepcionar a vixencia da prerrogativa da inmunidade. O Regulamento do Congreso, despois de reproducir no artigo 11 o artigo 71.2 da Constitución Española, engade no 12: “O Presidente do Congreso, unha vez coñecida a detención dun Deputado Ou CALQUERA OUTRA ACTUACIÓN XUDICIAL…que puidese obstaculizar o exercicio do seu mandato, adoptará de inmediato cantas medidas foren necesarias para salvagardar os dereitos e prerrogativas da Cámara e dos seus membros”.

Na noite do 26 de maio, se a enquisa do CIS coñecida nesta quinta-feira 9 de maio acerta, Oriol Junqueras e Carles Puigdemont poderían ser proclamados deputados electos do Parlamento europeo, onde disporían dunha inmunidade similar á dos parlamentares españois.

O Tribunal Supremo ten que enfrontarse xa ao problema de como incide o novo status xurídico do cinco parlamentares españois no proceso que se segue contra eles e vai ter que enfrontarse con moita probabilidade a outro similar, mais con características propias, a partir do día 26 respecto de Oriol Junqueras e Carles Puigdemont.

Trátase dun combate xurídico con dous asaltos. O primeiro ten lugar en España e debería ser resolvido mediante os seguintes pasos:

1º A inmediata posta en liberdade dos deputados e do senador electo (debería producirse na noite do 28 A, após a proclamación de candidatos electos pola Xunta Electoral Provincial). Tecnicamente, os cinco parlamentares están “detidos ilegalmente” desde o 28 de abril.

2º O envío polo Tribunal Supremo a ambas as Cámaras da solicitude para poder proceder contra eles.

3º A aprobación dos correspondentes “suplicatorios” polos Plenos de cada unha das Cámaras. Unha vez dados estes pasos, o Tribunal Supremo podería continuar o xulgamento da forma que estimar pertinente.

O Tribunal Supremo debería suspender inmediatamente o xulgamento a respecto dos cinco parlamentares e agardar para o renovar a que o Congreso e o Senado aprobasen os “suplicatorios”. En todo caso, terá que dar unha resposta motivada á solicitude que lle foi dirixida polo cinco parlamentares detidos. Obviamente, se a solicitude non fose atendida, cabería contra ela, recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional, que, como medida cautelar, tería que ordenar a suspensión do xulgamento até ser resolvido o recurso. A decisión do Tribunal Constitucional, se non estimar o amparo, abriría a porta do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, onde se podería solicitar a adopción dunha medida cautelar nese mesmo sentido.

O segundo asalto, aínda que intúo que o Tribunal Supremo vai tentar impedir (non o vai a conseguir) que Carles Puigdemont adquira a condición de parlamentar europeo, vai ter como protagonistas principais o Parlamento Europeo e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. O embate vai ser de época. Teremos ocasión de velo, por desgraza.

Teño a impresión de que a Xustiza Española se meteu nun beco sen saída ao aceptar que o Goberno de Mariano Rajoy através da Procuradoría Xeral do Estado, ocupada por José Manuel Maza, lle transferise a resposta ao problema da integración de Catalunya no Estado na forma dunha querela por rebelión.

O Presidente do Goberno nunca debeu permitir que o Procurador Xeral fixese o que fixo. Mais nin a Audiencia Nacional primeiro nin o Tribunal Supremo despois deberon admitir que eran o xuíz ordinario predeterminado pola lei para resolver o problema tal como lles foi exposto. Ao non o faceren así, a Xustiza Española introduciuse nun labirinto, en que topa con dilemas insolubeis. A Política ten a súa lóxica e o Dereito a súa. Entre ambas hai unha fronteira, quer dicir, contacto, mais, sobretodo, separación. Coa lóxica dun proceso penal non se pode dar resposta a un problema de natureza tan política como é o da integración dunha “nacionalidade” dentro dun Estado.

Os tribunais de xustiza serven para o que serven e non serven para o que non serven. Pretender que sirvan para o que non serven, que é o que fixeron Mariano Rajoy e José Manuel Maza, e aceptar que un serve para o que non serve, que é o que fixeron a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo, conduce inexorabelmente á catástrofe.

Javier Pérez Royo

eldiaro.es