O avogado Gonzalo Boye foi posto en liberdade sen medidas cautelares de ningún tipo pola xuíza da Audiencia Nacional María Tardón, após unha declaración duns vinte minutos. A Fiscalía, apesar de todo o balbordo producido na pasada segunda-feira, pedía apenas unhas cautelares de comparecencia no xulgado os días 1 e 15 de cada mes que a xuíza non aceptou.

 

Resultado de imaxes para gonzalo boye

 

Aínda que a duración das noticias nun punto álxido informativo é cada vez menor, vale a pena lembrar cales eran as acusacións -hai tan só 48 horas- e o por que da inspección policial ao seu domicilio e ao seu despacho durante trece horas na pasada segunda-feira: lavado de capitais vinculado ao narcotráfico. Unha acusación grave que, á vista da decisión xudicial, tiña moi pouca consistencia mais que, no entanto, si conseguiu o efecto perseguido: clonar o teléfono de Boye, dispor de acceso ao seu correo electrónico e minar a súa reputación como letrado.

Para os que non o saben, Boye é o avogado do president Carles Puigdemont e de varios exiliados do Govern residentes no estranxeiro e dalgún outro preso político, tamén fóra de España. Un dato sen o cal non se entende a enorme operación policial, que desprende, independentemente do prisma polo cal se vexa, un forte fedor das cloacas. Alguén parece ter pensado e decidido que esa era unha maneira tan boa como calquera outra de atropelar co menor custo posíbel tanto o melindroso e polemista letrado como o president Puigdemont, unha auténtica mosca varexeira para o Estado español. O certo é que a operación policial da segunda-feira non pode ser -48 horas despois- máis ridícula xa que se nos abstraemos da burbulla mediática madrilena unionista, que se move en círculo sobre as súas propias teorías, a condena do relator das Nacións Unidas para a independencia dos maxistrados e avogados non pode ser máis explícita así como o pronunciamento de organismos internacionais de avogados.

É obvio que, en función do uso que acabe por facerse dun material sensíbel obtido, repito, aproveitando a escusa dunha intervención policial por un caso vinculado ao narcotráfico, a situación pode acabar facilitando unha información confidencial avogado-cliente no caso de Puigdemont e doutros presos políticos. Tamén doutros clientes que o letrado tiver. Non debería ser así en ningún caso e máis ainda coa paradoxal situación de liberdade sen cargos de Gonzalo Boye. Mais o certo é que o seu móbil foi clonado e o hipotético uso que poida facerse escapa absolutamente ao seu control. E, por diante, está o inicio da demanda de extradición solicitada polo xuíz Pablo Llarena en nome do reino de España e que se inicia na vindeira terza-feira en Bélxica coas preliminares. Non hai que ser especialmente suspicaz para crer nas coincidencias máis que nos acasos.

O relator especial das Nacións Unidas para a independencia dos maxistrados e avogados, Diego Garcia-Sayán, expresou a súa preocupación polos ataques contra Boye e reclamou que o exercicio da profesión de avogado ten que estar libre de influencias, presións e control político ou gobernamental. O Centro Europeo de Dereitos Constitucionais e Humanos, con sede en Berlín, denunciou a operación ao relator especial da ONU asegurando que a actuación policial estaba baseada nun pretexto falso co obxectivo de desacreditar Boye. Son posicións importantes dunha situación que desbordou as fronteiras españolas. Un motivo máis que suficiente da perplexidade estranxeira cando tentan arrastarte pola lama.

José Antich

El Nacional