As cifras récord de mortes de imigrantes no Mediterráneo á vista dos buques da OTAN que non prestaron o auxilio debido en mar, as mortes de  imigrantes no CIEs do estado español por falta de asistencia sanitaria e as sórdidas condicións destes centros dadas a coñecer por recentes relatorios de asociacións de dereitos humanos así como a envergadura das batidas de perfil racista que leva a cabo a policia española, agora documentada en relatorios de prestixiosos organismos internacionais poñen mais unha vez sobre a mesa a difícil situación en que sobreviven as persoas imigrantes no Reino de España.
A pesar de na Galiza a comunidade imigrante non ser particularmente numerosa, tamén aqui temos notícia con frecuencia de casos de trato discriminatorio, cando non abertamente  racista, en que aparecen implicados axentes policiais ou outros funcionarios públicos. E tamén aqui asistimos a aprobación de medidas legais que restrinxen os direitos deste colectivo en ámbitos tan importantes como o da sanidade pública.
Entrevistamos a Miguel Fernández. Portavoz do Foro Galego da Inmigración.

EsCULcA: O pasado 17 de decembro varios axentes da Policía Local de paisano agrediron un vendedor ambulante na Rua Real da Coruña, un deles foi identificado como o mesmo que protagonizou outras agresións a imigrantes. Como valora o FGI estes incidentes?

Miguel Fernández: O contexto desa acción é unha actuación continuada do concello de A Coruña de persecución, incluindo ameazas, do colectivo africano (senegalés xeralmente)  que se adica a actividade coñecida como top-manta. Ven de atrás e intensificouse co cambio no goberno municipal despois das últimas eleccións. Xa constatamos casos graves de persecución e ameazas a comezos do ano 2011 (tamén coincidindo coa campaña comercial de Nadal). No verán en Agosto, nun contexto de festas locais, houbo unha actuación gravísima, mesmo sacando un policia unha arma de forma intimidatoria, e no pasado mes de decembro, como comentades, houbo unha nova agresión. Salientaríamos dúas cuestións importantes neste tema : unha que o móbil da actuación institucional é claramente racista (os “negros” non son compatibles coa paisaxe urbana do consumo comercial; non é posible soster que se trata de competencia ilegal ou argumentar con desculpas dese tipo); e outra que o colectivo senegalés a través da Asociación Sen Papeis foi quen de autoorganizarse para denunciar pública e xudicialmente estes casos, para procurar alternativas negociadas co propio Concello- sen moito éxito ata o de agora- e, sobre todo, para mobilizar no seu favor unha parte   da sociedade civil da cidade  e tamén aos grupos políticos de esquerdas con representación municipal.

E.: Alén destes casos que se producen no espazo público e onde é difícil evitar que a presenza de testemuñas, ten constancia o Foro doutros casos de tratamento discriminatorio a imigrantes?

M.F.: Ben, está, claro, a cuestión da tarxeta sanitaria que desenvolveremos máis adiante, pero tamén temos constatados casos de comportamentos das forzas de orde público (policías e garda civil); nos colexios e institutos; na atención sanitaria discriminatoria por parte de profesionais dese ámbito; e logo moitos casos no ámbito privado: no alugueiro de vivendas con fianzas indecentes, nas condicións laborais en actividades como o emprego doméstico, etc. En xeral existe unha tendencia favorecida pola situación socio-económica para difundir unha mensaxe discriminatoria cara a este colectivo, que favorece tamén que se manifesten actitudes individuais máis fortemente discriminatorias sen disimulo.

E.: O Reino de España xa recibiu algunha reprimenda do Tribunal Europeo de DD.HH. por autorizar, se non fomentar, que axentes policiais realicen controis de identidade na rúa en base a características étnicas ou raciais. Amnistia Internacional publicou recentemente um relatorio en que documenta o alcance desta práctica ilegal en diversos puntos do Estado. Cal é a situación aqui na Galiza?.

M.F.: Nós temos tamén constatado e denunciado en varias ocasións este feito. Parece incrible que nun contexto onde segundo os propios sindicatos, as forzas de orde pública teñen poucos efectivos e moito traballo na loita contra os delictos que se cometen, nos atopemos con que se destinan recursos e medios a perseguir persoas que polo seu aspecto parezan inmigrantes, para despois ver se teñen ou non documentación para residir legalmente no Territorio Español. Existen aquí tales controis en estacións de autobuses e trens, e noutros espazos públicos como prazas e rúas, centros sanitarios, etc. Por outra parte, as que non teñen documentación para residir legalmente no territorio español son criminalizadas polo simple feito de atoparse nunha situación de irregularidade administrativa, que ademáis a propia Lexislación de estranxeiría impide que se poida subsanar de forma razoable.  Un engadido a isto é o feito de que agora, segundo a percepción do Foro, os procedementos de expulsión tenden a levarse a cabo de forma efectiva en maior medida nos últimos anos.

E.: Como valora o Foro a o feito de o Parlamento galego ter aprobado unha lei (a Lei de acompañamento dos orzamentos do 2011) que introduce restricións á asistencia sanitaria das persoas recén chegadas a Galiza?

M.F.: Parécenos intolerable, porque ademáis é unha medida teledirixida contra o colectivo inmigrante máis feble, por situación de irregularidade administrativa e /ou por seren persoas recén chegadas ou instaladas no país. Ademáis vai dirixida contra outros colectivos (persoas sen teito, mulleres forzadas a prostituírse, etc.) en situación de exclusión social. Supón ademáis, e para nós isto é gravísimo,  limitar temporalmente un dereito fundamental das persoas. Dirixido contra un colectivo socialmente pouco relevante pasa máis  desapercibido, pero está claro que é o comezo dun camiño que se non somos quen de frear, levará a unha limitación progresiva de dereitos tan vitais como este, e que rematará por afectarnos a todos e todas. Logo, hai un tema fundamental, esta limitación que implica o compromiso de pagamento no caso de ter que ser atendid@s nos servizos de urxencia, vai provocar, esta á provocar xa,  que as persoas afectadas por esa situación  renuncien a acudir ao sistema, co perigoso que resulta iso, ou que tenten usar, tamén é moi perigoso, identidades falsas de persoas que teñen tarxeta sanitaria para accederen a eses servizos.

E.: Que medidas deberían tomar os poderes públicos para evitar esta deriva que pode acabar facendo da persoa imigrante o bode expiatorio dunha situación económica difícil.

M.F.: Existe xa un marco lexislativo discriminatorio cara ao colectivo migrante,consecuencia da propia Lei de Estranxeiría, que naturalmente habería que cambiar, pero ademáis ou polo menos, se non cambian a lexislación discriminatoria que temos, os poderes público deberían evitar actuacións como os controis policiais, ou o incoamento de expedientes de expulsión a persoas polo mero feito de estaren en situación de irregularidade administrativa; ou propostas como o retorno voluntario, que estimula a visión das persoas migrantes como mera forza de traballo que debe marchar en tempos de crise; ou medidas como a da Xunta no tema da tarxeta sanitaria que remiten ao conxunto da poboación a idea falsa e tendenciosa de que as persoas migrantes provocan gastos sanitarios importantes.
Isto sería o que non deberían facer e nembargantes están a facer; e o que deberían facer sería  tratar que máis alá das limitacións de dereitos da Lei de Estranxeiría, no resto das administracións públicas, e polo tanto no acceso ao resto de servizos públicos,  non existisen criterios e actuacións discriminatorias. Un exemplo: a nova Lei de Inclusión Social que vai ir ao Parlamento Galego en breve impide as persoas en situación de irregularidade administrativa o acceso á RISGA. Non tiña porque. En xeral gústanos no Foro transmitir a idea de que todos e todas residentes na Galiza somos veciñ@s e que entre todos e todas debemos tentar saír adiante neste contexto de Crise: Ninguén sobra nunha crise; ao revés as máns e as cabezas de todos e todas son imprescindibles.