A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de coñecer pola prensa a existencia de nova documentación relacionada co proxecto mineiro de Corcoesto, documentación que, segundo as novas publicadas, o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, cualifica como “moi importante”.

 

Dadas as graves consecuencias ambientais e para a saúde pública que se derivan da posta en marcha deste proxecto, desde a Plataforma esixen que a transparencia en torno ao mesmo sexa máxima.

Nesa liña, piden á Consellería de Industria que, nun exercicio de transparencia, faga pública esa información e toda a relacionada co proxecto na web da Consellería, facéndoa así accesible a tódalas persoas que queiran consultala. Entendemos que non hai ningún motivo que xustifique que se furte información tan importante ao público en xeral.

Esiximos tamén que se faga pública a información relacionada coa xustificación das cantidades de ouro existentes baixo o solo de Corcoesto.

A presentación por contagotas de documentación relacionada co proxecto, en lugar de que esa documentación se achegue toda ela no momento de poñer este a exposición pública, parécenos totalmente irregular e destinada a ocultar información relevante ao público en xeral, de modo que o proceso de participación pública queda totalmente desvirtuado.

Na medida en que se teñan en conta datos aportados pola empresa moito despois da exposición pública do proxecto, esiximos tamén que desde as distintas Consellerías involucradas se tome en consideración así mesmo o último informe asinado polos edafólogos David Rubinos, Rosa Devesa-Rey, Francisco Díaz-Fierros e Teresa Barral, en torno á falta de rigor da metodoloxía utilizada pola empresa para os seus estudios de lixiviación. Este estudo alerta sobre as posibles consecuencias para a saúde pública da poboación da comarca, derivadas dunha mobilización do arsénico que iría moito máis aló das cifras achegadas pola empresa.

Desde a Plataforma esixen ao goberno da Xunta que tome a única decisión que se pode tomar tendo en conta os elevadísimos riscos que este proxecto representa para o territorio, as augas, a biodiversidade e a saúde pública: rexeitalo.

Diante da información aparecida onte na prensa, na que se recollía en moitos medios a cifra de 4.000 toneladas de residuos de escombros, queren tamén facer unha aclaración ao respecto, e recordar que só cos residuos procedentes do mineral tratado xa se acada a cifra de 17 millóns de toneladas. O total, incluíndo os estériles de mina das escombreiras, a cifra ascende a 207.154.182 toneladas, tal e como se recolle na páxina 103 do proxecto de explotación.

Mais información aquí.