Os máis de 80.000 axentes que integran o Instituto Armado poden aspirar a integrar a delegación, mais será o coronel capelán xefe do Servizo Relixioso da Garda Civil e o capelán do Colexio de Gardas Novos quen realice a selección daqueles que estean "motivados polo aspecto relixioso da peregrinación", segundo consta nunha instrución interna asinada polo tenente coronel interino do Servizo de Acción Social, Fernando Gutiérrez Vargas. O capelán do Colexio de Gardas Novos tamén viaxará a Lourdes.

A expedición a Lourdes, do 14 ao 18 de maio, estará formada por un oficial, un suboficial e dez cabos ou gardas, que formarán o que a Garda Civil denomina "Agrupación de Peregrinos". Á fronte, irá unha Comisión Delegada que formarán dous oficiais. Todos eles poderán reclamar os "devengos extraordinarios" por transporte, aloxamento e manutención, aínda que deberán pagar por estes conceptos previamente. A convocatoria está autorizada polo director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa.

Na instrución, márcase a uniformidade coa que os axentes deberán asistir aos actos relixiosos e indícase que os axentes partirán do Colexio de Gardas Novos de Valdemoro cara a Zaragoza en vehículo oficial. Alí uniranse aos militares españois que participarán na 56 Peregrinación Militar Internacional a Lourdes. Antes de partir, todos participarán nunha misa na Basílica do Pilar.

Máis información aquí.