Hai pouco máis dun ano publicabamos o libro La radicalización del racismo. Islamofobia de Estado y prevención antiterrorista (Cambalache, 2019) coa intención de denunciar o racismo de Estado que se reproduce através das políticas de ‘prevención do extremismo violento’.

 

 

Columna Nornilandia: "¡PROHIBIDO LEER!"

 

No libro preséntase o caso de Mohamed Achraf como unha mostra paradigmática da maquinaria que o Estado pon a disposición do racismo institucionalizado. Após a publicación do libro, enviamos un exemplar a Mohamed á prisión da Lama (Pontevedra) para que puidese coñecer como relatáramos o seu caso. Contodo, Institucións Penitenciarias negouse a entregarllo e, hai unhas semanas, a Audiencia Nacional ratificou a decisión de reter o libro ‘por motivos de seguranza’.

O auto xustifica a prohibición alegando “que nas páxinas 113 a 115 reprodúcense os indicadores que se poden achar no Instrumento de avaliación de risco de radicalismo violento”. Segundo a Audiencia Nacional, e apesar de o Protocolo Marco de prevención de la radicalización en cárceles ser público, non o é o ‘Instrumento de traballo’. Contodo, nós encontramos este documento na páxina do Senado. De feito, ainda hoxe está disponíbel, de libre acceso, en internet.

O auto xudicial tamén di que o coñecemento destes indicadores por parte de Mohamed suporía a posibilidade de que o “propio interno adaptase artificialmente a súa conduta aos diferentes parámetros xerais de estudo e seguimento, evadindo as actividades de observación, intervención e/ou tratamento prisional no seu caso”. Ao ter acceso a eses indicadores, persoas que Institucións Penitenciarias considera en posíbel proceso de radicalización, poderían “burlar ou distorsionar a valoración polos profesionais sobre o grao de radicalización e da evolución prisional do interno, así como prexudicar a eficacia do tratamento penitenciario”.

 

Os mecanismos de detección de radicalización non son máis que unha maneira de sofisticar o racismo islamófobo do funcionariado de cárceres, lexitimado e amparado por toda a maquinaria política, xudicial e mediática de criminalización das persoas musulmás, e moi especialmente dos homes musulmáns.

 

Contodo, no noso libro argumentamos que, tal e como o propio Mohamed denunciou, eses mecanismos de detección non son máis que unha maneira de sofisticar o racismo islamófobo do funcionariado de cárceres, lexitimado e amparado por toda a maquinaria política, xudicial e mediática de criminalización das persoas musulmás, e moi especialmente dos homes musulmáns.

Mohamed non necesita ler a lista de indicadores para saber que actitudes súas son consideradas ‘signos de radicalización’. Entre outras razóns, porque está encarcerado sob a lei anti-terrorista. Portanto, desde o primeiro día que entrou en prisión foi considerado ‘radical’ por parte de Institucións Penitenciarias, a Audiencia Nacional, a policía e todos os axentes da orde deste país. Mohamed foi condenado a catorce anos de prisión en base a probas que el afirma foron manufacturadas e declaracións de testemuñas protexidas (que finalmente confesaron teren sido manipuladas pola policía) no cadro dunha montaxe que se chamou ‘Operación Nova’.

A finais do ano 2018, unha vez cumprida a súa condena, e sen chegar a pisar a rúa, foi retido no cárcere acusado outra vez do delito de ‘captación’. Desde entón, continúa encerrado en prisión preventiva. Estça en réxime de isolamento desde que entrou no cárcere no ano 2004 e toda a súa comunicación, tanto escrita como oral, está suxeita a vixilancia. Quer dicir, Mohamed está só na cela, sae ao patio catro horas ao día, con dúas persoas como máximo, e non pode comunicarse con ninguén sen que Institucións Penitenciarias lea ou escoite o que se di nesas comunicacións. Isto é así na súa vida desde hai dezaseis anos. E, contodo, agora é acusado de ser unha especie de ‘grande doutrinador’ dentro dos cárceres do Estado. Mais, como puido realizar as súas supostas funcións de captación ao mesmo tempo que sufría esta extrema vixilancia? E, sendo o caso, por que, se se dedicaba a ‘captar adeptos’, foi transferido até en doce ocasións, de cárcere en cárcere, por decisión da Secretaría Xeral de Prisións… Nada se sostén e, contodo, este sistema manteno encerrado.

 

No seu texto ‘Unha alegación desde o cárcere contra o Protocolo Antiyihadista en prisións’ Mohamed expresa a crueldade do réxime carcerario para os presos musulmáns en xeral e, en particular, para aos cualificados como radicais

 

O mesmo Mohamed explicou en varias ocasións na plataforma dixital de Tokata os castigos que lle son inflixidos no cárcere. No seu texto ‘Unha alegación desde o cárcere contra o Protocolo Antiyihadista en prisións’ expresa, con moita máis clareza e contundencia que o noso libro, a crueldade do réxime carcelario para os presos musulmáns en xeral e, en particular, para os cualificados como radicais e sometidos aos Ficheiros Internos de Especial Seguimento (FIES).

“O programa falso de antiradicalismo pretende criminalizar os presos comúns musulmáns que practican o seu culto ás veces e son considerados radicais.”

“O falso programa busca colocar medallas, galóns e méritos enganándose a si propio e enganando a sociedade porque as persoas que meten no programa nin son radicais nin nada e os que se apuntan é por saír dunha situación prisional peor (isolamento, FIES, represalias…) a outra menos mala. Igual que os islamitas condenados por terrorismo que asinaron unha conformidade, que non o fan porque sexan culpabeis senón para evitar unha condena maior, porque de todas as maneiras serán condenados porque son musulmáns practicantes”.

Os indicadores que a Audiencia Nacional quer ocultar non son máis que a sistematización dunha serie de construcións islamófobas que circulan no imaxinario social dominante. Estas ideas sobre o islam e as persoas musulmás constitúen e activan o racismo institucional através de, por exemplo, o facer do funcionariado (profesorado, técnicos e burócratas, policías, xuíces e a clase política). As coordenadas que se establecen mediante estes indicadores dan luz verde á execución de medidas policiais, xudiciais e penais que se disfarzan de cientificismo e verdade.

‘A seguranza’ converteuse cada vez máis nun subterfuxio para defender políticas e medidas descaradamente autoritarias e nun mecanismo de xustificación da violencia do Estado, cuxas vítimas racializadas fican sempre na penumbra. “Por motivos de seguranza…”, repeten unha e outra vez. Mais, de que seguranza estamos a falar? Quen protexe e quen non?

 

A razón da existencia dos protocolos de prevención non está na vontade do Estado de facer frente á ‘ameaza terrorista’; ben ao contrario, trátase de ‘dar sentido’ a unha política interior que vén servíndose da retórica da migración, o islam e o terrorismo para conseguir rédito político

 

No libro sostemos ‘através dunha serie de argumentos que non nos é posíbel desenvolver nun artigo breve como este’ que a razón da existencia dos protocolos de prevención non está na vontade do Estado de ‘prevenir’, nin na de facer frente á ‘radicalización’ e á ‘ameaza terrorista’; pola contra, trátase de ‘dar sentido’ a unha política interior que vén servíndose da retórica da migración, o islam e o terrorismo para conseguir rédito político, desviando a atención dos problemas socio-económicos latentes; entre outros, o acceso á vivenda, o traballo, a saúde ou a educación. Entretanto a extrema dereita fai o mesmo de forma descarada e abertamente racista, o resto de faccións políticas caracterízanse polo seu silencio ou a súa ambigüidade en relación coas cuestións que incumben ao racismo en xeral e, en particular, á política anti-terrorista como unha das formas en que ese racismo se institucionaliza.

Na radicalización do racismo tratamos de explicar que este desenvolvemento de medidas é posíbel e ‘adquire sentido’ en tanto que se alimenta de -e reproduce- a deshumanización histórica, sistemática e institucionalizada das persoas musulmás. Quer dicir, é o racismo o que facilita a xustificación e o consenso social necesario para a naturalización do desenvolvemento de violencias estatais en chave racial.

Para concluír este texto, queremos destacar que Mohamed realiza un labor incansábel desde prisión, presentando recursos ante todos os agravos a que foi sometido nos diferentes cárceres durante estes longos anos de privación de liberdade. Así o fixo tamén neste caso: recorreu a decisión da Audiencia Nacional alegando que o seu dereito á información está a ser gravemente vulnerado e, que, portanto, reivindica o seu dereito a que o libro lle sexa entregado.

Ainhoa Nadia Douhaibi – Salma Amazian

El Salto Diario