A Procuradoría de Zaragoza abriu dilixencias para investigar se a enxurrada de baixas no persoal de funcionarios do cárcere de Zuera foi en realidade unha greve encuberta e se as ausencias do persoal, que chegaron a ultrapasar a vintena de lugares nalgunha xornada, chegaron a por en risco a seguranza no centro penitenciario e son, portanto, constitutivas de delito.

 

 

A situación foi denunciada a finais de decembro pola dirección do penal, o mesmo que aconteceu noutros once centros de todo o Reino de España dependentes do Ministerio do Interior.

As baixas concentráronse entre o 15 e o 23 de decembro, coincidindo coa campaña de movilizacións do pasado outono dos funcionarios de prisións, que reclaman mellores condicións salariais e de traballo. En ocasións chegaron a ultrapasar as vinte, con máis dunha decena por xornada que se encadeaban coas de días anteriores, e en moitos casos tratábase de ausencias sen xustificante de baixa por non ser necesario ao teren menos de tres días de duración. Ultrapasaron o medio centenar no seu conxunto.

De resultar fraudulentas as ausencias, os funcionarios estarían nunha situación similar á dos controladores aéreos que participaron nos protestos de 2010 ( ), inicialmente acusados de sedición nuns procesos penais que foron diluíndose entre acordos con retiradas de cargos e condenas por abandono de destino, delito castigado con multas de até doce meses (de 730 a 108.000 euros).

Jesús Otín, delegado sindical de UGT no penal, nega que o groso das baixas carecese de prescripción médica. “Houbo compañeiros que puideron sufrir unha indisposición e faltar un día ou dous sen ir ao médico, mais foron casos isolados e puntuais. E é algo que contempla a lei”, sinala.

“Levamos tempo denunciando a falta de recursos humanos no centro penitenciario”, indica. “É un traballo con estrés, e coa falta de persoal acentúase, e iso ten consecuencias na saúde. A partir de aí, houbo traballadores que foron ao médico e este deulles a baixa”, engade.

Denuncian desatención ás persoas presas
Antes, durante a folga do 15 ao 18 de novembro producíronse, segundo ALAZ (Asociación Libre de Avogados de Zaragoza) e CAMPA (Colectivo de Axuda a Mulleres Presas de Aragón) unha serie de episodios de desatención a presos que a primeira desas entidades denunciou ante o Defensor do Pueblo, competente para investigar os feitos ao tratarse dun servizo da Administración central.

A queixa de ALAZ ao Defensor do Pueblo indica que o 17 de novembro, sábado, varios presos non recibiron a medicación prescrita ao reducirse o reparto de fármacos por falta de funcionarios, mentres que noutros casos non puideron manter as visitas e encontros con familiares que tiñan concertados ante a escaseza de persoal para os xerir.

“E se a familia non pode voltar pagar unha viaxe até dentro de dous meses?”, sinalan fontes de CAMPA, que anotan que “as persoas presas viven nun vacuo de dereitos e de coidados e, nestes momentos, négaselles un deles e, talvez, dos máis importantes: a comunicación co exterior e o contacto coas súas redes de apoio”.

Paralelamente, a queixa indica que os presos que están en réxime de isolamento chegaron a non pisar o patio durante dous días nos tramos de dúas horas que permite o regulamento penitenciario, periodos que pasaron en salas comúns dentro dos módulos.

“O Estado debe garantir os dereitos das persoas presas”
Fontes de Institucións Penitenciarias admiten que o reparto de medicamentos atrasouse mais aseguran que finalmente foi completado, encanto as comunicacións foron suspendidas na súa totalidade pola mañá, xa fose porque o conxestionamento que xeraron os piquetes impediu a chegada dos familiares ou por falta de persoal para os xerir.

De feito, a presenza dos piquetes impediu acceder ao centro a maioría dos traballadores que debían incorporarse á quenda matinal, o que obrigou aos da quenda de noite, máis escaso, a dobrar. Iso atrasou tanto os almorzos dos internos como a propia abertura de celas, que nalgúns módulos tivo de ser adiada até as 13:00 horas.

As mesmas fontes explicaron que os presos en réxime de isolamento, que só deixan as celas dúas horas ao día, puideron optar entre ficar nas salas ou saír aos patios.

“O Estado debe garantir os dereitos das persoas presas, que únicamente foron privadas da liberdade deambulatoria”, indican fontes de ALAZ, que consideran que “había servizos mínimos mais eran insuficientes, e máis nun cárcere como a de Zuera, onde normalmente xa hai pouco persoal”.

“A folga respondía a unha convocatoria legal”
De feito, episodios como a fuga do atracador Benito Ortiz a finais de agosto, cando era conducido nunha ambulancia despois dunha saída ao hospital, puxeron en evidencia as carencias da prisión, construída para custodiar 1.008 presos mais cuxa poboación adoita oscilar entre os 1.300 e os 1.500.

Otín, pola súa banda, remarca que “a xornada de greve respondía a unha convocatoria legal e a administración prisional marcou uns servizos mínimos que nós consideramos abusivos”.

“Existiron afecciones na vida do cárcere, obviamente”, apunta, “mais cumpríronse os servizos mínimos e tentouse atender todos os servizos cando se abriron as celas”.

Público