A sala de apelacións da Audiencia Nacional española revisará os días 23 e 24 de xaneiro a sentenza do caso de Altsasu, que condena oito xovens da vila, despois dunha briga con axentes da Garda Civil fora de servizo. Os xornalistas Aritz Intxusta e Aitor Agirrezabal analisan en chave crítica o papel que o poder político, mediático e xudiciario xogaron na hora de xerar un relato dos feitos vinculado á etiqueta “terrorismo”.

 

 

“Un abrazo y todo nuestro ánimo a la @guardiacivil de Alsasua tras la brutal agresión sufrida por dos de sus miembros. No habrá impunidad. MR”. Este chío feito o 16 de outubro de 2016 polo que na altura era presidente do goberno español, Mariano Rajoy, xa deixaba entrever que o caso de Altsasu non tería un tratamento calquera. Ao cabo de poucas horas, esta vila navarra de 7.500 habitantes abría todos os noticiarios e convertíase no prato estrela dos magazins matinais.

Os grandes medios de ámbito estatal logo comezaron a utilizar termos como ‘emboscada’ para se referir a unha briga nun bar en que estaban implicados dous axentes da Garda Civil fora de servizo coas súas respectivas parellas. Máis tarde, e apesar de os encausados teren acudido a declarar voluntariamente aos xulgados de Iruña, púxose en marcha unha espectacular operación policial para levar a cabo as detencións. “A prensa construiu unha especie de Sant Esteve de les Roures do odio, coa diferenza de que a vila realmente existía: era Altsasu”, explica o xornailsta Aritz Inxusta (1982), co-autor con Aitor Agirrezabal (1988) de Altsasu. El caso Alsasua (Txalaparta).

 

O libro tamén recolle as reflexións de nais e pais das persoas encausadas e, por vez primeira, divulga publicamente a súa voz (através de cartas e visitas aos centros prisionais).

 

A obra deita luz e pon taquígrafos a un relato oficial cheo de vieses – que contrasta coa cobertura da prensa internacional-, mostra o dedo acusador do Colectivo de Vítimas do Terrorismo no País Basco (COVITE) e analisa a entrada en escena da xuíza Carmen Lamela: condecorada pola Policía Nacional española e a Garda Civil, é coñecida por ditaminar o encarceramento dos Jordis, Oriol Junqueras e os consellers do goberno catalá, e foi a instrutora do caso Straight Edge contra xovens anarquistas de Madrid. Aliás, o libro tamén recolle as reflexións dos familiares das persoas encausadas e, por vez primeira, divulga publicamente a súa voz (através de cartas e visitas aos centros prisionais).


Etiquetados

A sentenza do caso -emitida en xuño de 2018- condenou oito xovens a penas de entre 2 e 13 anos por atentado contra a autoridade, lesións e desordes públicas, e absolveunos de terrorismo. A efectos prácticos, no entanto, as consecuencias son as mesmas: tres dos oito xovens foron condenados –Jokin Unamuno, Adur Ramírez de Alda e Oihan Arnanz– e hai máis de dous anos que están privados de liberdade, coñeceron a politica de dispersión e pasaron por celas de isolamento, a prisión dentro da prisión.

Tanto a acusación como a defensa recorreron a sentenza e agora, o 23 e 24 de xaneiro, terá lugar a vista na sala de apelacións da Audiencia Nacional en que, a petición da defensa, comparecerán oito testemuñas que estaban no bar Koxka na noite dos feitos mais que non declararon no xuízo. Embora a plataforma de familiares Altsasu Gurasoak deixou claro en diversas ocasións que non espera ningún xesto favorábel do tribunal, continuará a loitar por desterrar definitivamente a etiqueta de “terrorismo”.

 

La Guàrdia Civil durant l’operació de detencions dels joves d’Altsasu

 

Xuridicamente, outro dos puntos sensíbeis que analisa o libro e que será posto sobre a mesa é a aplicación do agravante de discriminación vinculado ao delito de atentado contra a autoridade. Quer dicir, virar o sentido orixinal do delito de discriminación -pensado para casos de agresións racistas ou que afectan os dereitos LGTBI, por exemplo- e concebir os corpos policiais como un colectivo suxeito a especial protección.


Do Koxka á Audiencia Nacional

Que pasou para que aquela briga fose o único atentado contra a autoridade dos 9.571 rexistrados no 2016 no Estado español que acabase sendo xulgado lonxe da súa xurisdición natural e contra o criterio inicial da audiencia de Nafarroa? A obra debulla o carácter de excepcionalidade que envolveu a instrución da causa e as manobras da Audiencia Nacional para asumir as competencias despois da denuncia interposta por COVITE. “Para esta entidade, que o Tribunal Supremo avalase que os feitos de Altsasu podian constituir un delito de terrorismo e pasasen a ser xulgados en Madrid foi unha vitoria”, explica Intxusta. “Ainda que ETA xa non está no tabuleiro de xogo, hai actores a quen interesa continuar mantendo o discurso da violencia do conflito vasco. É mais, en Nafarroa a presenza da Garda Civil está máis cuestionada e sobredimensionada que nunca”, acrecenta Agirrezabal. Por todo iso, este caso acaba convertido nunha cuestón de Estado que afecta un dos seus corpos policiais máis representativos.

 

Que pasou para que aquela briga fose o único atentado contra a autoridade dos 9.571 rexistrados no 2016 no Estado español que acabase sendo xulgado lonxe da súa xurisdición natural e contra o criterio inicial da audiencia de Nafarroa?

 

Os autores documentan a falta de garantías procesuais que denunciou a defensa e o interese mediático que suscitou, que chegou mesmo a ultrapasar o do caso Bateragune contra a dirección da esquerda abertzale hai unha década. En palabras de Intxusta, “é un proceso que vai moi ben ao PSOE e ao PP para crearen ‘Marca España’, resucitar o vello inimigo do norte e loubar a unidade do constitucionalismo, e máis ainda despois do que acontece na Catalunya co independentismo. Un inimigo maldoso sempre ten un efecto aglutinador”.


O espello exterior

A celebración do xulgamento, coa chegada de prensa internacional e organismos de dereitos humanos, supuxo un desafío para o discurso único dos grandes media españóis. Xornais anglosaxónicos como The Guardian ou Financial Times -nada sospeitosos de seren alto-falante da esquerda transformadora- interesáronse e publicaron crónicas en que se falaba de penas desproporcionadas e se dubidaba da independencia do poder xudiciario. Tamén tiveron en conta a voz dos familiares, un pormenor que ningún grande medio español tomara o traballo de facer. “Foi moi interesante analisar o papel que xogaron os media. Ao tempo que o Diario de Navarra, xornal tradicional da dereita navarra, facía unha cobertura dos feitos que poderíamos considerar neutral, os grandes xornais estatais só divulgaban fontes policiais e gobernamentais”, explica Agirrezabal.

 

 

 

“Crearan a súa propia ficción e en lugar de corrixir a versión publicada dos feitos preferiron crer que decenas de millares de persoas solidarias tolearan. De feito, no devalar da etiqueta de ‘terroristas’, a procuradoría e numerosos tertulianos e líderes de opinión chegaron a xerar ‘A manada de Altsasu’, e tentaron pendurarlles outra etiqueta: a de violadores“.

O eco no exterior viuse amplificado por unha carta do vice-presidente da Comisión Europea e máximo responsábel en asuntos xurídicos, o social-democrata Frans Timmermans, en que mencionaba, entre outros factores, que debía ser respectado o dereito a un xuizo xusto. Contodo, Intxusta constata que episodios como este non xeraron fisuras na liña editorial dos grandes media: “Crearan a súa propia ficción e en lugar de corrixir a versión publicada dos feitos preferiron crer que decenas de millares de persoas solidarias tolearan. De feito, no devalar da etiqueta de ‘terroristas’, a procuradoría e numerosos tertulianos e líderes de opinión chegaron a xerar  ‘A manada de Altsasu’, na tentativa de lles pendurar outra etiqueta: a de violadores”.

 

“Todo é ETA” sen ETA

Sobre o caso de Altsasu tamén influiu a sombra da reforma do código penal de 2015, cunha nova definición de terrorismo concebida para incluir o fenómeno do jihadismo ou as accións dos chamados ‘lobos solitarios’. Un dos seus efectos colaterais é que abre a porta das traseiras para actuar contra todo tipo de activismo, co tratamento mediático que comporta o feito de ser tachado de sospeitoso deste delito. De feito, trátase dun esquema semellante ao aplicado a uns mozos de Errenteria (Gipuzkoa), coa intervención do procurador José Perlas, o mesmo do proceso de Altsasu. Finalmente os Catro de Orereta foron absolvidos de xerar “desordes terroristas”, mais foron condenados a dous anos de cárcere despois dunha manifestación anti-represiva en Iruña en marzo de 2017.

Para este tipo de argumentacións volta a surxir a vella doutrina do “todo é ETA”, apesar de haber xa oito anos que a organización puxo fin á loita armada. Polo que di respecto a Altsasu, a procuradoría baseouse nun dossier sobre a campaña de Alde Hemendik (“fora de aquí”, que reclama a saída de militares e policía española do país) e que gañou raices no val da Sakana, un dos territorios de Europa con maior presenza policial por habitante. Neste sentido, o libro aporta apuntamentos de memoria histórica para contextualizar o papel xogado pola Garda Civil na zona. Así, cítanse figuras como Emilio Iguzkiza, obreiro morto a tiros pola Garda civil no 1934 en Altsasu, ou Mikel Arregi, cooperativista e alcalde de Herri Batasuna na localidade veciña de Lakuntxa baleado polo mesmo corpo policial no ano 1979.


O factor solidario

Unha vertente do proceso que non podemos obviar é a xeración dunha grande vaga de solidariedade, con centenares de actos de apoio para denunciar a montaxe policial e algúns momentos esenciais, como a manifestación masiva de xuño de 2018 en Iruña. Para os autores do libro, o movemento de apoio articulado através da plataforma de pais e nais Altsasu Gurasoak non ten precedentes pola súa transversalidade e presenta algúns elementos novos a respecto do pasado recente de Euskal Herria na hora de afrontar a represión. “Sempre houbo unha solidariedade latente cara á esquerda abertzale despois dos abusos do Estado, mais había persoas que non partillaban esta argumentación tan politica sobre os métodos de loita que se empregaban. Neste caso, é a primeira vez que, dalgunha maneira, se asume parte da culpa. Quer dicir, o Estado topou cun grupo de pais e nais que dixeron estar dispostos a que os seus fillos paguen polo que teñan podido facer nunha briga de bar, mais máis nada. E que todo o resto é unha invención e un castigo complementar”, reflecta Intxusta.

 

O resultado de todo este exercicio é unha crónica compacta que exerce de contrapunto rigoroso ao relato dos feitos cociñado nas redaccións de grandes media

 

Os autores, vinculados ao xornal Gara e ao dixital Naiz apoiánse nunha grande variedade de fontes e aplican a máxima que di que a tarefa dos xornalistas comeza onde acaba a da policía e há de incomodar o poder, con referentes como o traballo de pesquisa desenvolvido por Pepe Rei no xornal Egin e a revista Ardi Beltza. Quer dicir, a antítese do xornalismo que se move cómodo polos corredores dos xulgados e os gabinetes policiais. O resultado de todo este exercicio é unha crónica compacta que exerce de contrapunto rigoroso ao relato dos feitos cociñado nas redaccións de grandes media como El Mundo, El País ou La Sexta. “Non convenceremos toda a xente porque xa sabemos que a verdade xornalística depende de quen a escriba mais creo que a tese do libro é difícil de deitar por terra”, apunta Intxusta. Os autores poñen de manifesto como, en casos determinados, os grandes grupos mediáticos son capaces de fechar filas e converterse en auténticas maquinarias de guerra ao servizo da xudicatura e os intereses do estado.

 

Carles Masià | @chmasia

Directa