A recente detención do president Puigdemont en Italia serviu para, entre outras moitas cousas, pór de manifesto algo que xa intuíamos mais que non podiamos demostrar: máis unha vez, enganouse e actuouse de maneira desleal a respecto das institucións europeas coa finalidade de encarcerar o líder do independentismo catalán.

 

Detienen a Carles Puigdemont en Cerdeña por la orden de busca y captura del Tribunal Supremo

 

Gonzalo Boye

Non é a primeira vez que, vulnerando o principio de confianza mutua que rexe as relacións dentro da Unión Europea, este tipo de manobras se evidencia ao longo destes xa catro anos de persecución, mais, sen dúbida, nunca se fora tan lonxe nin o engano tivera as severas consecuencias que terá o actualmente evidenciado.

Un simples percorrido polo devir procesual desta caza demostra que se hai algo que estivo ausente do procedemento é a boa fe.

En novembro de 2017 foi remitida a Bélxica unha orde europea de detención (OED) en que subrepticiamente se marcaba a casa de ‘corrupción’ para, dese xeito, levar o procedemento por unha vía acelerada e automática que privase os líderes independentistas dunha serie de dereitos.

En marzo de 2018 foi remitida a Alemaña unha nova OED que incluía o auto de procesamento ditado na causa do procés omitindo, na tradución, algúns parágrafos que poderían comprometer, por acreditar a falta de imparcialidade do Instrutor, a entrega.

En 2019, cando foi cursada a prexudicial a respecto de Oriol Junqueras acordouse a mesma na denominada ‘peza de situación persoal’ en lugar de facerse no procedemento principal e, por iso, en canto a mesma era tramitada perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) continuouse co procedemento, despois coas deliberacións, e procedeuse a ditar sentenza condenatoria o 14 de outubro dese ano sen agardar a resposta do TXUE, privándoo, dese xeito, dos seus dereitos e prerrogativas como eurodeputado.

En outubro de 2019, cando foi cursada a terceira OED en contra do President Puigdemont, omitiuse calquera referencia ao innegábel feito de que en maio dese ano obtivera o seu escano como eurodeputado, que foi proclamado como tal en xuño do mesmo ano e, portanto, que gozaba de inmunidade; o mesmo se fixo o 5 de novembro de 2019 cando se cursou a OED en contra de Toni Comín e Clara Ponsatí.

Agora, cando se descubriu o engano búscanse explicacións que serven para acreditar o que vimos alegando nestes catro anos de defensa do exilio: esta é unha persecución política impropia e incompatíbel cun Estado democrático e de dereito.

As omisións, ocultacións, medias verdades e xogos de palabras foron unha constante ao longo de toda esta persecución que dista moito de ser conforme a dereito, mais nesta ocasión seguramente se foi lonxe demais. Explicareime.

Cando demandamos o Parlamento Europeo, ante o Tribunal Xeral (TXUE), pola decisión de levantar a inmunidade aos tres deputados independentistas expuxemos, igualmente, a necesidade de se adoptar unha medida cautelarísima a fin de garantirlles os seus dereitos en tanto se resolve esa demanda.

Inicialmente, déusenos a razón e, após as alegacións presentadas polo propio Parlamento e, nomeadamente, polo Reino de España, o TXUE entendeu que non era necesaria medida cautelar algunha porque as OED non eran executabeis xa que foran ditadas nun procedemento que está suspendido desde o mesmo momento en que o propio xuíz reclamante expuxera unhas cuestións prexudiciais ante o TXUE.

Os argumentos do Reino de España eran claros e foron asumidos polo TXUE; nós, como defensa dos eurodeputados, entendemos que, de seren certos os mesmos, era correcto deixar sen efecto as medidas cautelares adoptadas un mes antes e, portanto, non recorremos a resolución do 30 de xullo en que, alén do mais, se nos deixaba aberta a porta a expor novas medidas cautelares caso se acreditar calquera risco á liberdade de circulación dos políticos cataláns.

Nin o TXUE nin o Parlamento podían imaxinar que estábamos a ser vítimas dun engano; nós, que si o imaxinábamos, non tíñamos como acreditalo polo que a cousa ficou tal cal resolveu o TXUE en xullo e así se mantivo de non ser pola ansiedade de persoas pouco dadas a tratar a nivel internacional e moi marcadas pola obsesión que lles xerou o president Puigdemont.

Agora, cando se descubriu o engano búscanse explicacións que, por momentos, van parecendo máis e máis disparatadas mais que serven para acreditar -xa nunha viaxe sen retorno- o que vimos alegando nestes catro anos de defensa do exilio: esta é unha persecución política impropia e incompatibel cun Estado democrático e de dereito.

A principal coartada a que agora recorre consiste en alegar que a culpa é da Avogacía do Estado e que este órgao representa o Goberno e non o Tribunal Supremo e, portanto, o Supremo nunca puido enganar o TXUE.

Saiban vostedes que iso é falso e un grave atentado aos máis básicos principios de dereito internacional e dereito da Unión.

Os Estados só teñen unha voz, quer dicir cada Estado conta cunha única representación que, no caso do Reino de España é exercida pola Avogacía do Estado. Uso este termo porque é o nome oficial do Estado español.

A representación dun Estado ante os órgaos xurisdiccionais internacionais realízase através do que se denomina ‘axente’ -que é o nome técnico desa figura- e ese ‘axente’ representa, neste caso, o REINO DE ESPAÑA non o Goberno nin o Tribunal Supremo senón o REINO DE ESPAÑA que é quen ten a legitimación para ser parte nestes procesos.

O engano non xurdiu da ‘axente’ do Reino de España senón de quen induciu o engano facendo crer, por acción ou omisión, que o estado do procedemento era un e non outro

O Reino de España, que só ten unha voz, falou através da súa ‘axente’ e ese ‘axente’ indicou ao TXUE que o procedemento está suspendido. En realidade, o correcto sería dicir que o procedemento ten que estar suspendido porque así o establece o Estatuto do TXUE que é a norma aplicábel ao presente caso.

Pretender outra cousa é pretender inventar as normas e en dereito da Unión e ante os Tribunais da Unión tan importante é ter razón como saber explicala, mais, sobretodo, non enganar ninguén.

O engano non xurdiu da ‘axente’ do Reino de España senón de quen induciu ao engano facendo crer, por acción ou omisión, que o estado do procedemento era un e non outro. Á vista da documentación que se foi xerando, decántome máis pola acción que pola omisión.

Pretender, como parece deducirse de versións interesadas, que o Supremo non está representado pola ‘axente’ do Reino de España é tanto como expor que tan alta maxistratura conta, alén do máis, con capacidade de representación internacional propia… o que non só é un absurdo e unha pontapé ás normas de dereito internacional, senón que ben podería ser interpretado, por algúns, como un acto de rebeldía ou secesionismo xurisdiccional incompatíbel coas funcións que teñen encomendadas.

Tan absurda é a formulación que se está radiando desde o contorno do Tribunal Supremo como que esquezan que cando algún damnificado das súas sentenzas demanda o Reino de España ante, por exemplo, o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) quen defende as actuacións do mesmo Tribunal Supremo non é outra que a mesma Avogacía do Estado da que agora renegan.

A ‘axente’ que representa o Reino de España faino, na grande maioría dos casos, representando as posicións dos diversos órgaos xurisdiccionais cuxas actuacións ten que defender perante o TXUE, o TXUE, o TEDH ou os diversos comités das Nacións Unidas.

Non é novo que a xenérica representación do Reino de España en realidade responda a situacións creadas por órgaos xurisdiccionais, case sempre polo propio Tribunal Supremo; o único novo é que agora se pretenda facer crer que a ‘axente’ defende algún escuro interese do Goberno central cando o que tenta facer é defender o indefendíbel que é, xustamente, o procedemento que se sustenta ante un órgao manifestamente incompetente como é o Tribunal Supremo.

En calquera caso, pretender enganar sobre as funcións da ‘axente’ e pretender enganar sobre a súa representación para, dese xeito, tapar o previo engano consistente en facer crer o que non era non pode nin vai ser inocuo. En dereito da Unión, un campo en constante construción, poden ser feitas e ditas moitas cousas, mais hai unha liña vermella que non se pode nin debe cruzar: a das mentiras.

En definitiva, o que levou á detención do president Puigdemont non é outra cousa que unha concatenación de medias verdades, estratexias infantís e indixestas así como enganos que serviron para inducir a confusión o TXUE e, desa feita, crear un marco, aparentemente legal, que permitiu que, abusando dos mecanismos de cooperación xurídica e policial existentes na Unión Europea, aparellos do Estado puxesen en andamento unha operación que acaba por ter un claro efecto boomerang. A culpa é deles e non da ‘axente’, que mal ou ben, fai o seu traballo como os avogados facemos o noso e, sempre, con absoluta lealdade e honestidade profesional.

El Nacional